Noticias

A Cidade da Cultura lanza en 2022 unha programación centrada nas colaboracións internacionais e na itinerancia de exposicións a cidades e vilas galegas

As colaboracións con institucións internacionais, as itinerancias e o apoio á creación marcan a acción cultural dun ano no que se conmemora o décimo aniversario da apertura do Museo Centro Gaiás. Unha das propostas máis destacadas, que ademais se poderá ver por vez primeira na Península, será CARNE y ARENA, experiencia de realidade virtual gañadora dun Oscar do cineasta mexicano Alejandro González Iñárritu, director de galardoados filmes como Amores perros, Babel, 21 gramos ou Birdman.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, avanzou esta mañá as liñas mestras do programa da Cidade da Cultura para este ano, co obxectivo de organizar 200 actividades nas que participen máis de 250.000 persoas, e coa cifra récord de 25 exposicións, cunha decena de itinerancias en espazos fóra do Gaiás que chegarán a cidades como París e Madrid e a diferentes cidades e vilas galegas.

As colaboracións con institucións internacionais, as itinerancias e o apoio á creación marcan, polo tanto, a acción cultural dun ano no que se conmemora o décimo aniversario da apertura do Museo Centro Gaiás. Trátase dunha programación que se enmarca nos obxectivos do II Plan Estratéxico da Cidade da Cultura que a Xunta ten en marcha para fomentar a innovación e creatividade como motores do desenvolvemento en Galicia.

Unha das propostas máis destacadas, que ademais se poderá ver por vez primeira na Península, será CARNE y ARENA, experiencia de realidade virtual gañadora dun Oscar do cineasta mexicano Alejandro González Iñárritu, director de galardoados filmes como Amores perros, Babel, 21 gramos ou Birdman.

Esta experiencia inmersiva, baseada en relatos reais, permite aos visitantes mergullarse na viaxe das persoas migrantes que atravesan a fronteira entre México e os Estados Unidos. O público poderá visitala este verán no Museo Centro Gaiás despois de terse visto en diferentes lugares dos Estados Unidos, Canadá e América Latina e cidades europeas como Cannes, Amsterdam ou Milán. Producida por Legendary Entertainment, Emerson Collective, PHI Studio e Fundación Prada, foi presentada en asociación con 90_20. Estreouse en 2017 no Festival de Cinema de Cannes como o primeiro proxecto de realidade virtual na historia do festival.

Destacadas colaboracións internacionais

A colaboración con institucións de referencia en Europa fará posible que o público poida achegarse a Obxectos de desexo. Surrealismo e deseño 1924-2020, mostra nacida da alianza entre o Vitra Design Museum, un dos museos máis importantes do mundo no eido do deseño, e a Fundación ’la Caixa’. A exposición traerá a Compostela icónicas obras de Dalí, Man Ray, Giogio de Chirico ou Le Corbusier, así como de grandes deseñadores como Ingo Maurer, Gaetano Pesce ou Ray Eames. As pezas pertencen aos fondos do Museo Vitra, da Fondation Le Corbusier de París, a Fondazione De Chirico de Roma ou o Museo Den Bosch de Holanda, entre outros.

Concibida como a grande exposición internacional coa que pechar este segundo ano Xacobeo, inaugurarase en outono Camiños creativos, proposta que explora a relación entre o camiñar e a creación artística. Comisariada por Monserrat Pis, incluirá obras de institucións como o Victoria & Albert Museum, o Holburne Museum, o Palacio Pitti ou a Thyssen-Bornemisza Art Contemporary, así como do Museo do Prado ou o Reina Sofía, entre outras.

Itinerancias dentro e fóra de Galicia

Co obxectivo, tamén recollido no II Plan Estratéxico da Cidade da Cultura, de converter o Gaiás en factoría de contidos para toda Galicia, cobra especial importancia o seu programa de itinerancias expositivas, liña de traballo prioritaria neste ano. Neste senso, París e Madrid, ademais de Lalín e o propio Museo Centro Gaiás, recibirán a exposición Foi un home. Laxeiro en América (Buenos Aires, 1950-1970). Organizada pola Xunta e o Concello de Lalín, en colaboración co Instituto Cervantes e coa Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, a mostra afonda no coñecemento dentro e fóra de Galicia do que é considerado por boa parte da crítica como o maior pintor galego do século XX.

Completan a programación do Museo para este ano, a exposición Xacobeo. As pegadas no Camiño, en colaboración coa Biblioteca Nacional e comisariada por Darío Villanueva; De lugares e cousas, unha escolma da prestixiosa colección de arte contemporánea da Fundación Banco Sabadell; e Vía da Prata. Aires do Sur, a segunda parte da serie de mostras fotográficas arredor das rutas xacobeas iniciada con O Camiño Portugués. Lembranzas de mar e pedra. Por último, a programación incluirá tamén un proxecto que se dará a coñecer proximamente e que resulta excepcionalmente destacado pola súa complexidade tanto desde o punto de vista técnico como conceptual.

Pola súa banda, a Biblioteca e Arquivo de Galicia acollerá tamén outras seis exposicións ao longo do ano, destinadas a dar a coñecer e poñer en valor grandes figuras das nosas letras e das nosas artes –como Reimundo Patiño, María Casares, ou Luz Pozo Garza– así como achegar ao público os seus valiosos fondos bibliográficos e arquivísticos.

Aposta pola creación

O conselleiro de Cultura subliñou o impulso ao programa de Residencias Artísticas do Gaiás (REGA), iniciado en 2021 como “unha aposta da Xunta para promover a creación e converter a Cidade da Cultura en rótula do sector cultural galego e viveiro artístico aberto no que xermolen proxectos de eidos como as artes plásticas e escénicas, a música ou a literatura”.

Como novidade, o programa incorpora este ano disciplinas como a creación dixital e os videoxogos e reforza as relacións con outros axentes do ecosistema cultural, como o Centro Dramático Galego, o colectivo RPM ou a Universidade de Vigo.

Na programación deste ano tampouco faltan citas xa consolidadas como o ciclo Atardecer no Gaiás, o festival Escenas do Cambio ou o Encontro de Artistas Novos (EAN) así como outras novidades que se irán debullando ao longo do ano.

R., 2022-02-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (interseccion-2026.jpg) Foi presentada a novena edición de Intersección, Festival Internacional de Cine da Coruña, celebrada nos Cantones Cines. O festival desenvolverase do 13 ao 17 de outubro cunha programación que combina proxeccións, exposicións, formación e encontros profesionais arredor das novas linguaxes cinematográficas. Así, as seccións competitivas Galicia, Internacional e Fulgor achegarán ao público obras afastadas dos circuítos comerciais habituais e novas voces da creación audiovisual contemporánea. En concreto, a sección Internacional reúne 27 filmes procedentes de 22 países, entre os que figuran catro estreas mundiais, 17 en España e cinco en Galicia. As propostas exploran cuestións como a tecnoloxía, a memoria, o territorio e a identidade desde linguaxes e xeografías diversas.
Foto de la tercera plana (20261008-ragc.jpg) A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou en Santiago, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, o acto do Día da Ciencia en Galicia, no que se homenaxeou á oceanógrafa Aida Fernández Ríos (Vigo, 1947 - Moaña, 2015) como Científica Galega 2026. Ademais, entregáronse as Medallas de Investigación a cinco científicas e científicos da nosa comunidade. O presidente da Academia destacou que 'Aida Fernández Ríos foi unha investigadora capaz de identificar problemas relevantes e de situalos nun contexto internacional, converténdose nunha científica respectada moito máis alá de Galicia.

Notas

O CiMUS da USC coordina un proxecto europeo para desenvolver unha nova xeración de radioterapia contra os tumores cerebrais. Trátase de InnovaRTBRAIN, unha iniciativa que busca transformar os procedementos actuais para o tratamento de tumores cerebrais, especialmente gliomas, e deseñar novos enfoques de radioterapia máis precisos, efectivos e seguros. Está coordinado desde este Centro Singular polo equipo Novas estratexias en Radioterapia dirixido por Yolanda Prezado.
Pezas que, nun espazo concreto, transforman e reinterpretan obras previas, que á súa vez naceron como rexistros de accións artísticas. Creacións artísticas que xorden como “eco ou resposta” de obras previas de Cora Novoa, Elena Rocamora, Álvaro Porras e María Sánchez, reúnense na exposición Contar cos dedos, que ata o 2 de novembro pode visitarse na Sala O Abrigo da Facultade de Belas Artes.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES