Noticias

Publicada unha nova edición do catálogo 'Shorts from Galicia' para a promoción internacional das curtametraxes galegas

A Xunta acaba de publicar unha nova edición do seu catálogo Shorts from Galicia, que este ano ofrece unha escolma de sete curtametraxes para dar conta da calidade e variedade da produción galega neste formato audiovisual. A súa difusión internacional está a comezar esta mesma semana no mercado profesional do Festival de Court Métrage de Clermont-Ferrand, en Francia, referente internacional para os profesionais da produción e distribución de curtas. A selección deste ano, a cargo dunha comisión de especialistas, recolle traballos que abordan tanto o xénero documental como a ficción dramática.

Así mesmo, no catálogo conviven talentos emerxentes como Lucía Estévez (O niño dos paxaros), Marta Valverde (30’ 70 60 120’) ou Rebeca Lar (As árbores coñecen o son das balas) con realizadores xa consagrados como Ángel Santos (Así vendrá la noche), Eloy Domínguez (Rompente) e Lois Patiño (Sycorax, codirixida co arxentino Matías Piñeiro), ademais de incluír o debut como directora da actriz Nerea Barros (Memoria).

A meirande parte destas obras están a comezar o seu percorrido por festivais, aínda que nalgúns casos contan xa con importantes seleccións como as do FICX Xixón Film Festival de 2021, onde se exhibiu Así vendrá la noche, O niño dos paxaros e Sycorax, peza esta última que puido verse tamén nos certames de Cannes, Toronto, Nova York, Mar del Plata e PortoPostDoc. Pola súa banda, Memoria estreouse no Aguilar Film Festival; Só as árbores coñecen o son das balas, no de Cans, e a fita de Lucía Estévez gañou o premio á mellor curta do Ficinidie de Canarias.

Impulso á distribución das curtas galegas

En Clermont-Ferrand búscase ampliar as súas posibilidades de exhibición, reforzando a difusión de Shorts from Galicia a través dunha completa axenda de reunións cos representantes de festivais internacionais acreditados no encontro galo. Ademais, as curtas galegas terán tamén presenza na retrospectiva que o festival lle dedica a España como país convidado da 44ª edición.

Nesta programación especial Foco España, figuran catro premiadas producións de creadores galegos: Birdboy, de Pedro Rivero e Alberto Vázquez (2010); Anacos, de Xacio Baño (2012); Montaña en sombra, de Lois Patiño (2013), e Matria, de Álvaro Gago (2017). Ao tempo, estanse a desenvolver Market Screenings para o público profesional nos que tamén se inclúe A rabia, de Alberto Díaz.

Xunto co apoio á difusión deste formato, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade impulsa a realización de curtametraxes galegas a través das correspondentes modalidades das subvencións a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego e á promoción do talento audiovisual, que xestiona cada ano o seu departamento de Industrias Culturais. Así, por exemplo, as devanditas Rompente e A rabia resultaron adxudicatarias dunha axuda á produción nas convocatorias de 2019 e 2020, respectivamente.

R., 2022-02-01

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES