
A primeira das estreas, Recortes, caneos e outras formas de driblar, prevista para o segundo semestre deste ano, achégase ao deporte de elite cun espectáculo creado a partir da investigación de Nacho Carretero sobre o fútbol. Trátase dunha obra de carácter xornalístico-documental con adaptación e dramaturxia de Xosé L. Prieto. A través dela proponse unha reflexión arredor do deporte de elite con diferentes historias que exceden o xogo futbolístico. Para esta peza o Centro Dramático Galego contratará tres intérpretes.
O lado invisible do poder a través de Shakespeare
Shakespeare en Roma nace a partir das obras Coroliano, Xulio César, Antonio e Cleopatra e Tito Andrónico, de William Shakespeare, e busca achegarse ao lado invisible do poder. A montaxe condensa as catro pezas, con cadansúas direccións e dramaturxias, como unha oportunidade para xuntar tres momentos da historia, o presente, o período Isabelino e a Roma clásica, a través da guerra, a violencia e a loita polo poder.
Así, a dirección de Coroliano asumiraa Rui Madeira, con dramaturxia de Vladimir Snegurchenko; a de Xulio César, María Barcala e Xulio Lago, con dramaturxia de Ana Carreira; a de Antonio e Cleopatra, Sara Rey, con dramaturxia de Ana Abad Larriva, e a de Tito Andrónico, Quico Cadaval, con Lorena Conde como dramaturga. O elenco estará formado por oito artistas.
Pola súa banda, Un hotel sobre o río, con sete actores e actrices, é unha aposta da unidade teatral da Xunta por un clásico da literatura dramática galega, escrito por unha figura transcendental como é Xohana Torres e que foi recoñecido co Premio Castelao en 1968. Desprega en tres actos a historia de Ruth, quen vive e traballa nun val afectado por un proxecto urbanístico que pretende converter o espazo nun hotel con área recreativa.
Elencos versátiles e transdisciplinares
Con carácter xeral, os roles dos proxectos responden á lóxica de creación coral a partir dos respectivos textos, e serán definidos a partir da compensación de perfís entre as candidaturas recibidas. Primaranse intérpretes con probada versatilidade e valoraranse as traxectorias e características dos espectáculos representados. Seleccionaranse tamén algúns perfís transdiciplinares, con coñecementos en música, a danza, o audiovisual ou as artes plásticas.
O proceso de selección constará dunha primeira fase de valoración dos perfís profesionais e, para quen supere esta, doutra de interpretación. As persoas interesadas en optar a estes contratos e cumpran os requisitos establecidos poderán solicitalo presentando o formulario que poderá descargarse na web da Axencia Galega das Industrias Culturais no prazo de dez días hábiles a partir do seguinte ao anuncio da convocatoria.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.