Noticias

O grupo de traballo anuncia un acordo que materializará a descentralización do segundo ciclo de Medicina no curso 2028/2029

'Anuncio con ledicia que hai un acordo de todas as partes, que pensamos que poder ser moi bo para mellorar a docencia da titulación de Medicina en 4º, 5º e 6º e que se desenvolverá a partir do curso que vén e durante os tres próximos'. Con estas palabras confirmaba o reitor da UVigo e coordinador do grupo de traballo para a descentralización do segundo ciclo do Grao en Medicina, Manuel Reigosa, a consecución dun acordo baseado no preacordo ratificado o pasado venres polos reitores de Vigo, Santiago e A Coruña e as consellerías de Educación e Sanidade. Non obstante, os termos concretos do documento non se farán públicos ata que este sexa coñecido polos integrantes do Consello de Docencia Clínica.

Na comparecencia que en representación do grupo de traballo, que esta tarde se reuniu na Reitoría da UVigo, ofreceron os reitores de Vigo, Santiago e A Coruña, destacaron o esforzo e a xenerosidade das partes implicadas na consecución dun acordo, que unha vez que sexa aprobado polo Consello de Docencia Clínica será trasladado aos respectivos consellos de goberno das tres universidades que tamén deberán darlle o seu visto e prace. “Logo da aprobación polos consellos de goberno entrará en vigor inmediatamente e a primeira xuntanza da comisión de seguimento ten que ter establecido algo antes do 21 de xaneiro de 2026”, confirmou Manuel Reigosa, que reiterou, que segundo se recolle no acordo no curso 26-27 empezaría a docencia práctica de 5º; no 27- 28 toda a docencia teórica e practica de 5º e no 28-29 todo a docencia e teórica e practica de cuarto, rematándose así o proceso de descentralización.

Prazos para a descentralización e unidades docentes

Tras explicar que “a descentralización orbita arredor da creación de unidades docentes nas que estaremos as tres universidades e precisa que fagamos planificación do profesorado que fai falla, o 50% será da USC e 50% da universidade correspondente sexa Vigo ou Coruña”, Manuel Reigosa, recoñeceu que precisamente os prazos para desenvolver este proceso de descentralización foi unha das cuestións que xerou hoxe algunhas discrepancias no seo do grupo de traballo.

“Había quen pensaba que en dous anos se podían descentralizar 4º e 5º e outros que había que facelo en máis tempo, Pero finalmente chegamos ao consenso de tres anos e medio ou tres cursos e somos optimistas en que se poida facer. En 2015 non había prazos e agora quixemos ser moi estritos para que poidamos ter elementos de xuízo de que o acordo se desenvolve correctamente”, dixo Reigosa. Pola súa banda, Antonio López, reitor da USC destacou que para descentralizar a parte teórica “fai falta dotar as prazas de profesorado. Temos prazas de PAC nos hospitais de Vigo e Coruña, pero para a docencia teórica temos que facer a dotación e prazas vía profesorado permanente, vinculado ou asociado e non se improvisa dun curso para outro”, sinalou López, que situou arredor de 40 os e as docentes necesarios para atender a docencia descentralizada nas dúas unidades de Vigo e A Coruña.

Un acordo moi diferente ao do 2015, bo para as universidades e para Galicia

Tras abrir hai medio ano o debate sobre o estudos de Medicina, o reitor da UDC, Ricardo Cao, gabou hoxe “a capacidade diálogo das tres universidades, as consellerías e a Xunta, poñendo o SUG como prioridade” para a consecución dun acordo que sinalou “é moi diferente ao de 2015 no fondo e na forma, porque é máis amplo, ambicioso, concreto e establece garantías se se incumpre”. Cao, que destacou varios aspectos do acordo, como a creación de unidades docentes ou que se contemple un concerto único entre o Sergas e as tres universidades, tamén puxo en valor que inclúa garantías ante posibles incumprimentos e ante a entrada de universidades privadas que queiran impartir o Grao en Medicina.

Neste sentido o reitor da UVigo destacou que ante a existencia de incumprimentos é posible saírse do acordo, aínda que se manifestou optimista ante a posibilidade de que se poida desenvolver o proceso de descentralización. Pola súa banda, o reitor da USC expresou a súa satisfacción por un acordo que considera “bo para as universidades, para a Facultade de Medicina, para o sistema sanitario galego e para Galicia, porque aproveitamos todas as capacidades para a formación dos novos médicos”.

Retirada da petición de declaración de interese

Na súa comparecencia ante os medios, o reitor da UVigo confirmou que hoxe, segundo o acordado no Consello de Goberno celebrado hai un mes, realizouse o pedimento da declaración de interese para a implantación do Grao en Medicina. “Non obstante, pediremos no vindeiro Consello de Goberno a súa retirada e que vaiamos polos termos deste acordo”, explicou o reitor vigués.

Mentres o seu homólogo coruñés confirmou que adiarán a súa proposta de solicitar o Grao en Medicina.

R., 2025-11-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES