//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias cultura
A Filmoteca de Galicia retoma a programación para ofrecer unha retrospectiva do mestre do cinema xaponés Mikio Naruse, con once títulos que se poderán ver na sede coruñesa da Fundación Barrié debido ás obras de modernización que se están a acometer no centro audiovisual da Xunta. Trátase dunha iniciativa desenvolvida en colaboración coa Japan Foundation e en paralelo coas filmotecas de Valencia e de Cataluña, así como co Círculo de Belas Artes de Madrid. O ciclo comeza este mércores e prolóngase ata o día 15 con sesións ás 17,00 e ás 19,30 h. A entrada é de balde ata completar a cabida.
Tras a ofrenda floral, desenvolvida nas inmediacións do busto do artista en Vigo, celebrouse a entrega dos galardóns correspondentes aos anos 2021 e 2022. O Premio Laxeiro 2022 foi para o grupo Atlántica, agrupación artística creada en 1980 co propósito de reactivar as artes plásticas en Galicia, que tivo unha curta vida, ata 1983, tempo no que realizaron cinco exposicións comisariadas e recibiron o Premio da Crítica Galicia.
A Cidade da Cultura despide este domingo a primeira exposición retrospectiva que se centra na escultura do artista pontevedrés Jorge Castillo Casalderrey, faceta máis descoñecida que a da súa obra pictórica, pero sobre a que traballou desde os seus inicios como artista, establecendo un intercambio constante entre as dúas disciplinas. Será a derradeira fin de semana para achegarse ao Gaiás e gozar desta escolma en 120 obras, cunha montaxe especialmente pensada para ese espazo, co que establece un diálogo permanente de liñas e formas.
Preto de vinte concellos, dous centros de ensino e o Centro Sociocomunitario de Ferrol sumáronse xa ás viaxes en autobús organizadas polo Centro Dramático Galego (CDG), unidade teatral da Xunta, para ver a súa produción A peste, que se representará no Salón Teatro de Santiago de Compostela. A montaxe inspirada na obra homónima de Albert Camus, con dirección e dramaturxia de Cándido Pazó, retoma este mércores o calendario previsto de funcións e permanecerá en cartel no espazo compostelán ata o 13 de marzo.
As colaboracións con institucións internacionais, as itinerancias e o apoio á creación marcan a acción cultural dun ano no que se conmemora o décimo aniversario da apertura do Museo Centro Gaiás. Unha das propostas máis destacadas, que ademais se poderá ver por vez primeira na Península, será CARNE y ARENA, experiencia de realidade virtual gañadora dun Oscar do cineasta mexicano Alejandro González Iñárritu, director de galardoados filmes como Amores perros, Babel, 21 gramos ou Birdman.
O Centro Galego de Arte Contemporánea retoma o programa expositivo de apoio a artistas de Galicia de media carreira, iniciado en 2016 e que se viu interrompido nos dous últimos anos por mor da pandemia, coa mostra 'Suso Fandiño. Wunderkammer', que presenta obras recentes e tres grandes instalacións producidas especificamente para o espazo arquitectónico do CGAC. Con ela o artista propón unha serie de vías e ligazóns pouco habituais, debuxando un espazo museístico onde as obras conectan entre si creando relacións punzantes.
O ciclo de conferencias enmárcase na programación do centenario de María Casares que ofrecerá durante todo o ano actividades tanto en Galicia como fóra, a través de propostas dixitais, editoriais, escénicas e audiovisuais que percorrerán toda a súa pegada histórica desde diferentes plataformas e linguaxes. A programación conta coa participación de diferentes entidades e institucións de distintos territorios, como a Xunta de Galicia, a Biblioteca Nacional de España, a Embaixada de España en Francia, o Instituto Cervantes, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Edicións Xerais, a Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), entre outras.
A Cidade da Cultura de Galicia arrinca esta fin de semana na a primeira das propostas da programación de inverno do ciclo Matinais Musicais. Desta volta o cartel inclúe tres concertos para as mañás dos sábados 5 e 12 de febreiro e 5 de marzo que achegarán música de autor da man de Leticia Rey, estilo contemporáneo con Multiplensemble ou tablemusic, a particular maneira coa que o dúo Ual·la! entende as súas cancións con humor intelixente baseándose en elementos da vida cotiá. A cantautora Leticia Rey, natural de Vila de Cruces, foi a gañadora no 2020 do certame que convoca Estudios Mans, da Fundación Paideia, que dá oportunidades a músicos emerxentes.
A Xunta acaba de publicar unha nova edición do seu catálogo Shorts from Galicia, que este ano ofrece unha escolma de sete curtametraxes para dar conta da calidade e variedade da produción galega neste formato audiovisual. A súa difusión internacional está a comezar esta mesma semana no mercado profesional do Festival de Court Métrage de Clermont-Ferrand, en Francia, referente internacional para os profesionais da produción e distribución de curtas. A selección deste ano, a cargo dunha comisión de especialistas, recolle traballos que abordan tanto o xénero documental como a ficción dramática.
A Xunta de Galicia inaugurou hoxe na Biblioteca de Galicia a exposición en homenaxe a Reimundo Patiño neste 2022 polo Día da Ilustración. Ata o 10 de maio, poderá visitarse no Gaiás a mostra que fai un percorrido polas facetas do autor e pintor coruñés, con especial fincapé na banda deseñada, eido no que é considerado un dos pioneiros en Galicia. A exposición, que conta con ao redor de 40 pezas entre distintas reproducións e exemplares relacionados coa súa obra, está artellada en seis seccións, enfocadas no traballo do artista no ámbito da ilustración, da pintura, da literatura e da banda deseñada.
A compañía de teatro USC-Lugo, que dirixe Carmen Conde, completou o aforo do auditorio municipal Gustavo Freire na apertura do XXVII Festival de Teatro Universitario, un certame organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Concello de Lugo e Deputación Provincial de Lugo, coa estrea da obra A Emperadora, escrita e dirixida pola propia Carmen Conde.
O profesor de Educación Visual e Plástica da USC na Facultade de Formación do Profesorado do Campus de Lugo Salvador do Cidrás presenta no Museo de Arte Contemporánea (MARCO) de Vigo 'As formas partilladas', un proxecto desenvolvido en colaboración con Juan Cidrás, no que se investiga o medio cerámico e textil desde unha perspectiva escultórica e pictórica.
A covid-19 obrigou o pasado ano a suspender o Congreso Internacional de Mediación Lectora, un evento promovido pola Universidade de Vigo e o Concello de Pontevedra no marco do Salón do Libro Infantil e Xuvenil e centrado nese labor de 'ponte' que diferentes axentes establecen 'entre o libro e a infancia e a mocidade', como salienta a súa coordinadora, a profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Eulalia Agrelo.
Celébranse esta semana os Días Europeos da Artesanía a través de diferentes actividades de promoción e de divulgación dos oficios artesanais galegos. O evento, que comezou onte e remata o domingo 11 de abril, é unha iniciativa promovida en España pola Escuela de Organización Industrial (EOI) e pola súa área de promoción da artesanía, Fundesarte.
En 2020 cumpriuse o centenario do nacemento de Isaac Díaz Pardo. Cando Alonso Montero recibiu o Premio da Cultura Galega 2019 lembrouno: que ía facer Galicia para homenaxealo? Pois ben, a exposición na Cidade da Cultura 'As miradas de Isaac', a exposición nunha sala do Castelo de Santa Cruz 'Ensemble Isaac'
intervencións por parte dalgún concello e un blog no que se foron publicando 'Unha manda de pezas para Isaac', unha por día.
O lucense Xurxo Morales Varela, de 17 anos, acada en Andorra o terceiro premio internacional de saxofón na sección de xóvenes talentos. Xurxo Morales Varela participou nesta sección do certame como único representante de España e competiu con outras nacionalidades como Francia, Rusia e Italia. Formado no Conservatorio e en centros de ensino de Lugo estivo á altura de saxofonistas formados en Versalles e Moscú.
A directora xeral de Patrimonio Cultural da Xunta e o director de Incipit-CSIC presentaron os resultados das primeiras datacións nas terrazas da Ribeira Sacra que sitúan a súa orixe no século X e permiten reforzar a súa orixe e evolución histórica como paisaxe vitivinícola. Trátase dun estudo que permite achegar evidencias científicas da orixe destes elementos singulares da Ribeira Sacra.
O Salón Teatro de Santiago de Compostela acolle estes días os últimos ensaios da nova produción do Centro Dramático Galego (CDG), Terceiro acto, cuxa estrea está prevista para o 15 de abril. Andrea Jiménez e Noemi Rodríguez dirixen esta peza con textos da súa autoría a partir de improvisacións co elenco, formado por Belén Constenla, Roberto Leal, Fernando Morán, Mabel Rivera e Eduardo R. Cunha Tatán.
O Informe Xerf@ Formación e profesionalización aborda diferentes aspectos do traballo dos xestores culturais dos concellos galegos. No que se refire ao ámbito socioprofesional e laboral, o estudo constata que o persoal responsable da acción cultural ten un perfil heteroxéneo cunha crecente e progresiva incorporación de mulleres á profesión e unha vinculación laboral relativamente estable.
Malia ser un referente da poesía xaponesa, Yasuhiro Yotsumoto plasma tamén a súa visión poética do mundo a través da fotografía. A mostra Camiño, que a partir do venres 26 de marzo e ata o 21 de maio poderá visitarse no Claustro Alto do Colexio de Fonseca, achega parte da procura íntima do eu integrado na natureza. Nado en Neyagawa, o primeiro poemario de Yotsumoto (Warau bagu O bug que ri) foi publicado en 1991.