Notas de prensa

O CiMUS da USC coordina un proxecto europeo para desenvolver unha nova xeración de radioterapia contra os tumores cerebrais

O CiMUS da USC coordina un proxecto europeo para desenvolver unha nova xeración de radioterapia contra os tumores cerebrais. Trátase de InnovaRTBRAIN, unha iniciativa que busca transformar os procedementos actuais para o tratamento de tumores cerebrais, especialmente gliomas, e deseñar novos enfoques de radioterapia máis precisos, efectivos e seguros. Está coordinado desde este Centro Singular polo equipo Novas estratexias en Radioterapia dirixido por Yolanda Prezado.

Financiado polo programa europeo Marie Skłodowska-Curie Doutoral Networks, este proxecto de catro anos une unha rede internacional líder de universidades, centros de investigación, hospitais e empresas tecnolóxicas de varios países europeos. A rede integra profesionais nos campos da física médica, bioloxía, enxeñería e oncoloxía radioterápica co obxectivo impactar no futuro da radioterapia e avanzar cara a novas opcións terapéuticas para pacientes con glioma, un dos tumores cerebrais máis agresivos e complexos. Entre as entidades participantes figuran o DKFZ German Cancer Research Center, a Universidade of Antwerp, INEM - Institut Necker Enfants Malades, a Universidade de Oslo, a Universidade de Pavia ou empresas como VARIAN medical systems, Batea Oncology, ou Xstrahl.

Responder os desafíos do glioma

Os gliomas continúan representando un dos maiores retos en oncoloxía debido á súa elevada resistencia aos tratamentos, a súa capacidade para infiltrarse no tecido cerebral san e a complexidade biolóxica da súa contorna tumoral. Para abordar estes desafíos, InnovaRTBRAIN combinará investigación básica, desenvolvemento tecnolóxico e aplicación clínica co fin de comprender mellor a resposta dos tumores á radiación e trasladar rapidamente ese coñecemento a novas estratexias terapéuticas.

Innovación en tecnoloxía e radiobioloxía

O proxecto aposta por tecnoloxías innovadoras en radioterapia, como as estratexias de irradiación espacialmente fraccionada, a terapia FLASH, a protonterapia ou a terapia alfa dirixida, para aumentar eficacia do tratamento mentres se reduce o dano no tecido san. Ademais, InnovaRTBRAIN explora novas estratexias baseadas na interacción entre radiación e inmunidade, incluíndo o estudo da resposta do sistema inmune e o desenvolvemento de terapias combinadas innovadoras, como a integración con inmunoterapia ou terapias celulares.

Formar a próxima xeración de especialistas europeos

Unido aos seus obxectivos científicos, InnovaRTBRAIN ten unha importante dimensión formativa. Este proxecto permitirá capacitar unha nova xeración de científicos con competencias en investigación, innovación e emprendemento no ámbito da oncoloxía radioterápica. Este enfoque non só impulsará o avance científico, senón que tamén contribuirá a fortalecer o ecosistema europeo de investigación e innovación en saúde.

Para iso, a rede financiará 14 contratos predoutorais distribuídos entre as distintas institucións participantes. Os proxectos abarcan áreas clave como as novas modalidades de radioterapia (FLASH-RT, Minibeam Radiation Therapy ou terapias alfa dirixidas), a inmunoterapia, as terapias celulares CAR-T, a dosimetría avanzada, a imaxe médica, a análise multiómica e a bioloxía do microambiente tumoral.

Actualmente, a rede mantén aberto o proceso de selección para varias das categorías predoutorais ofertadas en universidades, hospitais e empresas de distintos países europeos, ofrecendo oportunidades de formación e investigación en ámbitos como a radiobioloxía, a inmunoloxía, a física médica, a bioinformática ou a enxeñería biomédica.

Mellorar a vida dos pacientes

O obxectivo final de InnovaRTBRAIN é mellorar a calidade de vida dos pacientes con tumores cerebrais, ofrecendo tratamentos máis efectivos e con menos efectos secundarios. Á súa vez, o proxecto busca acelerar a transferencia de coñecemento cara á contorna clínica e industrial, favorecendo o desenvolvemento de novas tecnoloxías sanitarias. Coa coordinación do CiMUS e o respaldo dunha sólida rede colaborativa e unha visión multidisciplinar, InnovaRTBRAIN aspira a sentar as bases dunha nova xeración de radioterapia máis personalizada, precisa e eficaz fronte a algúns dos cancros máis difíciles de tratar.

O CiMUS conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia (ED431G/2023/02), que avala a calidade e o impacto da súa investigación, e está «subvencionado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional» e «cofinanciado pola Unión Europea» a través do Programa Galicia FEDER 2021-2027. Ademais, foi acreditado recentemente a nivel nacional como Unidade de Excelencia María de Maeztu, outorgada polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades (axuda CEX2024-001463-M).

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2026-10-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (interseccion-2026.jpg) Foi presentada a novena edición de Intersección, Festival Internacional de Cine da Coruña, celebrada nos Cantones Cines. O festival desenvolverase do 13 ao 17 de outubro cunha programación que combina proxeccións, exposicións, formación e encontros profesionais arredor das novas linguaxes cinematográficas. Así, as seccións competitivas Galicia, Internacional e Fulgor achegarán ao público obras afastadas dos circuítos comerciais habituais e novas voces da creación audiovisual contemporánea. En concreto, a sección Internacional reúne 27 filmes procedentes de 22 países, entre os que figuran catro estreas mundiais, 17 en España e cinco en Galicia. As propostas exploran cuestións como a tecnoloxía, a memoria, o territorio e a identidade desde linguaxes e xeografías diversas.
Foto de la tercera plana (20261008-ragc.jpg) A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou en Santiago, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, o acto do Día da Ciencia en Galicia, no que se homenaxeou á oceanógrafa Aida Fernández Ríos (Vigo, 1947 - Moaña, 2015) como Científica Galega 2026. Ademais, entregáronse as Medallas de Investigación a cinco científicas e científicos da nosa comunidade. O presidente da Academia destacou que 'Aida Fernández Ríos foi unha investigadora capaz de identificar problemas relevantes e de situalos nun contexto internacional, converténdose nunha científica respectada moito máis alá de Galicia.

Notas

O CiMUS da USC coordina un proxecto europeo para desenvolver unha nova xeración de radioterapia contra os tumores cerebrais. Trátase de InnovaRTBRAIN, unha iniciativa que busca transformar os procedementos actuais para o tratamento de tumores cerebrais, especialmente gliomas, e deseñar novos enfoques de radioterapia máis precisos, efectivos e seguros. Está coordinado desde este Centro Singular polo equipo Novas estratexias en Radioterapia dirixido por Yolanda Prezado.
Pezas que, nun espazo concreto, transforman e reinterpretan obras previas, que á súa vez naceron como rexistros de accións artísticas. Creacións artísticas que xorden como “eco ou resposta” de obras previas de Cora Novoa, Elena Rocamora, Álvaro Porras e María Sánchez, reúnense na exposición Contar cos dedos, que ata o 2 de novembro pode visitarse na Sala O Abrigo da Facultade de Belas Artes.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES