
O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo participou hoxe na ofrenda floral a Laxeiro e na entrega dos premios que levan o seu nome, actos organizados pola Fundación Laxeiro na cidade de Vigo, que se suman á programación que ten en marcha o Goberno autonómico, en colaboración con distintas entidades, na honra do autor a quen a Real Academia Galega de Belas Artes dedica este ano o Día das Artes Galegas.
As conmemoracións de hoxe coinciden co 114º aniversario do pintor, nado o 23 de febreiro de 1908 en Lalín. Tras a ofrenda floral, desenvolvida nas inmediacións do busto do artista en Vigo, celebrouse a entrega dos galardóns correspondentes aos anos 2021 e 2022.
O Premio Laxeiro 2022 foi para o grupo Atlántica, agrupación artística creada en 1980 co propósito de reactivar as artes plásticas en Galicia. O grupo tivo unha curta vida no panorama artístico, ata 1983, tempo no que realizaron cinco exposicións comisariadas e recibiron o Premio da Crítica Galicia na categoría de Iniciativas culturais. O colectivo estivo formado polos pintorores Menchu Lamas, Antón Lamazares, Ánxel Huete, Antón Patiño, Monroy e o escultor Ignacio Basallo. Tamén estiveron vinculados os pintores Manuel Moldes, Din Matamoro e Berta Álvarez Cáccamo.
Programación específica
O galardón da edición de 2021 recaeu en Rodrigo Romaní Blanco (Noia, 1957) como recoñecemento a unha vida dedicada á renovación e difusión do folclore galego, así como ao seu labor docente no Conservatorio de Música tradicional da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo. Membro fundador do mítico grupo Milladoiro, foi un dos introdutores da arpa céltica en Galicia ademais de impulsor de proxectos como a Orquestra SonDeSeu.
A Xunta de Galicia salienta a oportunidade que o Ano Laxeiro está a ter para divulgar o legado do artista ao gran público. Está en marcha unha ampla programación específica para homenaxear ao pintor lalinense no marco das conmemoracións do Ano Laxeiro. Entre elas, este mesmo mes o Goberno autonómico anunciou que o Instituto Cervantes de París pechará as itinerancias da exposición Foi un home. Laxeiro en América (Bos Aires, 1951-1970), que a Xunta, en colaboración con outras entidades e institucións nacionais e internacionais, programa para este ano en Santiago, Madrid e Lalín.
Comisariada polo historiador e crítico de arte Carlos L. Bernárdez, a mostra é unha das grandes apostas da programación do Ano Laxeiro e reunirá pezas únicas procedentes de diversas institucións centradas na época de madurez deste lalinense internacional que se instalou na Arxentina durante 20 anos.
Ademais desta mostra, a programación, impulsada xunto coa Real Academia Galega de Belas Artes, incluirá tamén iniciativas académicas, audiovisuais e didácticas. O acto central será a conmemoración do Día das Artes Galegas na súa honra, o vindeiro 1 de abril.
O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.