//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias cultura
A Filmoteca de Galicia será durante outubro unha das sedes das proxeccións de dous encontros culturais que terán lugar na cidade da Coruña: o Festival Intersección e a feira internacional de música Womex, que levarán á Sala José Sellier boa parte da súa programación audiovisual. A nova carteleira mensual da cinemateca da Xunta arrinca rematando a exhibición íntegra do serial Les Vampires, obra de dez episodios asinados polo director francés Louis Feuillade en 1916, cuxos últimos capítulos poderanse ver mañá martes día 3 e mais o xoves 4 (ás 18,00 h.).
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou hoxe en Madrid na inauguración da exposición Antonio Palacios. El rumor de la historia, el ruido del tiempo, na que a Xunta de Galicia colabora coa cesión da réplica da maqueta do Plan Palacios para Vigo elaborada polo profesor Javier Fondevila e alumnado do Instituto IES Politécnico de Vigo. O titular de Cultura da Xunta agradeceu ao Colexio Oficial de Arquitectos de Madrid a súa homenaxe cunha retrospectiva que permitirá reivindicar o papel do galego Antonio Palacios como arquitecto universal.
Curtocircuíto celebrará o seu 20º aniversario cunha sección oficial conformada por unha trintena de filmes procedentes de 16 países. A mostra organizada polo concello de Santiago de Compostela, que desenvolverá un amplo programa de exhibición e de actividades paralelas entre os días 3 e 8 de outubro, achega dúas propostas transcendentais: a retrospectiva que se lle dedicará ao polifacético dramaturgo Roberto Vidal Bolaño e a estrea en Galicia de O Corno, segundo filme da realizadora Jaione Camborda.
As conmemoracións do 30 aniversario do CGAC, inaugurado o 29 de setembro de 1993, terán a vindeira semana os actos centrais cunha completa programación que incluirá un espectáculo de danza vertical na fachada, unha proxección de vídeomapping, visitas guiadas en horario especial e unha noite de concertos, ao que se sumará tamén a inauguración dunha nova exposición que repasa a historia do CGAC vinculada á arte conceptual. Todas as actividades poderán gozarse de balde e nelas terá unha importancia singular a propia arquitectura do CGAC, obra de Álvaro Siza. Así, a noite do venres 29, os muros exteriores e a terraza converterase en escenario dun espectáculo de danza vertical coa peza Finale, da compañía Delrevés.
En Berro, Nova Galega de Danza preséntanos un espectáculo que procura recuperar a memoria colectiva. A montaxe configúrase ao redor do baleiro que supón ser individuos solitarios e illados nunha sociedade carente de memoria. A través do movemento, trázase unha viaxe que conecta cos estados emocionais e que amosa a importancia de recobrar a esencia ancestral. O corpo de baile está formado por Inés Vieites, Estefanía Gómez, Alba Cotelo, Laura Santamariña, Ricardo Fernández e Iván Villar, gañador do Premio Max ao mellor intérprete masculino de danza en 2021. Jaime Pablo Díaz combinará o traballo coreográfico coa dirección do espectáculo.
O encontro MUMI-Músicas do Minho conta con máis de 200 profesionais do sector musical acreditados. Entre a relación de participantes, destaca a concorrencia de medio centenar de responsables da programación cultural de concellos como As Pontes, Padrón, Carral, Cedeira, Póvoa do Varzim ou Matoshinhos, e da dirección de festivais como Arteficial, Revenidas, 17º Ribeira Sacra, SonRías Baixas, PortAmérica, Minho Reggae ou Gaia World Music. No eido empresarial, tamén acudirán axencias como Esmerarte, Correveydile, La Yogurtera ou DOrfeu Agueda; as salas Mardi Grass e A Pousada da Galiza Imaxinaria e representantes de entidades profesionais como Músicas ao Vivo ou a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural.
A exposición A Coruña no tempo, organizada pola Xunta de Galicia e a Afundación, pecha as súas portas o vindeiro sábado 16 na sede da entidade na Coruña superando os 10.000 visitantes. A mostra, inaugurada o 12 de xullo, reúne ao redor dun cento de pezas entre obras de arte, fotografías, documentos e mapas históricos e obxectos simbólicos, construíndo un relato único sobre a identidade dunha urbe exemplo de emprendemento e dinamismo. Comisariada por Manuel Gago, e co asesoramento do xornalista coruñés Rubén Ventureira, A Coruña no tempo aborda o pasado e presente da cidade desde distintas perspectivas.
A Fundación Aquae Querquennae Vía Nova leva vinte anos traballando na posta en valor tanto do conxunto patrimonial, termal e arqueolóxico situado en Bande, no que destaca o conxunto no que conflúe o campamento militar e a mansión Aquis Querquennis, así como o itinerario da Vía Nova e que deu lugar á construción dunha serie de edificios que contribuíron a dar a coñecer Porto Quintela como un tesouro único en Galicia, onde gozar da historia, da cultura e das augas termais ao longo de todo o ano. Para conquerir estes obxectivos , conta coa aposta das admininstracións públicas no territorio coa creación do museo ou o centro de interpretación.
O XIII Encontro de Artistas Novos está impulsado pola Fundación Cidade da Cultura e conta coa colaboración da Fundación Banco Sabadell. Trátase dunha das citas máis consolidadas da programación da Cidade da Cultura, da que forma parte desde 2011. Ata o momento teñen pasado por este encontro destinado a apoiar a novos talentos da creación contemporánea máis de 700 artistas. A apertura do EAN13 contou coa participación do director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo, do director Territorial Noroeste de Banco Sabadell, Adolfo García-Ciaño; do director do EAN, Rafael Doctor, e da directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez.
A Xunta de Galicia e a Fundación Paideia Galiza impulsan a XVIII edición dos Premios Mans Futuro, que recoñecen a excelencia do alumnado dos conservatorios superiores de música de Galicia e promoven a súa proxección. Este ano a convocatoria recupera as probas presenciais. Poderá concorrer a estes premios, financiados pola Fundación Paideia Galiza, o alumnado dos conservatorios superiores de música dependentes da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, situados na Coruña e Vigo. Deberán ter sobresaliente ou matrícula de honra no traballo fin de estudos na especialidade de interpretación.
A Facultade de Dereito UVigo acolleu o Encontro Dereito e Literatura, evento anual organizado polo grupo de innovación educativa Innova Dereito e o grupo de investigación AGAF, que lidera o catedrático de Filosofía do Dereito da UVigo Pablo Raúl Bonorino. Nel, especialistas do eido xurídico abordaron os nexos entre dereito e a literatura e como a creación escrita pode enriquecer a práctica e a docencia xurídica.
O Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo acaba de finalizar unha nova intervención arqueolóxica na 'cibdá' de Armea, no concello ourensán de Allariz. Desde mediados do mes de setembro, un equipo de seis persoas estivo traballando na ampliación da zona escavada, descubrindo 300 novos metros cadrados deste xacemento de orixe romana, ocupado arredor do século I despois de Cristo e abandonado no III.
O programa do II Foro Pensando en Educación organizado polo Concello da Coruña e a Universidade da Coruña retoma as conferencias, logo da pausa do verán, o vindeiro 25 de outubro coa presenza da escritora Inma Chacón. O Paraninfo da Reitoría da UDC, na Maestranza, acollerá ás 19:30 horas a intervención de Chacón Escribir ensinando, ensinando a escribir
Un congreso internacional e, arredor del, múltiples actividades culturais, desde unha exposición ata recitais poéticos, pasando por un ciclo de cinema, unha performance e unha instalación artística. Así celebrará a Universidade de Vigo o centenario do nacemento do premio Nobel José Saramago. Será do 26 ao 29 de outubro en distintos puntos da cidade de Vigo, entre eles o Centro de Visitantes do Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia e o Instituto Camões
O espazo cultural da Universidade da Coruña, NORMAL (Campus de Riazor), acolle desde o venres 14 de outubro, a exposición 'A Galicia deseñada', unha proposta de viaxe pola historia do deseño galego elaborada a partir dunha selección de cen símbolos, marcas e identidades gráficas. A Galicia deseñada é o resultado dun proxecto de investigación que busca poñer en valor e dar a coñecer o deseño realizado en Galicia.
Dúas son as xornadas que proximamente se celebrarán en ou desde a Facultade de Historia do campus de Ourense. Por unha banda, os días 13 e 14 de outubro terán lugar, de xeito virtual, as Xornadas de Historia Contemporánea e do Tempo Presente, que nesta ocasión centraranse na transición democrática. Por outra banda, o día 17 será a quenda da V xornada Olladas á Antigüidade, que nesta edición ten por temática Violencia no universo feminino.
USC e Consorcio de Santiago coeditan o libro ComPOPstela, música moderna en Santiago (1954-1978), escrito polo doutor en Historia da Arte Alfonso Espiño Louro. A obra acaba de ser presentada publicamente nun acto que contou coa presenza da vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias Fernández; a xerente do Consorcio, Belén Hernández; os responsables dos servizos de Publicacións de ambas institucións, Juan Blanco e Juan Conde; ademais do autor do volume.
A Cátedra Institucional do Camiño de Santiago e as Peregrinacións, cuxa creación foi froito da colaboración entre a USC e Turismo de Galicia, organiza xunto ao Centro de História da Sociedade e Cultura e o Centro Interuniversitario de Estudos Camonianos, os dous pertencentes á Universidade de Coimbra, a I Xornada Internacional de Estudos Xacobeos que se desenvolverá en Portugal do 27 ao 28 de outubro.
A igrexa de Santiago da Coruña acolleua presentación da obra 'O Camiño inglés: unha ruta xacobea medieval no século XXI', que constitúe o primeiro volume da colección Camiños do Mar publicada polo Servizo de Publicacións da Universidade da Coruña, en colaboración coa Deputación da Coruña e a Asociación de Concellos do Camiño Inglés.
Os galardóns da Sección Oficial entregaranse este venres 30 no Auditorio Municipal nunha gala na que se darán a coñecer o Premio Xacobeo e o Premio do Público; e os premios de OUFF en Curto e Fas Muvis terán o seu acto de entrega o sábado 1 de outubro no Teatro Principal. O xurado da Sección Oficial de Longametraxes está composto por Alfonso Zarauza, Marta Villar, Belén Macías, Frank Spano e David Bonneville.