Noticias

A nova Galicia Film Commission activará en 2024 incentivos directos para rodaxes audiovisuais

Foi presentada ante unha nutrida representación dos sectores audiovisual e turístico a imaxe e o avance dos traballos para a posta en marcha este mesmo ano da Galicia Film Commission, nova plataforma virtual para a promoción internacional da nosa Comunidade como plató de cinema e de televisión baixo o lema Shooting at The End of The World. Segundo anunciou o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, a súa entrada en funcionamento levará asociada a activación, a partir de 2024, dun novo fondo para a atracción de rodaxes mediante a fórmula de incentivos directos ás empresas, coa previsión de que o seu retorno económico na nosa Comunidade multiplique por 10 o investimento público.

A Galicia Film Commission é, ademais, unha das novas iniciativas contempladas no Plan Xeración Cultura do Goberno galego, cun investimento de 34M€ para levar a cabo unha batería de 57 accións. O obxectivo é continuar co crecemento do sector e prepararse para afrontar novos retos, como esta nova iniciativa audiovisual ou o desenvolvemento de seis plans sectoriais e de dúas novas leis no eido da dixitalización e accesibilidade.

O escenario elixido para este presentación foi o túnel de servizos da Cidade da Cultura como exemplo dun potencial espazo cinematográfico, cun marcado punto de fuga e grandes posibilidades para o traballo coa luz e o son. Alí congregáronse un centenar de persoas, entre representantes de empresas e entidades como a Academia Galega do Audiovisual, o Clúster Audiovisual Galego, o Clúster de Turismo de Galicia, a Asociación Galega de Produtoras Independentes, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, a Asociación Galega de Guionistas ou as Film Commission de Santiago e Ourense. Por parte da Xunta, contouse tamén coa asistencia de Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais, e Nava Castro, directora de Turismo de Galicia.

Proxecto transversal

A súa presenza neste acto dá conta do carácter transversal da Galicia Film Commission, que responde así mesmo a unha demanda do sector audiovisual no sentido de xogar un papel coordinador, integrador e amplificador respecto dalgunhas oficinas homólogas que xa existen no ámbito local. Ao tempo, será o vehículo para articular os incentivos económicos directos como reclamo para incentivar as rodaxes na nosa Comunidade xunto coas súas propicias características paisaxísticas e patrimoniais e coa contrastada capacidade da industria audiovisual galega.

Neste sentido, Román Rodríguez detallou como principais obxectivos desta nova ferramenta a promoción de Galicia como espazo ideal de rodaxe, a difusión das obras audiovisuais creadas no noso territorio, o incremento do retorno económico das producións e o impulso á marca Galicia a través do audiovisual.

A Galicia Film Commission disporá de persoal específico para atender as necesidades das empresas audiovisuais de cara á localización de escenarios para as súas filmacións, a colaboración con outros profesionais e empresas rexistrados na base de datos, a tramitación de permisos ou a dotación de recursos, entre outras funcións.

Así pois, en palabras do titular de Cultura do Goberno galego, a Galicia Film Commission actuará como un “instrumento facilitador de calidade e de diferenciación” para continuar avanzando na modernización, consolidación e competitividade do audiovisual galego.

Ademais, co novo fondo de incentivos directos darase continuidade á liña de apoio á captación de rodaxes desenvolvida a través de dúas convocatorias do Hub Audiovisual da Xunta de Galicia. Neste caso, o investimento público situose en 3,3M€ en axudas a unha decena de producións, cun impacto económico estimado de 33M€

Programa anual de subvencións

Xunto coa próxima entrada en funcionamento da Galicia Film Commission, o Goberno galego mantén o seu programa anual de subvencións para acompañar as empresas e profesionais do cinema e a televisión durante todo o proceso audiovisual: desde o impulso do talento na fase de creación ata a promoción, comercialización e exhibición dos traballos, pasando pola súa preprodución, rodaxe e posprodución. A súa prioridade é tanto atender as necesidades máis inmediatas das produtoras como sentar as bases para a consolidación e impulso do sector a medio e longo prazo.

De feito, segundo un recente informe elevado ao Consello da Xunta sobre as medidas de fomento do audiovisual galego inseridas no Plan Xeración Cultura, o Goberno galego está a incentivar o bo momento creativo e empresarial do sector mediante oito liñas de subvencións que suman preto de 7,4 millóns de euros. O documento fai fincapé, así mesmo, no efecto multiplicador do investimento público no cinema e na televisión feitos en Galicia, de xeito que os 23,4 millóns de euros adxudicados entre 2012 e 2022 en axudas á produción de 165 proxectos (123 longametraxes, 26 curtas e 16 series) mobilizaron orzamentos por un valor conxunto de preto de 123 millóns de euros e xeraron un emprego anual estimado en 1.863 persoas.

R., 2023-03-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (interseccion-2026.jpg) Foi presentada a novena edición de Intersección, Festival Internacional de Cine da Coruña, celebrada nos Cantones Cines. O festival desenvolverase do 13 ao 17 de outubro cunha programación que combina proxeccións, exposicións, formación e encontros profesionais arredor das novas linguaxes cinematográficas. Así, as seccións competitivas Galicia, Internacional e Fulgor achegarán ao público obras afastadas dos circuítos comerciais habituais e novas voces da creación audiovisual contemporánea. En concreto, a sección Internacional reúne 27 filmes procedentes de 22 países, entre os que figuran catro estreas mundiais, 17 en España e cinco en Galicia. As propostas exploran cuestións como a tecnoloxía, a memoria, o territorio e a identidade desde linguaxes e xeografías diversas.
Foto de la tercera plana (20261008-ragc.jpg) A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou en Santiago, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, o acto do Día da Ciencia en Galicia, no que se homenaxeou á oceanógrafa Aida Fernández Ríos (Vigo, 1947 - Moaña, 2015) como Científica Galega 2026. Ademais, entregáronse as Medallas de Investigación a cinco científicas e científicos da nosa comunidade. O presidente da Academia destacou que 'Aida Fernández Ríos foi unha investigadora capaz de identificar problemas relevantes e de situalos nun contexto internacional, converténdose nunha científica respectada moito máis alá de Galicia.

Notas

O CiMUS da USC coordina un proxecto europeo para desenvolver unha nova xeración de radioterapia contra os tumores cerebrais. Trátase de InnovaRTBRAIN, unha iniciativa que busca transformar os procedementos actuais para o tratamento de tumores cerebrais, especialmente gliomas, e deseñar novos enfoques de radioterapia máis precisos, efectivos e seguros. Está coordinado desde este Centro Singular polo equipo Novas estratexias en Radioterapia dirixido por Yolanda Prezado.
Pezas que, nun espazo concreto, transforman e reinterpretan obras previas, que á súa vez naceron como rexistros de accións artísticas. Creacións artísticas que xorden como “eco ou resposta” de obras previas de Cora Novoa, Elena Rocamora, Álvaro Porras e María Sánchez, reúnense na exposición Contar cos dedos, que ata o 2 de novembro pode visitarse na Sala O Abrigo da Facultade de Belas Artes.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES