Notas de prensa

O proxecto europeo Storcito buscará desde Vigo solucións innovadoras en incendios, mobilidade e enerxía no ámbito rural

Allariz acolle a primeira asemblea xeral presencial do proxecto europeo Storcito. Liderado pola UVigo e con case 4,9 millóns de euros de orzamento, a iniciativa reúne a once socios de cinco países co obxectivo de fomentar a innovación multidisciplinar en ámbitos chave das zonas rurais europeas: a xestión sostible dos recursos e prevención de incendios forestais, a transición a sistemas enerxéticos sostibles e a consecución dunha mobilidade sostible, inclusiva e climaticamente neutra.

A xuntanza en Allariz, que ten lugar no Eurostars Vila de Allariz Hotel & Balneario, reúne a unha trintena de persoas procedentes das entidades implicadas en Alemaña, Países Baixos, Grecia e Noruega, ademais de Galicia. Tras arrancar en maio a súa actividade, os responsables do proxecto sinalan que durante estes primeiros meses o seu traballo centrouse no desenvolvemento da xestión tanto dos paquetes de traballo como do proxecto no seu conxunto, sendo agora o obxectivo desta asemblea “asentar as bases dos casos de estudo do proxecto e comezar a desenvolver e aplicar a metodoloxía de traballo neles”.

Na apertura do encontro, Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, subliñou que o impacto de Storcito non se limita ao ámbito académico, “senón que tamén chegará á sociedade, á que aspiramos a servir”, subliñando a importancia de contribuír desde a Universidade “a un futuro onde as comunidades rurais europeas lideren a loita contra o cambio climático e sexan máis seguras fronte aos incendios forestais, impulsadas por enerxías limpas e conectadas mediante un transporte intelixente e ecolóxico”. Igualmente, o responsable académico salientou o orgullo da institución académica por ver persoal investigador seu liderar iniciativas de ámbito europeo da envergadura de Storcito.

Abordaxe multidisciplinar

O consorcio de Storcito (Sustainable transformation of rural communities via technical, social and organizational innovations) está formado por cinco institucións académicas (Universidade de Vigo, Universidade Ruhr de Bochum, Universidade Agrícola de Atenas, Universidade de Utrecht e o Instituto de Tecnoloxía Deggendorf); as entidades de innovación Sintef AS (oenegué dedicada á I+D) e o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde); as empresas de desenvolvemento tecnolóxico Innogando SL (sector gandeiro) e Nimmo AS (mobilidade sostible) e o municipio noruegués de Gjesdal. Cunha duración de tres anos, está financiado con 4.862.797,70 euros a través do programa Horizonte Europa da UE. O equipo do campus de Ourense que lidera a iniciativa está encabezado por Fernando Veiga (do Laboratorio de Sistemas Aeroespaciais e de Transporte-Aerolab e da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo), Maribel Doval (de Historia Contemporánea I e da Facultade de Educación e Traballo Social) e María Fernández (de Sistemas Agroambientais e da Facultade de Ciencias). Os grupos participantes pertencen ao Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense.

O proxecto, destacan os seus promotores, destaca polo seu profundo carácter multidisciplinar, apuntando que optouse por unir persoal docente e investigador de áreas de coñecemento moi diversas para poder acabar propondo solucións innovadoras que inclúan moitos puntos de vistas distintos e enriquecedores ao mesmo tempo. “O esquema xuntar tecnoloxía aérea non tripulada, análise biolóxica dos solos e factores sociais e educativos é certamente rompedor”, afirman.

Adaptar e aplicar tres tecnoloxías

Storcito centrarase “en aterrar distintas tecnoloxías ao rural e adaptalas a este tipo de contornas cun alto potencial de futuro e innovación”. A primeira destas tecnoloxías son métodos de prevención de incendios forestais. Nesta liña de actuación os socios traballarán nunha ferramenta para a análise de índices de risco de incendios, unha ferramenta de última xeración e con escala de orde metro que utilizará datos xeoespaciais e índices sociais. Tamén abordarán a utilización de gando autóctono guiado por sistemas de posicionamento global (GPS) para o mantemento intelixente da vexetación no rural e para reducir o risco de incendios. Igualmente o proxecto contempla a análise sociolóxica da percepción dos lumes en zonas rurais e a xeración de materiais didácticos para concienciar sobre o valor da prevención. Este apartado desenvolverase principalmente en Ourense e en Grecia.

A segunda tecnoloxía de traballo de Storcito é a introdución de CCUS (tecnoloxías de captura de carbono do aire) en áreas rurais, analizando o seu grao de aceptación na sociedade e propondo solucións aos xestores rexionais. Esta liña desenvolverase en Alemaña e Países Baixos principalmente. A terceira tecnoloxía é a modificación dunha aplicación de mobilidade baixo demanda para adaptala ás necesidades da sociedade rural (dispersión, envellecemento, etc.) e fomentar así a mobilidade sostible, climaticamente neutra e inclusiva. Neste caso, o traballo recaerá sobre todo nos socios de Noruega, sendo apoiados desde Ourense.

Para o seu desenvolvemento, Storcito seleccionou diferentes ecosistemas rurais como escenarios representativos das catro zonas climáticas de Europa: atlántica, mediterránea, continental e boreal. As innovacións, indican desde a súa organización, “crearanse en conxunto coas partes interesadas rurais para responder ás súas necesidades e examinarase a súa viabilidade e/ou inconvenientes en diferentes rexións bioxeográficas".

Universidade de Vigo (UVigo), 2025-11-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES