Noticias

O Centro Dramático Galego e Ainé celebran o centenario de María Casares con 'Continente María'

O espectáculo sobre María Casares Continente María, coproducido polo Centro Dramático Galego, Ainé Producións, A Quinta do Cuadrante e o Concello da Coruña, chega ao Salón Teatro de Santiago de Compostela, onde se ofrecerán oito funcións ao longo de dúas semanas. O espectáculo é un canto ao teatro e á vida a través do diálogo coa extraordinaria figura da artista.

O espectáculo sobre María Casares Continente María, coproducido polo Centro Dramático Galego, Ainé Producións, A Quinta do Cuadrante e o Concello da Coruña, chega mañá xoves ao Salón Teatro de Santiago de Compostela, onde se ofrecerán oito funcións ao longo de dúas semanas. Anunciouno hoxe o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, nunha rolda de prensa que contou coa participación do produtor da peza, Xosé A. Touriñán; o director, Tito Asorey, e a actriz Melania Cruz, como elenco, ademais da do director da unidade teatral da Xunta, Fran Núñez.

Con Laura Iturralde como responsable da iluminación, José Faro Coti da escenografía e Jairo Iglesias do vídeo, Continente María mestura teatro, poesía, música en directo (a cargo do o músico Vadim Yukhnevich) e traballo audiovisual para achegarlle María Casares ao público dun xeito artístico. O espectáculo é un canto ao teatro e á vida a través do diálogo coa extraordinaria figura da artista. Presenta a actriz como o mapa dun continente a percorrer gozando dos detalles da súa paisaxe, chea de vitalidade e ganas de vivir todo o que a realidade e a poesía poden ofrecer.

Descubrir a María Casares desde do teatro

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destacou que a iniciativa xorde da necesidade de “divulgar a importancia desta figura desde o espazo escénico, o contexto no que se fixo universal”. “Na programación da Xunta co gallo do centenario do nacemento da actriz non podía faltar unha proposta creada desde o ámbito teatral, como esta peza que estreamos o luns na Coruña no marco da Rede Galega de Teatros e Auditorios e traemos agora a Compostela”, engadiu.

Segundo apuntou Anxo M. Lorenzo, trátase dunha iniciativa que se suma ás diferentes propostas expositivas, editoriais e audiovisuais impulsadas polo Goberno galego en colaboración con diversas institucións, como a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, e que se estenderá máis aló do territorio galego, con accións en Madrid e París. Nesta liña, lembrou que a cidade de Santiago acolle na rúa Xoán XXIII ata finais deste mes unha exposición itinerante que afonda sobre as diferentes facetas de María Casares e en aspectos menos coñecidos da súa traxectoria.

Funcións de xoves a domingo

As funcións previstas no Salón Teatro terán lugar a partir de mañá e ata o 29 de maio, con sesións de xoves a sábado, ás 20,00 horas, e os domingos, ás 18,00 horas. As entradas están xa á venda na web ataquilla.com e poderán adquirirse no despacho de billetes desde dúas horas antes de cada sesión. O prezo é de 10 euros de xoves a sábado, con descontos para diferentes colectivos, e de 6 euros os domingos, día do espectador.

Continente María é a quinta coprodución estreada polo Centro Dramático Galego no que vai de ano. Súmase así a Come and go, de Helena Salgueiro; O Péndulo, de Inversa Teatro; Rastros, de Condetrespés, e os novos volumes de Clásicas desfeitas, en coprodución coa Cidade da Cultura de Galicia e a cargo das compañías Galeatro e Moving Compass. A programación de coproducións neste primeiro semestre péchase o 28 de maio con Asemblea xeral, de Sarabela Teatro, cuxa función inaugural terá lugar no Barco de Valdeorras. Co impulso a estes proxectos búscase dinamizar a actividade escénica e a creación de audiencia en todo o territorio, así como reforzar a colaboración pública e privada no eido teatral.

R., 2022-05-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES