Notas de prensa

Jorge Lens guioniza a primeira escolma audiovisual da fotografía contemporánea galega

'O que máis valoro deste proxecto é o novidoso de facer algo así en Galicia', salienta o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Jorge Lens de Ollar, escolma da fotografía galega contemporánea, un proxecto multimedia centrado na divulgación da fotografía de autor en Galicia a través dunha serie de curtametraxes documentais dedicados a diferentes fotógrafos e fotógrafas.

Producidos por Adarme Visual e dirixida por David Hernández, Lens é o responsable dos guións desta serie de documentais, dedicados cada un deles a un creador ou creadora, cos que busca “sobre todo amosar como traballan”, sinala o fotógrafo e docente.

O proxecto arrancaba neste mes de marzo coa difusión das cinco primeiras curtametraxes, desenvolvidas ao abeiro do Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021 da Xunta de Galicia e dedicados a Manuel Sendón, fotógrafo e profesor da Facultade de Belas Artes, Eva Díez, Javier Teniente, Raquel Calviño e Miguel Vidal. Mais, como salientan desde a produtora, trátase dun proxecto que “irá medrando coa incorporación de máis documentais que vaian completando o panorama da fotografía de creación galega”. Nese senso, Lens pon de relevo que, máis aló dalgunha reportaxe concreta, “en Galicia non hai nada parecido a unha serie que pretende ter continuidade”, con novas curtametraxes centradas noutra serie de fotógrafos e fotógrafas.

Un achegamento ás diferentes formas de entender a fotografía

Segundo explica Adarme Visual, esta serie de documentais monográficos de 15 minutos “abórdanse como unha mostraxe da obra e vida e cada autor ou autora”, de tal xeito que máis que afondar na súa biografía pretenden ser “unha aproximación ao xeito de traballar de cada autor, explicado en primeira persoa a través dunha entrevista e da observación do modo de traballo do artista”. Nese senso, Lens, responsable tanto do texto da narración introdutoria que presenta aos e ás protagonistas de cada peza como da batería de preguntas que se lles realizan, destaca que o seu obxectivo é “provocar unha emoción con cada un dos fotógrafos”. Nese senso, lembra que nas curtametraxes “non se fala do seu currículo, senón que son pinceladas visuais nas que se pretende sobre todo amosar como traballan”.

Con esa idea, no proceso de predrodución de cada curtametraxe, Lens buscou ir máis aló da traxectoria dos seleccionados e seleccionadas e analizar “outras entrevistas e outras referencias” que lle permitisen observar “un pouco como pensaban”, tendo en conta a ligazón entre creador e obra que implica esta disciplina. “A fotografía é tan catártica que plasma moito da túa forma de ser, da túa personalidade”, sostén o tamén fotógrafo, que destaca nese senso que o propósito destas curtametraxes é que a través das declaracións e das propias obras das e os protagonistas sexa posible "facernos unha idea de como é a personalidade dese fotógrafo”.

Unha selección que busca a diversidade

Ademais de elaborar os guións, o docente do campus pontevedrés participou tamén na selección dos fotógrafos e fotógrafas que protagonizarían esta serie de monográficos. O obxectivo, sinala, “era que houbese variedade tanto xeográfica como de estilo”, de tal xeito que esta escolma se detivese tanto na fotografía documental como na de autor, no retrato, nos traballos en branco e negro..., ao mesmo tempo que buscaron tamén reunir representantes de diferentes xeracións. Mais, como explica, a situación xerada pola covid-19 provocou que nesta primeira entrega de cinco curtametraxes “non se puidese ter tanta variedade xeográfica e haxa quizais un maior protagonismo de fotógrafos do sur de Galicia”. Non obstante, sinala, o obxectivo de Adarme Visual é continuar ampliando o proxecto “e chegar cando menos a 20 ou 25 pezas”, que á vez que se difunden a través da web de Ollar, poidan ter tamén “un percorrido individual”.

Universidade de Vigo, 2021-03-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (apoio.jpg) O Plan constitúe o primeiro documento estratéxico específico de Galicia dedicado á planificación, organización e desenvolvemento dos coidados paliativos pediátricos e nace coa finalidade de dar resposta ás necesidades propias desta poboación, garantindo unha atención adaptada ás características evolutivas da infancia e da adolescencia. O documento aprobado hoxe conta co aval científico da Sociedade de Pediatría de Galicia e da Sociedade Española de Coidados Paliativos Pediátricos e está dirixido á poboación pediátrica con enfermidades crónicas complexas e situacións susceptibles de atención paliativa. Articúlase arredor de catro liñas estratéxicas orientadas a fortalecer a organización asistencial e a dar resposta ás necesidades clínicas, emocionais e sociais dos pacientes pediátricos e das súas familias.
Foto de la tercera plana (20261029-xunta.jpg) Galicia ocupa un lugar destacado nos Premios Nacionais de Investigación 2026, con cinco científicos galardoados. Tivo lugar o acto de entrega destes premios, celebrado no Palacio de Congresos de Europa, en Vitoria-Gasteiz. Os investigadores galegos que recibiron esta distinción son Ángel Carracedo, natural de Santa Comba, catedrático de Medicina na USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; a compostelana Carmen Álvarez Lorenzo, catedrática da USC e directora do Instituto de Materiais da USC (iMATUS); e Laura Castro Santos, de Betanzos, catedrática da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, pertencente á UDC.

Notas

As longametraxes La silla, de Ángel de la Cruz; Monstro, de Andrés Goteira; e As augas, de Ledicia Sola; dúas sesións de curtametraxes, o documental Hoxe e o resto do mundo; e diferentes encontros con empresas e profesionais do sector. A XVI Máster Class Audiovisual Galego Augal dedica a súa programación a unha escolma de proxectos estreados neste 2026, co propósito de ofrecer ao alumnado da Facultade de Comunicación e ao conxunto da cidadanía unha selección 'do mellor do audiovisual galego', como salientou o profesor Paulino Pérez, coordinador dun ciclo que arranca o luns e se estende ata marzo de 2027.
As RRSS convertéronse nun espazo para a comunicación e para a construción das identidades contemporáneas. Nelas circulan prácticas, discursos e representacións que poden reproducir xerarquías xa existentes, mais tamén cuestionar ideoloxías asentadas e abrir novos ámbitos de uso. Este escenario será o obxecto de estudo do Simposio do Instituto da Lingua Galega da USC que se desenvolverá do 24 ao 26 de novembro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES