Noticias

A exposición 'Castillo, escultor' chega á súa derradeira fin de semana na Cidade da Cultura

A Cidade da Cultura despide este domingo a primeira exposición retrospectiva que se centra na escultura do artista pontevedrés Jorge Castillo Casalderrey, faceta máis descoñecida que a da súa obra pictórica, pero sobre a que traballou desde os seus inicios como artista, establecendo un intercambio constante entre as dúas disciplinas. Será a derradeira fin de semana para achegarse ao Gaiás e gozar desta escolma en 120 obras, cunha montaxe especialmente pensada para ese espazo, co que establece un diálogo permanente de liñas e formas.

A mostra, que xa foi visitada por arredor de 15.000 persoas, percorre as seis décadas de traxectoria dun dos artistas galegos vivos de maior prestixio e relevancia internacional. A obra de Castillo forma parte de importantes coleccións de arte de todo o mundo, como o Carnegie Institute de Pittsburgh, o San Francisco Museum of Modern Art, o Guggenheim Museum de Nova York ou a Nationalgalerie de Berlín.

Castillo, escultor está comisariada por Pilar Corredoira, historiadora da Arte Contemporánea, comisaria de exposicións, investigadora no eido da arte galego dos séculos XX e XXI e unha das maiores coñecedoras da traxectoria de Castillo. Pode visitarse de balde no segundo andar do Museo Centro Gaiás en horario de 10,00 a 20,00 horas e conta con visita guiada o venres, tamén de balde previa reserva.

Con motivo da mostra editouse un catálogo en gran formato que, deseñado por Táktika Comunicación, recolle por vez primeira en forma monográfica e por etapas a obra escultórica de Castillo. A obra inclúe catro textos orixinais do artista e fotografías do seu arquivo persoal, do caderno de Nova York e da montaxe da exposición na Cidade da Cultura. Chamada a converterse en obra de referencia sobre o artista pontevedrés, está á venda na tenda do Museo Gaiás, a un prezo de 30 euros.

Posta en valor de artistas galegos

A exposición continúa a senda doutras mostras monográficas desenvolvidas polo Museo Gaiás nos últimos anos, dedicadas á traxectoria de grandes figuras das artes, as letras ou a cultura galega.

Entre elas atopamos por exemplo o pintor Antón Lamazares, os fotógrafos José Suárez ou Baldomero Pestana, ou o escritor gañador dun Nobel Camilo José Cela. Esta liña de traballo continuará neste 2022 con Foi un home. Laxeiro en América (Buenos Aires, 1950-1970), a exposición central da Xunta de Galicia polo Ano Laxeiro.

Traxectoria internacional

Nado en Pontevedra en 1933, pasa a súa infancia e xuventude na Arxentina. De formación autodidacta, asiste en 1949 ao taller dos artistas arxentinos Raquel Forner e Alfredo Bigatti e realiza nestes anos as súas primeiras obras, pinturas e debuxos. Nos 50 compaxina o traballo de deseñador na industria metalúrxica coa súa faceta artística e axiña entra en contacto coa intelectualidade galega en Bos Aires e con autores como Laxeiro, Colmeiro ou Seoane.

A mediados desa década iniciou un periplo europeo que o levaría a residir ou expor en cidades como Madrid, Zaragoza, Barcelona, París, Xenebra ou Berlín, e estendeu o seu traballo aos campos da escultura e o gravado. Tamén conecta con importantes personalidades da arte como Juana Mordó ou Marienza Binetti. A selección da súa obra para a Bienal de São Paulo en 1960 abre unha década na que consolida a súa proxección internacional e, xa nos 70, a Propyläen Verlag de Berlín publica a primeira monografía sobre a súa obra, dedicada ao seu período berlinés.

En 1980 instálase en Nova York, facéndose un oco na escena estadounidense da arte contemporánea: a Galería Marlborough de Manhattan comeza a representalo, o Guggenheim Museum adquire parte da súa obra e esta é obxecto dunha nova monografía a cargo de Carter Ratcliff. En 1988, a VIII Bienal Internacional de Pontevedra amosa por primeira vez en España unha decena de lenzos de grande formato coas súas paisaxes urbanas de Nova York.

Nos anos 90 instálase en Israel convidado polo Centro Internacional da Arte de Xerusalén e, un ano despois, fixa a súa residencia en Ibiza e abre a Fundación Jorge Castillo en Madrid. En todo este tempo non abandona a súa produción artística, que se alonga a través de máis de seis décadas en activo.

R., 2022-02-17

Actualidad

Foto del resto de noticias (interseccion-2026.jpg) Foi presentada a novena edición de Intersección, Festival Internacional de Cine da Coruña, celebrada nos Cantones Cines. O festival desenvolverase do 13 ao 17 de outubro cunha programación que combina proxeccións, exposicións, formación e encontros profesionais arredor das novas linguaxes cinematográficas. Así, as seccións competitivas Galicia, Internacional e Fulgor achegarán ao público obras afastadas dos circuítos comerciais habituais e novas voces da creación audiovisual contemporánea. En concreto, a sección Internacional reúne 27 filmes procedentes de 22 países, entre os que figuran catro estreas mundiais, 17 en España e cinco en Galicia. As propostas exploran cuestións como a tecnoloxía, a memoria, o territorio e a identidade desde linguaxes e xeografías diversas.
Foto de la tercera plana (20261008-ragc.jpg) A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou en Santiago, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, o acto do Día da Ciencia en Galicia, no que se homenaxeou á oceanógrafa Aida Fernández Ríos (Vigo, 1947 - Moaña, 2015) como Científica Galega 2026. Ademais, entregáronse as Medallas de Investigación a cinco científicas e científicos da nosa comunidade. O presidente da Academia destacou que 'Aida Fernández Ríos foi unha investigadora capaz de identificar problemas relevantes e de situalos nun contexto internacional, converténdose nunha científica respectada moito máis alá de Galicia.

Notas

O CiMUS da USC coordina un proxecto europeo para desenvolver unha nova xeración de radioterapia contra os tumores cerebrais. Trátase de InnovaRTBRAIN, unha iniciativa que busca transformar os procedementos actuais para o tratamento de tumores cerebrais, especialmente gliomas, e deseñar novos enfoques de radioterapia máis precisos, efectivos e seguros. Está coordinado desde este Centro Singular polo equipo Novas estratexias en Radioterapia dirixido por Yolanda Prezado.
Pezas que, nun espazo concreto, transforman e reinterpretan obras previas, que á súa vez naceron como rexistros de accións artísticas. Creacións artísticas que xorden como “eco ou resposta” de obras previas de Cora Novoa, Elena Rocamora, Álvaro Porras e María Sánchez, reúnense na exposición Contar cos dedos, que ata o 2 de novembro pode visitarse na Sala O Abrigo da Facultade de Belas Artes.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES