
A pandemia, engadiu a tamén directora da Área de Dinamización Cultural, Educativa e Integración do campus, viu a modificar os nosos modos de relacionarnos, pero tamén os nosos hábitos lectores, pasando a lectura a ocupar un espazo central neste período, no que foi compañeira, axudounos a encontrar acubillo e puxo ao noso dispor liñas que nos permitisen reflexionar e encontrar liñas de salvación, un estímulo para seguir camiñando. Partindo destas ideas, este congreso internacional desenvolverá a súa terceira edición os días 22 e 29 de abril e 6 de maio de xeito virtual, baixo o título de Emerxencia literaria: ler en tempos de pandemia.
O vicerreitor do campus, Jorge Soto, e a concelleira de Cultura, Carme Fouces, presentaron este venres xunto a Agrelo o programa da terceira edición deste evento, que se desenvolverá a través do Campus Remoto da Universidade de Vigo, contando coa participación de escritores como Jordi Sierra i Fabra e Mar Benegas e de profesionais da ilustración, as novas tecnoloxías ou a educación. Tras non poder realizarse a edición de 2020, Concello e Vicerreitoría decidiron unir forzas para buscar as vías e os medios necesarios para poder levar a cabo este congreso, apuntou Soto, que destacou as capacidades de iniciación ou transformación que implica a lectura como elementos absolutamente necesarios para afrontar momentos tan desacougantes como os actuais.
Organizado polo Concello, a Vicerreitoría, a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, a Rede Temática de Investigación Lijmi (Literaturas Infantiles y Juveniles en el Marco Ibérico e Iberoamericano) e o Instituto de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela, o congreso conta tamén co apoio de persoal investigador de diferentes universidades nacionais e internacionais no seu comité científico, como salientou Soto. Aberto a un máximo de 150 asistentes, a inscrición permanece aberta na web do Salón do Libro, evento que constitúe, engadiu Fouces, o espazo literario probablemente máis grande de Galicia e que deu forma un ecosistema arredor do libro, no que tiña que medrar un congreso.
Literatura que sanda e que afronta temas tabú
Como espertar na infancia e na mocidade o gusto pola lectura constitúe, como lembrou Agrelo, o eixo central deste congreso, no que se presentarán diferentes experiencias sobre como acompañarlles na adquisición deses hábitos lectores, pero que busca tamén abordar todo o ciclo de produción arredor da literatura infantil e xuvenil e visualizala como un elemento central no panorama cultural.
O evento arrancará o vindeiro xoves 22 cunha xornada moderada pola escritora Tamara Andrés que abrirá o educador Jaume Centelles cun relatorio no que daranos certas claves sobre como aproveitar as potencialidades terapéuticas da lectura, salientou a coordinadora do congreso. Nesta primeira xornada, a escritora e contacontos Charo Pita centrarasé na lectura en voz alta, a primeira que capta a atención do potencial lector, mentres que os responsables do Museo do Videoxogo Galo Martínez e Luz Castro incidirán en como a lectura e a creatividade están tamén presentes nos videoxogos. Por último, o escritor Fran Alonso, achegará ao evento unhas liñas sobre como transmitir o gusto pola poesía á infancia e á xuventude.
Unha semana despois, a escritora Mar Benegas, realizará unha aproximación a obras que abordan temáticas tan difíciles como pode ser a morte que, como explicou Agrelo, resultan difíciles de tratar cos máis novos, tanto nas aulas como nos propios fogares. Tamén o xoves 29, o congreso abordará como a escritura e as imaxes se conectan e retroalimentan no relatorio da ilustradora Luz Beloso e coñecerá os proxectos de humor que difunde a través da rede Hematocrítico, pechando a xornada o escritor Freddy Gonçalves, que proporcionará unha serie de claves para que a mocidade non perda eses hábitos lectores interiorizados nos primeiros anos.
A lectura tamén é solidariedade
O xoves 6 de maio, o congreso contará coa participación do Premio Nacional de literatura infantil e xuvenil Jordi Sierra i Fabra, que afondará tanto no seu traballo como escritor como no labor que desenvolve a súa fundación. Trala súa conferencia, o evento deterase en tres experiencias que amosan, como sinalou Agrelo, que a lectura non é só un medio de formación, senón tamén de solidariedade. Concretamente, buscará dar a coñecer a iniciativa Libros que unen, da comunidade educativa Alpartir de Zaragoza, dirixida a facer chegar a lectura aos fogares necesitados; o proxecto Bubisher, que se leva a cabo no Sahara; e o labor de promoción da lectura que realiza en Colombia Diego Alejandro Ruiz. Por último, o congreso contará na súa clausura coa participación de Luz Gallego, responsable da libraría Seijas, especializada en literatura infantil e xuvenil.
A economía galega medrará catro décimas máis do previsto hai un ano, cando se elaboraron os orzamentos vixentes. Así se desprende do Informe sobre as previsións macroeconómicas que se incluirán nos orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2027, elaborado polo Instituto Galego de Estatística (IGE) e que hoxe foi avalado pola AIReF. Deste xeito, segundo constata o documento, Galicia medrará máis do previsto para este ano. Non en van, se en xullo, cando se aprobou o teito de gasto non financeiro, a Comunidade xa mellorou a previsión de crecemento que estaba nos orzamentos para este ano en dúas décimas, pasando do 1,9 % ao 2,1 %, agora volve a facelo, mellorando noutras dúas décimas (ata o 2,3 %) a previsión para o peche de 2026.