Noticias

O CGAC retoma o programa de apoio a artistas galegos de media carreira coa mostra ‘Wunderkammer’ de Suso Fandiño

O Centro Galego de Arte Contemporánea retoma o programa expositivo de apoio a artistas de Galicia de media carreira, iniciado en 2016 e que se viu interrompido nos dous últimos anos por mor da pandemia, coa mostra 'Suso Fandiño. Wunderkammer', que presenta obras recentes e tres grandes instalacións producidas especificamente para o espazo arquitectónico do CGAC. Con ela o artista propón unha serie de vías e ligazóns pouco habituais, debuxando un espazo museístico onde as obras conectan entre si creando relacións punzantes.

O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) retoma o programa expositivo de apoio a artistas de Galicia de media carreira, iniciado en 2016 e que se viu interrompido nos dous últimos anos por mor da pandemia, coa mostra Suso Fandiño. Wunderkammer. Así o destacou o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, na rolda de prensa de presentación da exposición que poderá visitarse ata o 15 de maio. No acto participaron tamén o artista, a comisaria Mónica Maneiro e o director do CGAC, Santiago Olmo.

A mostra presenta obras recentes e tres grandes instalacións producidas especificamente para o espazo arquitectónico do CGAC. Segundo sinalou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, con ela o artista propón “unha serie de vías e ligazóns pouco habituais, debuxando un espazo museístico onde as obras conectan entre si creando relacións punzantes”. “Trátase ante todo de activar no público a necesidade de buscar significados ocultos”, engadiu.

Deste xeito, Fandiño transforma o museo nun espazo de xogo que lle permite reflexionar sobre o social a partir da descontextualización e a reorganización dos produtos da sociedade de consumo e faino partindo da visión das cámaras de marabillas (wunderkammers, en alemán) como espazos cambiantes.

O secretario xeral de Cultura referiuse tamén á dimensión política do traballo, baseada na interrogación do espectador. “A idea do uso político da arte, que subxace en toda a exposición, magnifícase no pavillón errante, a grande instalación coa que o artista invade o dobre espazo do CGAC e recrea os mastros da fachada do Pavillón da República Española na Exposición Universal de París de 1937”, apuntou.

Na data da apertura da exposición, mañá venres, haberá unha presentación aberta ao público por parte do artista, a comisaria e o director do CGAC. O acto terá lugar ás 18,30 no auditorio do espazo compostelán.

Creador clave na arte galega

Cunha traxectoria desenvolvida a través da mestura de elementos pictóricos, fotografía, vídeo e a instalación, Fandiño é “un dos creadores clave no contexto da arte contemporánea en Galicia nas últimas décadas”. Neste sentido, Anxo M. Lorenzo incidiu na relevancia desta primeira mostra individual do compostelán no CGAC, así como do programa de apoio a artistas de media carreira no que se enmarca, iniciado en 2016 con Berta Caccamo e que tivo tamén como protagonistas a Álvaro Negro, Nicolás Combarro e Loreto Martínez Troncoso.

Nacido en Compostela, Suso Fandiño é doutor en Belas Artes pola Universidade de Vigo e licenciado en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela. Actualmente traballa como docente na Facultade de Belas Artes de Pontevedra e no ensino secundario, ademais de impartir cursos conferencias. A súa obra foi exposta en diversos espazos nacionais e internacionais, así como en feiras de arte, e forma parte de importantes coleccións públicas e privadas, como a Colección CGAC. A súa serie sobre o conflito sirio recibiu en 2016 o máximo galardón no Premio Internacional de Gráfica Máximo Ramos.

R., 2022-02-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (libros-biblioteca.jpg) Ferrol é a primeira das 13 citas co libro e a lectura que terán os galegos e galegas en diferentes vilas e cidades das catro provincias. Tras esta cidade, recollerá o relevo Santiago de Compostela, do 2 ao 10 de maio; Lugo, do 13 ao 17 de maio; O Porriño, do 14 ao 17 de maio; Redondela, do 11 ao 14 de xuño, e Ourense, do 17 ao 20 de xuño. Xa no mes de xullo, Vigo abrirá o día 1, prolongándose ata o día 7, continuando en Ponteareas, desde o día 9 ata o 12, e en Rianxo do 23 ao 26. Finalmente, en agosto, as Feiras do Libro viaxarán ata A Coruña, do 1 día ata o 10; Viveiro, do día 13 ao 19; Foz do 20 ao 23, e rematarán en Monforte de Lemos, onde se celebrará do día 26 ao 29 de agosto.
Foto de la tercera plana (libros.jpg) O número de persoas en Galicia que le ocasional ou habitualmente na nosa lingua medra en case nove puntos ata acadar o 72 %, isto é, sete de cada dez galegos. Ademais deste incremento do 13 por cento na lectura ocasional ou habitualmente en galego con respecto ao ano anterior, o estudo de 2025 tamén revela a consolidación dunha Galicia lectora, reflectida no sindicadores que sinalan que o 96,5 % da poboación maior de 14 anos le en calquera medio e soporte, o que sitúa a nosa Comunidade nun 1,4% por enriba da media de España. Ademais, o 70 % destas lecturas son de libros.

Notas

Un espazo de encontro entre academia, arte e sociedade. Arrancou no edificio Redeiras da UVigo o congreso internacional 'Escrituras potenciais: o ordinario e o infraordinario', unha cita coorganizada entre as universidades de Vigo e Sorbonne Nouvelle polos especialistas Hermes Salceda e Alain Schaffner, figuras claves no estudo da narrativa contemporánea francesa e, máis concretamente, da obra de Raymond Roussel, toda unha referencia nas chamadas literaturas potenciais.
O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña acolleu a inauguración da exposición 'A Miraxe Dixital'. A mostra é o resultado do traballo e da convivencia da artista británica Louise Ward Morris en colaboración co persoal investigador do centro, tras seis meses de traballo pola residencia artística concedida a través do Ministerio de Cultura.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES