Notas de prensa

Ollando Compostela dende diversas ópticas

A abordaxe da cidade de Santiago de Compostela dende múltiples ópticas é o eixo que vertebra os dous libros que a Rede Galabra presentou este martes no Colexio San Xerome. O reitor Antonio López acompañou ao director da Rede e decano da Facultade de Filoloxía, Elias J. Torres Feijó, así como á integrante de Galabra, Marisa del Río, na presentación destes dous volumes titulados 'A cidade, o camiño e nós' e 'Visitar, comerciar e habitar a cidade', que pretenden reflectir como somos, como nos vemos, e como nos ven.

As investigacións desenvolvidas pola Rede e plasmadas nas publicacións que acaban de ver a luz, constatan que a imaxe previa do conxunto de persoas visitantes sobre Compostela está maioritariamente vinculada á súa dimensión xacobea, mentres que a imaxe previa de Galicia vincúlase coa paisaxe, natureza, xeografía e clima. “Existe unha camiñización de Santiago”, explicou Torres Feijó ao salientar que este é un feito de gran relevancia xa que “os discursos sobre a cidade condicionan o tipo de uso que se fai da propia cidade”. Pola súa parte, o reitor salientou a importancia deste tipo de estudos xa que contribúen a “mellorar as condicións de vida da xente”. Nesta mesma liña, a profesora del Río destacou que “é preciso seguir observando” para poder despois intervir na toma de decisións. O estudo evidencia, asemade, que as persoas que chegan a Compostela peregrinando supoñen un 30% do conxunto de visitantes.

Como nos vemos

A Cidade, o Camiño e Nós pretende contribuír a responder diversas preguntas relacionadas con Santiago de Compostela e as súas xentes. “Como somos, como nos vemos, como vemos quen nos visita e como esta xente nos ve”, son algunhas das cuestións formuladas segundo explican os integrantes de Galabra. O volume inclúe a síntese das diversas perspectivas manifestadas en oito mesas redondas de representantes da cidadanía. Alén de Torres Feijó e Marisa del Río, son autores do volume Emilio Carral, M. Felisa Rodríguez Prado e Irene Pichel Iglesias.

Transformación

Pola súa parte, Visitar, comerciar e habitar a cidade pretende dar conta das tres exposicións temáticas que, inscritas no proxecto expositivo xeral ‘A Cidade, o Camiño e Nós’, serviron para transmitir á cidadanía de Compostela coa colaboración do Concello, entre outubro de 2019 e xaneiro de 2020, os principais achados en relación ás diversas visións de Santiago e ás diferentes imaxes e prácticas de visitantes, habitantes e comerciantes de Compostela.

“A partir das informacións declaradas polas máis de 3.700 persoas que, respondendo a diversas entrevistas, colaboraron no desenvolvemento desta investigación realizada dentro da Rede Galabra, preséntanse aquí elementos que axudan a identificar os impactos –tanto positivos como negativos– desas imaxes e prácticas na comunidade local”, explicaron os investigadores. Así, ponse o foco en cuestións de relevancia para “conformar opinión informada sobre diversos aspectos da transformación experimentada por Santiago de Compostela nos tempos máis recentes e para pensar a cidade e a comunidade que queremos para o futuro”, engaden. Zósimo López Pena, Roberto Samartim, Raquel Bello Vázquez, Carlos Pazos-Justo, Álvaro Iriarte Sanromán e Susana Sotelo Docío son os autores da obra.

Agrupamento internacional

A Rede Galabra é un agrupamento internacional que reúne Grupos Galabra da USC, Universidade do Minho, Federal de Goiás e do Instituto Superior Universitário de Luanda, e persoal investigador de diversas universidades. Esta Rede traballa sobre narrativas, comunidades, territorios e bens simbólicos, nunha perspectiva transdisciplinar, con atención á planificación e transferencia de resultados e combinando investigación cuantitativa e cualitativa.

Os resultados contidos en A cidade, o camiño e nós e Visitar, comerciar e habitar a cidade son froito de dous proxectos de investigación sobre ‘Discursos, imaxes e prácticas culturais sobre Santiago de Compostela como meta dos Camiños de Santiago’ (2012-2016), así como ‘Narrativas, usos e consumos de visitantes como aliados ou ameazas para o benestar da comunidade local: o caso de Santiago de Compostela’ (2018-2021), financiados parcialmente pola Agencia Estatal de Investigación española, con fondos FEDER.

Universidade de Santiago de Compostela, 2021-05-04

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES