
Nela revela parte do seu pensamento inicial, que desenvolverá máis tarde nas súas principais obras. A súa tradución e a súa resposta permaneceran inéditas en castelán.
Luciano, escéptico, bromista e irónico, escribiu diálogos e historias moi entretidas, explica a profesora Cabrillana. Por ese motivo elíxeno Erasmo e Moro para realizar as súas versións latinas. A Moro atráelle ademais o seu modo de ensinar e divertir a través da literatura, e o seu dominio da argumentación, engade. O texto contén unha carta de Moro ao secretario do rei, os diálogos Cínico, Menipo, O amante da mentira, O tiranicida e a resposta de Moro a esta última obra.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.