Noticias

A Filmoteca de Galicia programa na Fundación Barrié unha retrospectiva do cineasta xaponés Mikio Naruse

A Filmoteca de Galicia retoma a programación para ofrecer unha retrospectiva do mestre do cinema xaponés Mikio Naruse, con once títulos que se poderán ver na sede coruñesa da Fundación Barrié debido ás obras de modernización que se están a acometer no centro audiovisual da Xunta. Trátase dunha iniciativa desenvolvida en colaboración coa Japan Foundation e en paralelo coas filmotecas de Valencia e de Cataluña, así como co Círculo de Belas Artes de Madrid. O ciclo comeza este mércores e prolóngase ata o día 15 con sesións ás 17,00 e ás 19,30 h. A entrada é de balde ata completar a cabida.

Nacido en 1905, Mikio Naruse é un dos grandes autores cinematográficos a nivel mundial, cunha obra á altura de nomes tan coñecidos como Ozu, Kurosawa ou MIzoguchi. As súas películas están marcadas por amores cheos de complexidade e retratos de mulleres de personalidade forte que se confrontan cos límites sociais.

Apertura con ‘Madre’

A retrospectiva Esenciais: Mikio Naruse ábrese o día 2 ás 17,00 horas coa película Madre. Inspirada nunha colección de ensaios de estudantes de Primaria sobre as súas nais, debuxa un retrato episódico e realista da nai xaponesa media e da súa loita cotiá durante a posguerra. Nesa mesma data, ás 19,30 h., exhibirase La voz de la montaña, un dos filmes favoritos do seu autor. O venres será a quenda de El almuerzo, na que destaca a sutil interpretación de Setsuko Hara, e de Crisantemos tardíos, baseada na novela de Fumiko Hayashi.

Xa a vindeira semana, o luns 7 haberá unha única sesión ás 17,00 h. con El sueño de cada noche, a máis famosa das películas mudas de Naruse. O martes 8 recupérase a dobre sesión con Nubes flotantes, baseada na novela homónima de Fumiko Hayashi e considerada a mellor obra de Naruse e unha das máis destacadas da historia do cine. Seguiralle na mesma xornada A la deriva, retrato das reviravoltas dunha casa de gueixas baseado nunha novela de Aya Koda e que reúne algunhas das grandes actrices xaponesas da época.

O ciclo continúa o luns 14 con Tormento, na que Naruse altera a estrutura moral convencional ao introducir o amor entre nora e cuñado, e Nubes de verano, centrada nos cambios drásticos que aconteceron no Xapón rural da posguerra a causa da reforma agraria e do crecemento económico. O peche, o martes 15, póñeno con Cuando una mujer sube una escalera, unha das mellores películas de Naruse, cunha sobriedade que agocha só en parte a súa crueza, e Nubes dispersas, na que aborda unha das formulacións esenciais do seu cine, a das barreiras insalvables coas que se encontra unha parella de amantes.

, 2022-02-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (aqui-sabemos.jpg) A Xunta de Galicia vén de poñer en marcha 'Aquí Sabemos', unha nova identidade destinada a dar maior visibilidade aos produtos agroalimentarios galegos que contan con distintivos de calidade diferenciada. A iniciativa agrupa baixo unha mesma imaxe as denominacións de orixe (DO), as indicacións xeográficas protexidas (IXP), a Artesanía Alimentaria e a Agricultura Ecolóxica, co propósito de facilitar o seu recoñecemento por parte dos consumidores e reforzar a súa presenza no mercado. A nova marca nace como unha ferramenta común de promoción, que mantén os nomes de cada certificación, así como as súas características e garantías específicas, integrándose nunha identidade compartida que pretende amosar a diversidade e riqueza do sector agroalimentario galego.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) A instalación, que permanecerá na lagoa ata o 2 de maio de 2026, está realizada con madeira autóctona de castiñeiro e empregando técnicas tradicionais de carpintaría náutica. A obra recupera así saberes vencellados á arquitectura popular e á construción naval galega. A produción da mesma foi realizada pola empresa galega Casabio Timber Frame, contando coa colaboración de Jaime Pareja Arquitectura no seu proceso de deseño estrutural e adaptación ao terreo. 'A auga é un intre que aprendeu a quedar' parte dunha lectura contemporánea do territorio como unha paisaxe híbrida nacida da interacción entre os sistemas naturais e a acción humana.

Notas

O Instituto da Lingua Galega (ILG) da Universidade de Santiago de Compostela e a Fundación Barrié presentaron o ALGa dixital, unha nova plataforma web que pon ao alcance da comunidade investigadora e universitaria e da cidadanía en xeral unha parte substancial dos materiais do Atlas Lingüístico Galego (ALGa). No acto participaron a reitora da USC, Rosa María Crujeiras; a directora da Fundación Barrié, Carmen Arias; a directora do Instituto de Lingua Galega (ILG), Elisa Fernández, e o director do proxecto, o profesor Xulio Sousa.
A Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, principal infraestrutura de investigación do Centro de Investigación Mariña da UVigo, acolle as V Xornadas Internacionais de Xenética en Acuicultura, un encontro que reúne especialistas de España e Iberoamérica para analizar os principais desafíos da acuicultura desde unha perspectiva que integra a innovación, a biodiversidade e o benestar animal.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES