Noticias

Rueda destaca que a Xunta mobiliza 103 millóns de euros para paliar o impacto sobre os concellos do 'taxazo' do lixo e das últimas medidas adoptadas polo Goberno central

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou que o Executivo autonómico 'mobilizou 103 millóns de euros desde 2022' para apoiar os concellos galegos no exercicio das súas competencias en materia de residuos 'e paliar o impacto do taxazo do lixo' imposto polo Goberno central nas arcas municipais. Nesta liña lembrou que 'Galicia é a única comunidade con achegas para apoiar aos concellos' nesta materia. Así se recolle nun informe do que tomou razón o Consello, e que detalla as principais actuacións, proxectos e transferencias directas realizadas por parte do Executivo autonómico co fin de garantir o mantemento duns servizos municipais básicos e, á vez, axudar ás entidades locais a cumprir coas novas obrigas e obxectivos europeos no eido dos residuos.

Rueda lembrou que o escenario actual está marcado pola entrada en vigor da nova taxa de recollida e xestión do lixo (o chamado taxazo), de carácter obrigatorio desde o pasado 10 de abril para os concellos de todo o país e que provocou, a nivel nacional, unha recente cadea de reaccións e protestas a raíz da emisión dos primeiros recibos en incorporar este gravame. As diferencias nos importes a pagar por un fogar tipo en función do municipio no que estea localizado “poden chegar a ser de ata 230 euros”, segundo explicou.

A obriga de introducir esta nova taxa nas ordenanzas fiscais municipais foi incorporada e regulada a través da Lei estatal de residuos e solos contaminados para unha economía circular, aprobada no ano 2022. “Unha lei que a Xunta desde o primeiro momento considerou inxusta”, indicou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez.

O Goberno central argumentou entón que o facía en cumprimento da normativa comunitaria pero a propia Comisión Europea desmentiu esta premisa, ao aclarar en varias respostas parlamentarias que a Directiva sobre residuos non impón a creación de ningunha taxa de lixo senón que son os estados membros os que escollen os instrumentos a aplicar para garantir que se cubran os custos íntegros de xestión dos residuos urbanos —recollida, transporte e reciclaxe—. “A Unión Europea daba diferentes alternativas”, asegurou a conselleira.

A norma estatal sobre residuos tamén regulaba aspectos relacionados coas novas obrigas a nivel europeo á hora de separar determinadas fraccións do lixo, establecendo incluso prazos máis restritivos que os fixados pola propia UE.

En concreto, a lei estatal de 2022 impuña ás entidades locais de máis de 5.000 habitantes a implantación de sistemas de recollida separada para a materia orgánica (os chamados biorresiduos) antes do 30 de xuño de 2023, é dicir, reducindo en seis meses o prazo marcado polas autoridades comunitarias. A Xunta solicitou unha prórroga ao Goberno central, sen éxito, co argumento de que para a maior parte dos concellos afectados sería inasumible implantar nos seus respectivos territorios a recollida selectiva desta fracción no prazo legalmente establecido en España.

A petición do Goberno galego baseábase no coñecemento das dificultades económicas e loxísticas coas que moitas entidades locais afrontan as novas exixencias a nivel nacional e comunitario en materia de xestión e tratamento dos residuos urbanos, uns servizos que son de competencia municipal pero nos que a Xunta leva anos colaborando por diferentes vías, co fin de optimizar o seu funcionamento e garantir que a Comunidade, no seu conxunto, se achegue aos estándares comunitarios nun eido clave para avanzar en termos de sostibilidade e de economía circular.

Este contexto a nivel municipal vese agravado polas políticas fiscais impulsadas desde Madrid nos últimos anos en materia de residuos e que apostan máis por penalizar ás administracións locais e aos distintos axentes implicados na xestión do lixo que por medidas incentivadoras e que recompensen as boas prácticas.

Resposta aos desafíos para unha xestión sostible do lixo

Ante os desafíos que afronta Galicia en materia de xestión de residuos, a Xunta ten intensificado desde 2022 o seu apoio técnico e económico aos concellos neste eido. Así, destaca o impulso e posta en marcha dunha completa Rede pública de infraestruturas para a xestión dos biorresiduos, con 13 plantas de transferencia e 4 de compostaxe nas que se investiron 45 millóns de euros e que xa está plenamente operativa desde este verán. Deste xeito, garántese que os 295 concellos adheridos ao modelo Sogama “teñan algunha destas instalacións a menos de 50 quilómetros de distancia”, indicou a conselleira.

A maiores e co fin de adaptar o servizo que ofrece o complexo medioambiental de Cerceda á xestión doutras fraccións e facilitar o cumprimento da nova obriga municipal de separar o material téxtil desde xaneiro deste ano, o pasado maio adxudicáronse as obras da primeira planta pública de clasificación de residuos téxtiles de Galicia por case 22,5 millóns, que, previsiblemente, estará concluída e en marcha a mediados de 2026.

