
A Xela Arias coñeciámola sobre todo como poeta, polo que a publicación desta obra é un acontecemento literario único neste 2021 en que se lle dedica o Día das Letras Galegas.
En "Non te amola!" imos atopar unha Xela sorprendente, cunha forza narrativa impoñente. Un texto que é unha biografía emocional dunha infancia que se proxecta, vizosa, cara aos nosos días. Toda unha descuberta desde unha ollada descoñecida da autora.
A maxia artística de Luz Beloso, que nos debuxa unha Xela nena, axudan a entender como foi a infancia da autora e os marabillosos acontecementos que, dende a súa ollada infantil, sucederon, e como ela nolos conta.
Un texto que van gozar os máis pequenos da casa, pero tamén todos os que queiran achegarse á descuberta dunha Xela Arias que se centrou na poesía, pero que tamén, como di no arranque do libro, quería escribir para a xente miúda para contarlles historias de como foi un tempo, o seu, dende o convencemento de que as grandes aventuras se viven en calquera época.
Xela Arias (Sarria, 1962 Vigo, 2003) foi unha poeta que publicou libros esenciais como "Denuncia do equilibrio", "Tigres coma cabalos" ou "Darío a diario", dedicado ao seu fillo, en que aborda a maternidade cunha mirada afastada do tratamento tradicional. A súa derradeira obra, publicada en 2003, "Intempériome", converte a desobediencia e a transgresión en palabra poética. Autora sempre comprometida, puxo a súa voz en mobilizacións cívicas como a da marea negra do Prestige e en favor da lingua galega. Traballou como editora e como docente de secundaria. Traduciu para o galego desde o inglés, italiano, portugués e castelán autores como Bram Stoker ("Drácula"), Roald Dahl ("As bruxas"), Angela Carter ("Venus negra"), Gianni Rodari ("Contos ao teléfono"), Carlos Oroza ("Caballum") e Jorge Amado ("O gato Gaiado e a andoriña Señá: unha historia de amor"), entre outros. En 2021, a Real Academia Galega dedicoulle o Día das Letras Galegas.
O Plan constitúe o primeiro documento estratéxico específico de Galicia dedicado á planificación, organización e desenvolvemento dos coidados paliativos pediátricos e nace coa finalidade de dar resposta ás necesidades propias desta poboación, garantindo unha atención adaptada ás características evolutivas da infancia e da adolescencia. O documento aprobado hoxe conta co aval científico da Sociedade de Pediatría de Galicia e da Sociedade Española de Coidados Paliativos Pediátricos e está dirixido á poboación pediátrica con enfermidades crónicas complexas e situacións susceptibles de atención paliativa. Articúlase arredor de catro liñas estratéxicas orientadas a fortalecer a organización asistencial e a dar resposta ás necesidades clínicas, emocionais e sociais dos pacientes pediátricos e das súas familias.
Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.