Noticias

O Gaiás volve coas 'Matinais musicais' combinando canción de autor e obras contemporáneas con propostas novidosas como a tablemusic

A Cidade da Cultura de Galicia arrinca esta fin de semana na a primeira das propostas da programación de inverno do ciclo Matinais Musicais. Desta volta o cartel inclúe tres concertos para as mañás dos sábados 5 e 12 de febreiro e 5 de marzo que achegarán música de autor da man de Leticia Rey, estilo contemporáneo con Multiplensemble ou tablemusic, a particular maneira coa que o dúo Ual·la! entende as súas cancións con humor intelixente baseándose en elementos da vida cotiá. A cantautora Leticia Rey, natural de Vila de Cruces, foi a gañadora no 2020 do certame que convoca Estudios Mans, da Fundación Paideia, que dá oportunidades a músicos emerxentes.

A artista abrirá o ciclo o vindeiro sábado día 5 coa interpretación no Museo Centro Gaiás dos temas, en inglés e castelán, do seu primeiro EP, con música e letra propias. Ademais, estará acompañada pola súa banda: Iago Mouriño ao piano e teclados, Óscar Quintáns coa batería e o instrumentalista Jorge Quesada.

As creacións de Leticia Rey móvense entre o mundo dos soños e o real, con melodías inspiradoras e sons etéreos e moi persoais con toques de jazz, folk e indie, cos que pretende transmitir paz e conectar con quen a escoita.
Da música contemporánea á tablemusic

O ciclo continúa o 12 de febreiro no mesmo escenario coa actuación do dúo catalán Ual·la!, formado por Mateo Lai e Alba Rubió. Os seus compoñentes consideran que son únicos no seu xénero, que dan en chamar tablemusic, un termo utilizado para definir a súa particular e orixinal maneira de entender e facer as súas cancións.

¡PLAY! é o nome do espectáculo que porán en escena, mesturando música e humor con conciencia, intelixencia e orixinalidade. Así, Ual·la! convida ao xogo permanente relacionando elementos dispares sen un sentido concreto, facendo do cotiá e aparentemente simple algo creativo e artístico. Para iso válense de polifonías vocais e ritmos de percusión nunha mesa.

O colectivo de artistas vigués Multiplensemble pechará as Matinais Musicais o 5 de mar-zo. Rafael Yebra, co saxofón; Brenda Vidal, ao piano, e David Rodríguez na percusión deleitarán ao público co programa Perspectivas.

O seu repertorio reúne unha serie de pezas musicais para introducirnos no mundo da música actual a través dun itinerario polos continentes europeo, asiático e americano no que o ritmo e a melodía caracterizan cada unha das propostas. A diversidade, eclecticismo e variedade argumental destes autores convidan a unha viaxe na que gozar da música como a arte dos sons sen máis.
Entre as interpretacións incluídas no seu programa destaca a obra do compositor galego Eduardo Soutullo. As entradas para asistir aos concertos están dispoñibles a través de Ataquilla.com.

R., 2022-02-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (interseccion-2026.jpg) Foi presentada a novena edición de Intersección, Festival Internacional de Cine da Coruña, celebrada nos Cantones Cines. O festival desenvolverase do 13 ao 17 de outubro cunha programación que combina proxeccións, exposicións, formación e encontros profesionais arredor das novas linguaxes cinematográficas. Así, as seccións competitivas Galicia, Internacional e Fulgor achegarán ao público obras afastadas dos circuítos comerciais habituais e novas voces da creación audiovisual contemporánea. En concreto, a sección Internacional reúne 27 filmes procedentes de 22 países, entre os que figuran catro estreas mundiais, 17 en España e cinco en Galicia. As propostas exploran cuestións como a tecnoloxía, a memoria, o territorio e a identidade desde linguaxes e xeografías diversas.
Foto de la tercera plana (20261008-ragc.jpg) A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou en Santiago, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, o acto do Día da Ciencia en Galicia, no que se homenaxeou á oceanógrafa Aida Fernández Ríos (Vigo, 1947 - Moaña, 2015) como Científica Galega 2026. Ademais, entregáronse as Medallas de Investigación a cinco científicas e científicos da nosa comunidade. O presidente da Academia destacou que 'Aida Fernández Ríos foi unha investigadora capaz de identificar problemas relevantes e de situalos nun contexto internacional, converténdose nunha científica respectada moito máis alá de Galicia.

Notas

O CiMUS da USC coordina un proxecto europeo para desenvolver unha nova xeración de radioterapia contra os tumores cerebrais. Trátase de InnovaRTBRAIN, unha iniciativa que busca transformar os procedementos actuais para o tratamento de tumores cerebrais, especialmente gliomas, e deseñar novos enfoques de radioterapia máis precisos, efectivos e seguros. Está coordinado desde este Centro Singular polo equipo Novas estratexias en Radioterapia dirixido por Yolanda Prezado.
Pezas que, nun espazo concreto, transforman e reinterpretan obras previas, que á súa vez naceron como rexistros de accións artísticas. Creacións artísticas que xorden como “eco ou resposta” de obras previas de Cora Novoa, Elena Rocamora, Álvaro Porras e María Sánchez, reúnense na exposición Contar cos dedos, que ata o 2 de novembro pode visitarse na Sala O Abrigo da Facultade de Belas Artes.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES