Noticias

A Biblioteca de Galicia inaugura unha mostra sobre Reimundo Patiño, un dos pioneiros do cómic galego

A Xunta de Galicia inaugurou hoxe na Biblioteca de Galicia a exposición en homenaxe a Reimundo Patiño neste 2022 polo Día da Ilustración. Ata o 10 de maio, poderá visitarse no Gaiás a mostra que fai un percorrido polas facetas do autor e pintor coruñés, con especial fincapé na banda deseñada, eido no que é considerado un dos pioneiros en Galicia. A exposición, que conta con ao redor de 40 pezas entre distintas reproducións e exemplares relacionados coa súa obra, está artellada en seis seccións, enfocadas no traballo do artista no ámbito da ilustración, da pintura, da literatura e da banda deseñada.

Con respecto a este último campo, durante o acto de inauguración, o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, destacou a importancia de pór en valor a Reimundo Patiño “como un dos pais desta disciplina en galego cun estilo e unha linguaxe artística moi persoal, expresionista, informalista e surrealista”, ademais de sinalar que se trata “dunha das figuras da pos-guerra mais importantes para a nosa cultura, impulsor do colectivo Estampa Popular Galega e coautor do primeiro álbum de cómic na nosa lingua”.

Na inauguración tamén estiveron os comisarios da mostra, Daniel Buján e Noelia Báscuas, xefa do Servizo da Biblioteca de Galicia. Ademais, interviu Laura Romero, presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI), entidade que colabora coa exposición, e tamén asistiu a diretora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez.

Percorrido pola exposición

Nas vitrinas instaladas no vestíbulo da Biblioteca de Galicia atópanse exemplares como o de 2 viaxes, o primeiro álbum de cómic editado en galego, lanzado por Reimundo Patiño xunto co Xaquín Marín. Grazas ao Museo Carlos Maside tamén se expoñen as reproducións dixitais dalgunhas das 12 serigrafías que compoñen o cómic mural O home que falaba vegliota, considerada a obra fundacional da banda deseñada galega.

A mostra complétase con catálogos das súas exposicions, ilustracións e monografias en revistas, así como distintos textos como prólogos ou artigos que o autor realizou como teórico (revistas Vieiros e Grial ou xornal La Noche). Entre este material destacan os seus limiares na revista Cuadernos da Gadaña. Entre outras pezas, tamén se pode contemplar unha edición de Bandeiras Neboentas, un libro póstumo de poemas, publicado en 1992, que reflicte a súa faceta menos coñecida.

Ademais, participan nesta iniciativa catro artistas (Alberto Díaz, Aarón Moucho, Sandra Lodi e Andrea López) que realizaron especialmente para esta homenaxe cadansúa ilustración na que amosan a súa visión persoal do artista.

Forte actividade cultural e sociopolítica desde Madrid

Reimundo Patiño, nado na Coruña en 1936 e finado en 1985 pouco antes de cumprir os 50 anos, mantivo unha intensa actividade a nivel de ideais políticos e en prol da cultura galega desde que se instalou en Madrid en 1958. Así, a finais dos 60 impulsou a creación do colectivo Estampa Popular Galega, que produciu obra gráfica cunha forte compoñente sociopolítica.

Xa nos anos 70 erixiuse en cofundador do Taller Redor, a primeira galería de arte experimental española. Foi alí onde estampou e expuxo o cómic mural O home que falaba vegliota (1972) que une nunha mesma manifestación artística gravado e cómic. En 1975 publicaría, xunto con Xaquín Marín, o mencionado primeiro álbum de banda deseñada en galego, 2 viaxes, editado no seu selo Brais Pinto Gráfica.

Patiño colaborou como ilustrador en obras de autores importantes da época como Novoneyra, Méndez Ferrín ou Manuel María. É de destacar, ademais, que nos 80 foi convidado a participar en exposicións do grupo Atlántica, foco da renovación da plástica galega.

R., 2022-01-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES