//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias cultura
O Centro Dramático Galego (CDG), unidade teatral da Xunta de Galicia, ofrece todos os luns ás 20,00 horas, a partir do 24 de xaneiro e ata o 7 de marzo, accións escénicas improvisadas para promocionar A peste, a súa nova produción. Trátase do programa ImproVersións, un proxecto dirixido por Antón Coucheiro co que se representará un espectáculo diferente cada semana no Salón Teatro de Santiago de Compostela. As pezas inspiraranse na temática e na atmosfera de A peste, así como nas suxestións do público, para realizar variantes libres e aloucadas arredor do clásico de Albert Camus. Ademais, utilizaranse a escenografía, o atrezzo e a iluminación da montaxe que vén de estrear o CDG con dirección e dramaturxia de Cándido Pazó.
O festival de curtametraxes Pequefilmes, que fomenta a creación de novos públicos para o cinema, consolídase este ano como polo de atracción das mellores pezas audiovisuais para as audiencias infantís. Cunha programación que supera os 80 filmes procedentes de máis de 20 países, Pequefilmes é xa unha cita cultural imprescindible para as familias e tamén para creadores de todo mundo. O festival decorrerá nos días 29 e 30 de xaneiro con proxeccións en sala e en liña, apostando por manter o formato híbrido.
As bibliotecas públicas xestionadas pola Xunta realizaron máis de 700.000 préstamos ao longo de 2021, o que representa un incremento do 30% con respecto ao ano anterior. Hoxe, Día das persoas usuarias das bibliotecas, nomearanse os socios e socias de honra entre as persoas do público adulto e infantil que levasen máis materiais nos últimos 12 meses e, en recoñecemento, poderán incrementar o número de préstamos este ano. Co gallo desta conmemoración realizaranse visitas guiadas en diferentes centros.
O Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA) vén de abrir as portas da exposición Santiago. Peregrinación, cidade, escola, un percorrido sobre o fenómeno xacobeo e Santiago de Compostela a través dunha escolma de materiais escolares e extraescolares que gardan algunha relación con esta temática.
Comisariada polo persoal do museo, a exposición reúne un total de 71 pezas comprendidas entre os anos 1881 e 2004 agrupadas en tres grandes temas que son Santiago o Maior e a iconografía xacobea, Santiago como meta de peregrinación e a cidade de Compostela.
O Centro Galego de Arte Contemporánea reforzou en 2021 o seu papel divulgador das creacións de artistas emerxentes e consolidados cun incremento nas exposicións e na súa colección, que sumou 60 novas pezas artísticas. De feito, o CGAC recuperou e mesmo superou o ritmo de actividades incrementando as cifras anteriores á pandemia. O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presidiu o Consello Asesor deste centro, no que se fixo balance do ano que remata e se presentaron as propostas para 2022. Nos últimos meses materializáronse 13 proxectos expositivos, o que representa case o dobre con respecto aos sete de 2020 e tamén é maior o número de mostras do ano previo á pandemia, 2019, cando houbo 10.
A Cidade a Cultura de Galicia pecha 2021 acadando un máximo histórico no número de participantes nas actividades do seu programa cultural, cun total de 229.462, o que representa un incremento dun 20% respecto ao 2019. A cifra inclúe todas as persoas que asistiron a actividades organizadas polo Gaiás, aínda que se desenvolveran en espazos diferentes aos da Cidade da Cultura. Unha das razóns que explica este incremento é o programa de itinerancias, que permitiu exhibir mostras en Ourense, Pontevedra, Vigo e Coruña.
Coros da cidade de Lugo percorren as rúas da capital lucense interpretando cantos de Nadal, para contribuir a que a cidade ofreza un ambiente acorde coas celebracións tmáis entrañables do ano.
O conselleiro de Cultura visitou co novo bispo de Mondoñedo-Ferrol, Fernando García Cadiñanos, o templo onde o Goberno galego actúa ao abeiro do Plan Catedrais 2021-2027. Román Rodríguez, nesta visita á Catedral de Mondoñedo feferiuse aos avances que a Xunta está realizando para rehabilitar o templo cun investimento de 6,5M. En concreto, nestes momentos estase actuando no mural do presbiterio e nas pinturas murais, coa intención de rematen o vindeiro verán. Son as primeiras actuacións do Plan Catedrais 2021-2027 que a Xunta ten en marcha nos grandes templos catedralicios galegos para que afronten a década xacobea nas mellores condicións.
O programa 'Música en salas' congregou máis de 7000 persoas nos 135 concertos celebrados durante os últimos dous meses nos 19 espazos que se sumaron a esta iniciativa de dinamización do sector. Ao abeiro de Música en salas, 115 solistas e grupos galegos, que suman 395 músicos, presentáronse desde o pasado 4 de novembro diante do público de 12 vilas e cidades. Os propios locais, todos eles de capacidade reducida, foron os encargadas de elaborar as súas respectivas programacións, a través das que amosaron a calidade e a variedade da escena musical galega actual.
Foi inaugurada na Biblioteca de Galicia unha exposición no marco da conmemoración do centenario da morte de Emilia Pardo Bazán. A Xunta de Galicia vén impulsando durante este ano esta efeméride con diversos actos, congresos, actividades de formación ou mostras como a que está aberta no Gaiás ata xaneiro de 2022. 'Sempre palpitante. Emilia Pardo Bazán', comisariada por Charo Crespo, pretende amosar a obra máis significativa da intelectual coruñesa e dar a coñecer algúns dos espazos nos que viviu e escribiu grazas aos fondos bibliográficos da Cidade da Cultura e ás copias dixitais de manuscritos e fotografías do Arquivo da RAG.
Nación ofrece unha pescuda sobre as galegas na segunda metade do século XX a través da historia da fábrica de porcelanas Pontesa. Homenaxea a todas as mulleres que converteron a factoría nun referente para a reivindicación dos dereitos femininos, intercalando imaxes de arquivo, testemuñas, reconstrucións ficcionadas e elementos da cultura popular.
Desde este luns e ata o 21 de maio, a Sala Alterarte do campus de Ourense acolle a mostra Ocupar un corpo, da artista Deebo Barreiro e o comisario Vítor Nieves. Nela, esta egresada da Universidade de Vigo xoga coa fotografía, os espazos e a tecnoloxía para visibilizar e achegar ao público as identidades de xénero que están máis fóra da normatividade, do binarismo home-muller, como as persoas bixénero, axénero ou transxénero sen hormonar.
A iniciativa CamiñoLab. Laboratorio do patrimonio cultural do Camiño de Santiago, impulsada polo Grupo Compostela de Universidades (GCU) liderado pola USC xunto coas outras dúas universidades públicas galegas, promove a creación dun observatorio de académicos internacionais focalizado no patrimonio deste itinerario cultural.
O centenario do pasamento de Emilia Pardo Bazán permitirá profundar dende novas perspectivas na súa figura e obra. A USC, a Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega reunirán a finais do mes de outubro na Coruña e Santiago unha representación de voces expertas na autora no congreso internacional 'Emilia Pardo Bazán, 100 anos despois'.
A Cidade da Cultura programa o sábado 20 o espectáculo Galicia Máxica, unha proposta da contadora Marta Ortiz cun repertorio composto por contos tradicionais galegos e portugueses. Esta sesión de contacontos, especialmente dirixida á cativada de entre 4 e 11 anos, contará con entrada de balde e poderá seguirse en directo por streaming.
Aínda que este ano o Festival Atlántica vaise celebrar durante o verán, o veterano encontro non quere deixar de festexar unha das súas citas máis emblemáticas: o Día Internacional da Narración Oral. Daquela, este sábado, 20 de marzo, e grazas á colaboración cos festivais Sete Falares de Pontevedra e Falando a Boca Chea da Coruña, unha vintena de espectáculos vanse desenvolver en múltiples puntos de Galicia.
'Non te amola!' é o título deste libro da autora homenaxeada no Día das Letras Galegas 2021. Esta semana chegará a todas as librerías de Galicia a obra inédita de Xela Airas, "Non te amola!", ilustrada por Luz Beloso, e que publicamos na colección Libros para compartir. Trátase dun libro que permanecía inédito ata agora e que, a partir desta semana, chegará ás librerías de toda Galicia para que as lectoras e lectores poidan coñecer mellor a sensibilidade da autora como narradora.
En 2020 cumpríronse 100 anos do lanzamento da célebre revista Nós. Nun ano adicado a loar e conmemorar esta importante efeméride, o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades quere renderlle tamén a súa homenaxe no marco da colección Cadernos Ramón Piñeiro dedicándolle a súa XLII edición, 'Dentro de Nós mesmo e a rente ou ao redor', que foi presentado na Sede do CRPIH polo secretario xeral de Política Lingüística.
Os Premios Mestre Mateo 2021, aos que se presentaron 146 obras e 424 candidaturas profesionais, entregaranse o 10 de abril no Teatro Colón da Coruña co recoñecemento a 25 categorías, das que nove son de produción e 16, profesionais. A gala, que seguirá estritamente todos os protocolos sanitarios, será dirixida polo actor e director teatral Tito Asorey e presentada pola humorista Lucía Veiga.
'O que máis valoro deste proxecto é o novidoso de facer algo así en Galicia', salienta o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Jorge Lens de Ollar, escolma da fotografía galega contemporánea, un proxecto multimedia centrado na divulgación da fotografía de autor en Galicia a través dunha serie de curtametraxes documentais dedicados a diferentes fotógrafos e fotógrafas.