Ademais, en resposta ás últimas medidas fiscais introducidas polo Goberno central nos dous últimos anos, como o novo imposto ao vertido e á incineración, a recuperación do gravame sobre a produción de enerxía ou a máis recente taxa do lixo, a Xunta decidiu asumir con fondos propios o 60 % da suba do canon que percibe Sogama por recibir e tratar os residuos dos concellos adheridos ao seu sistema.

Esta decisión traduciuse en 2025 nun desembolso por parte do Goberno galego de 21,1 millóns de euros —12,1 millóns distribuídos entre os 313 concellos a través do Fondo de cooperación local e 9 millóns transferidos a Sogama para cubrir a tarifa de canon reducido— que contribuíron a reducir o impacto económico que están a ter sobre as arcas municipais os novos impostos e políticas estatais relacionados coa xestión do lixo.

O apoio técnico e económico aos concellos para acompañalos no esforzo que realizan neste eido traduciuse tamén este ano en 11,5 millóns de euros outorgados a 170 entidades locais a través de distintas axudas para financiar proxectos e investimentos que melloren a recollida dos residuos domésticos, perigosos, voluminosos e aparellos eléctricos e electrónicos así como dos biorresiduos, aceites de cociña usado ou residuos téxtiles, un esforzo que se manterá en 2026 coa convocatoria por parte da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático de novos incentivos dirixidos aos concellos, entre os que destaca, por exemplo, a liña de achegas para dixitalizar a recollida do lixo.

Maiores compensacións por parte dos SCRAPs

Os investimentos do Goberno galego neste eido compleméntanse, ademais, con outro tipo de medidas máis difíciles de cuantificar pero que contribúen de igual xeito a optimizar a xestión do lixo e a facilitar o mantemento do servizo a nivel municipal. Neste sentido, cómpre citar o plan de transformación dixital no que está inmersa a empresa pública Sogama, cun investimento previsto de case 2,8 millóns de euros e con medidas concibidas especificamente para mellorar a comunicación e o servizo ofrecido aos concellos, como o chamado Portal do cliente, un sistema de xestión pioneiro que axilizará o intercambio de datos e información relacionada cos seus residuos.

Así mesmo, tamén se puxo en marcha e á disposición de todos os concellos interesados a Oficina técnica de economía circular, cun investimento de case 600.000 euros e á que xa están a acudir desde o seu lanzamento o pasado mes de maio en busca de asesoramento e ideas para adaptar a xestión que fan nesta materia aos principios de eficiencia e aforro.

Por último, cómpre lembrar que a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático tamén asumiu este ano un papel clave na negociación dos novos convenios marco con distintos sistemas colectivos de responsabilidade ampliada do produtor (SCRAPs), para conseguir unhas condicións máis vantaxosas e mellorar os ingresos para as arcas locais.

Froito desta mediación asináronse convenios cos SCRAP que xestionan os envases domésticos de vidro, as pilas e acumuladores e os residuos de aparellos eléctricos e electrónicos, con incrementos nas compensacións que percibirán a partir de agora os concellos asinantes que oscilan, de media, entre os 30 euros/tonelada e os 99 €/Tn.

R., 2025-11-17

Actualidad

Foto del resto de noticias (compostela-tradfest-2026.jpg) O Compostela TradFest desenvolverase en tres dos espazos máis emblemáticos do casco histórico compostelán: a Praza da Quintana, a Praza de Mazarelos e a Igrexa da Universidade, integrando o patrimonio monumental da cidade nunha experiencia cultural aberta e gratuíta para todos os públicos. Entre os nomes máis destacados figuran Budiño, un dos grandes referentes da música galega actual; Felisa Segade, unha das voces máis recoñecidas da nova escena tradicional; a artista Ana Alcaide, acompañada polo estadounidense Bill Cooley; o portugués O Gajo ou o arxentino Martín Bruhn.
Foto de la tercera plana (festival.jpg) O porto da Coruña converterase este outono nun dos grandes espazos da música en directo en Galicia coa celebración da segunda edición de Son & Mar A Coruña. Entre o 18 de setembro e o 11 de outubro traerá á cidade máis de 30 artistas en 12 eventos repartidos ao longo de catro fins de semana, reforzando unha proposta que combina música, cultura e territorio. A principal novidade desta edición é precisamente o seu crecemento. Tras a boa acollida da estrea en 2025, Son & Mar A Coruña pasa de seis a 12 eventos, ampliando tamén a súa duración de dous a catro fins de semana consecutivos.

Notas

A USC celebra este ano o centenario da Biblioteca América, unha das coleccións bibliográficas e documentais máis singulares de Europa sobre o continente americano, coa exposición ‘A Biblioteca América: un soño inaugurado en 1926’ que abriu as súas portas no Colexio de Fonseca. A Biblioteca América da Universidade de Santiago de Compostela é un dos fondos americanistas máis singulares conservados en España.
A UDC acolleu o curso 'Descarbonización Industrial e Tecnoloxías de Captura, Transporte, Almacenamento e Uso do CO₂: Unha Visión Atlántica', no que se abordaron a redución de emisións en sectores industriais de difícil descarbonización, as cadeas de valor asociadas ao CO₂, as infraestruturas de transporte e almacenamento xeolóxico, así como as diferentes alternativas para a valorización deste gas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES