Notas de prensa

O universo sonoro proxectado polo Mestre Mateo reverdece co programa 'Os sons da pedra'

Baixo o nome Os sons da Pedra. O ronsel do Mestre Mateo, a Vicerreitoría de Estudantes e Cultura da USC en colaboración co grupo de investigación Organistrum programa para estes días un compendio de actividades académicas e culturais cara á difusión do patrimonio instrumental proxectado na pedra polo xenio galego. A iniciativa apóiase nos traballos de construción en madeira dos instrumentos do Pórtico desenvolvidos entre 1990 e 1993.

Estes traballos son froito dun proxecto de investigación coordinado polos profesores José López Calo e Carlos Villanueva co apoio da Fundación Barrié. Naquela altura, o Museo das Peregrinacións abeirou un obradoiro multidisciplinar que congregou en Compostela persoal investigador en Historia e Musicoloxía canda profesionais da artesanía musical e instrumentistas. A experiencia conduciu á reprodución de 19 dos instrumentos esculpidos na pedra polo Mestre que se farían soar en concerto aos pés do Pórtico da Gloria en 1991. A seguir, a colaboración coas deputacións de Lugo e Ourense permitiu o establecemento de novos obradoiros nas dúas cidades que, baixo a dirección de Luciano Pérez e Manuel Brañas, respectivamente, levaron á réplica en madeira dos instrumentos do Pazo de Xelmírez da Catedral de Santiago e o Pórtico do Paraíso da Catedral de Ourense.

O achegamento a este proxecto de investigación e ao patrimonio instrumental recuperado artéllase agora a través dunha variada proposta de actividades que inclúen un simposio académico, unha exposición e un ciclo de concertos para exploraras múltiples arestas do legado do Mestre Mateo. O programa conta con patrocinio da Xunta de Galicia e a Axencia Estatal de Investigación e coa colaboración da Fundación Barrié, as deputacións de Lugo, Ourense e A Coruña e o Museo da Catedral de Santiago.

Simposio

O programa de actividades ‘Os Sons da Pedra. O ronsel do Mestre Mateo’ bota a andar o xoves 28 ás 16.00 horas na Aula Magna da Facultade de Xeografía e Historia cun Simposio homónimo organizado polo grupo de investigación Organistrum. Ata o sábado, día 30 de abril, o evento reunirá en Compostela persoal investigador, instrumentistas e luthieres ligados aos mencionados proxectos de reconstrución instrumental.

As sesións expositivas explorarán, entre outros temas, a riqueza dos sons do Pórtico, a historia da arqueoloxía musical experimental, as características dos instrumentos medievais, as escolas e obradoiros da artesanía galega ou a actualidade da luthería na contorna estatal. Ademais, o programa do evento garda lugar para a visitas á Catedral e á exposición do Pazo de Fonseca e para a asistencia aos concertos do ciclo homónimo que dará vida e son a eses instrumentos recuperados. Esta oferta musical amplíase cun recital engadido no que a voz e salterio de Begoña Olavide clausurarán o programa de actividades o sábado día 30 ás 13.00 horas no Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia. A asistencia ao simposio é libre ata completar a capacidade das salas.

Ciclo de concertos

Do 28 de abril ao 24 de maio, o ciclo Os sons da pedra. O ronsel do Mestre Mateo ofrece cinco concertos -todos eles a partir das 20.30 horas e de entrada libre ata completar capacidade que teñen- como fío condutor a reconstrución dos instrumentos que o Mestre Mateo esculpiu no Pórtico da Gloria e as derivacións de xéneros e xeográficas que deixou o seu ronsel.

O primeiro deles, por conta do grupo Malandança, terá lugar o mesmo xoves, 28 de abril, ás 20.30 horas no Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia. Baixo o título Unha noite na corte do Rei Alfonso, a formación dirixida por Francisco Luengo ofrecerá un repertorio da corte do monarca con algunhas das cantigas de Santa María. Malandança está integrado por vocalistas e instrumentistas de prestixio, como Esperanza Mara (voz), Manuel Vilas (arpa medieval), César Arias (cítola, laúde e organistrum), Xurxo Lois Varela (viola) e Francisco Luengo (violón e organistrum). Moitos dos seus instrumentos foron construídos nos talleres de César Arias e do propio Luengo, e empregados en numerosas gravacións do grupo.

O ciclo continúa no mes de maio con outros catro concertos que levarán ao Paraninfo os sons de múltiples instrumentos medievais. Así, o martes, día 3 de maio, Pancho Álvarez fará soar zanfonas, arpas, fídulas cítolas, vihuelas, violas e liras. O día 10, o dúo conformado por Rosa Sánchez e Pablo Carpintero revivirá diferentes tipos de gaitas e cordófonos. O grupo Martín Códax interpretará o mércores 18 de maio un programa para voz, organistrum, fídula, laúde, arpa, corneto, chirimía, frauta, zanfona, salterio, dulzema e percusión. Finalmente, o musicólogo e instrumentista Antonio Madueño e a soprano Kimiyo Nakako pecharán o ciclo cun concerto para voz e diferentes instrumentos de corda.

Exposición

Monterrat Capelán e Carlos Villanueva comisarían a exposición Os sons da pedra. O ronsel do Mestre Mateo que permanecerá no Salón do Artesoado do Colexio de Fonseca do 29 de abril ao 28 de maio.

A mostra inclúe varias das pezas elaboradas a partir dos traballos de reconstrución en madeira dos instrumentos presentes no Pórtico da Gloria e o Pazo de Xelmírez da Catedral de Santiago e o Pórtico do Paraíso da Catedral de Ourense. A exposición está dedicada á memoria de tres persoas que marcaron fondamente o desenvolvemento daqueles tres proxectos: José López Calo, Serafín Moralejo e John Wright. O deseño expositivo é de Manuel Martínez, con fotos de Tono Arias e Tino Martínez (pertencentes estas á Fundación Barrié). Os sons da pedra. O ronsel do Mestre Mateo inaugúrase o venres 29 de abril ás 20.00 horas e a asistencia é libre ata completar a capacidade da sala.

Universidade de Santiago de Compostela, 2022-04-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (medio_ambiente.jpg) Os sistemas de almacenamento enerxético resultan fundamentais para dar estabilidade ao sistema, tanto desde o punto de vista técnico como económico, grazas a súa contribución á resiliencia da rede e na redución das oscilacións dos prezos da factura eléctrica. Na actualidade Galicia conta con 46 expedientes de baterías en tramitación, que suman 492,75 MW, aos que hai que engadirlle outros 3 expedientes (17,75 MW) xa autorizados.
Foto de la tercera plana (comercio-2.jpg) Foi presentada a nova edición da campaña Días Azuis do Comercio Galego, froito da colaboración entre o Executivo autonómico e a Federación Galega de Comercio, que se desenvolverá entre o 10 e o 30 de abril de 2026. Esta iniciativa ten como obxectivo incentivar e dinamizar o comercio de proximidade. Para iso, sortearanse 20.000 euros en premios entre as persoas consumidoras que realicen compras nos establecementos adheridos durante o período da campaña.

Notas

GaliciaDigital consólidase como o referente tecnolóxico para a pequena empresa en Galicia tras alcanzar os 139 beneficiarios no programa Kit Digital, segundo datos do propio programa a 31 de decembro de 2025. A día de hoxe, está preto dos 170 beneficiarios. Cun traxecto de 1.166 días de actividade, a firma lucense destaca pola súa eficiencia e proximidade no ecosistema dixital galego.
Pontes – Semana do Cinema Galego e Portugués abre o prazo de inscrición para a súa sexta edición, que se celebrará en Vigo durante o mes de outubro de 2026. A convocatoria, está dirixida a curtametraxes e longametraxes producidos en Galicia, por creadores galegos ou creadores de calquera dos países da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP).
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES