Noticias

O CGAC recupera o ritmo de actividades expositivas e supera xa as cifras anteriores á pandemia

O Centro Galego de Arte Contemporánea reforzou en 2021 o seu papel divulgador das creacións de artistas emerxentes e consolidados cun incremento nas exposicións e na súa colección, que sumou 60 novas pezas artísticas. De feito, o CGAC recuperou e mesmo superou o ritmo de actividades incrementando as cifras anteriores á pandemia. O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presidiu o Consello Asesor deste centro, no que se fixo balance do ano que remata e se presentaron as propostas para 2022. Nos últimos meses materializáronse 13 proxectos expositivos, o que representa case o dobre con respecto aos sete de 2020 e tamén é maior o número de mostras do ano previo á pandemia, 2019, cando houbo 10.

Foron fundamentalmente apostas por artistas e comisariados galegos, con amplos programas de actividades arredor de cada exposición a prol do achegamento da cidadanía á creación contemporánea. Cómpre sinalar que tres das mostras foron itinerantes, co obxectivo de favorecer a visibilidade e posta en valor da colección do CGAC en distintas áreas galegas e de España. Así, no marco da iniciativa Unha mirada a Galicia, o Museo do Mar de Galicia, situado en Vigo, e o Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense acollen Pingas rompentes e Néboas de luz, respectivamente, ata xaneiro. Ademais, o pasado verán levouse o traballo do fotógrafo Jesús Madriñán I am light ao Centro de Arte y Naturaleza de Huesca.

Forte presenza do Xacobeo 21-22

Por outra banda, a celebración do Xacobeo 21-22 encadrou boa parte das exposicións, con seis delas arredor dos Camiños e das peregrinacións, como as tres itinerancias, Camiños I, Camiños II e Hamish Fulton. Walking East. As dúas últimas aínda se poden visitar en diferentes espazos do centro.

Xunto cos proxectos expositivos, o CGAC desenvolveu en 2021 un intenso programa de cursos, obradoiros, faladoiros, seminarios, visitas guiadas e outras accións que o converten nun espazo dinámico e multidisciplinar de referencia, ao servizo tanto de profesionais e persoal investigador como de familias e de centros educativos. Deste xeito, o número de persoas que visitaron o Centro Galego de Arte Contemporánea ou participaron das súas propostas ascendeu neste ano a case 36.000.

Celebración do Ano Laxeiro

O ano que remata foi tamén significativo no pulo da Xunta aos fondos propios do CGAC, coa suma de 60 novas pezas. A metade delas proceden de adquisicións e a outra metade foron doazóns. Na actualidade a colección supera as 1.300 obras, grazas á constante incorporación de pezas desde o seu inicio.

De cara a 2022, o CGAC prevé manter un número similar de exposicións ás deste ano, tamén con referencias ao Xacobeo 21-22, e sumarse á celebración do Ano Laxeiro cun simposio centrado na súa figura, en colaboración coa Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario.

R., 2022-01-07

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES