//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias cultura
A escritora Arantza Portabales recibiu o premio Clubs de Lectura 2024, por ser a autora galega máis lida nas bibliotecas escolares durante o curso. A entrega deste premio enmárcase na XVI Xornada de Clubs de Lectura, que congregou a máis de 400 coordinadores destes espazos educativos co obxectivo de compartir experiencias e afondar en novas accións sobre o libro e a lectura. As bibliotecas escolares galegas destacan pola calidade dos espazos de aprendizaxe, polas as actividades relacionadas co tratamento da información e competencias dixitais ou pola formación en diversidade e igualdade.
Catro traballos que versan sobre a liberdade vixiada, a crise dos pellets, a ocupación de vivendas e a intelixencia artificial foron galardoados este xoves co III Premio Xurídico de Investigación en lingua galega Xosé Luís Franco. Os catro gañadores, dúas estudantes da Universidade de Vigo, un de Santiago de Compostela e outra da Coruña, déronse a coñecer este xoves na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, impulsora destes premios, no transcurso dun acto co gallo do Día das Letras Galegas.
O festival AlMajisti' vaise desenvolver os vindeiros 17,18 e 19 de maio neste concello da alta montaña galega. Trátase dun certame literario no rural de Galicia que propón un diálogo entre literatura, astronomía e música, con afán de converterse nunha das citas culturais máis importantes da provincia. O nome 'AlMajisti' é o topónimo árabe traducido como 'o máis grande, o grande tratado' e empregado polos astrónomos ata a Alta Idade Media, incluídos os navegantes dos descubrimentos; por iso o festival ten a súa partida en dúas grandes estrelas da cultura astronómica, Claudio Ptolomeo e Afonso X O Sabio.
A Cidade da Cultura de Galicia reivindica na exposición 'Outras historias posibles' a obra de seis artistas contemporáneas vinculadas a Galicia que despuntaron nos anos 80 do pasado século. A mostra, que abrirá a súas portas no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura a finais deste mes de maio, reúne unha ampla escolma dos traballos de Ana García Pan, Emilia Guimeráns, Anne Heyvaert, Tusi Sandoval, Blanca Silva e Laura Terré co obxectivo de celebrar o seu talento e contextualizar a súa obra, atendendo tanto ás influencias do contexto histórico como aos eventos da vida privada que determinaron o seu devir artístico.
O Centro Dramático Galego avanza na celebración do seu 40º aniversario, que entre os meses de maio e setembro compartirá tamén co público dos máis de 100 concellos do rural polos que xirará o espectáculo itinerante De Vilatriste a Vilalegre. Esta coprodución da compañía da Xunta de Galicia e Teatro ó Cubo foi presentada hoxe no Xardín do Teatro da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, nun acto que contou coa intervención do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude e ao que asistiron representantes dos municipios nos que se desenvolverá a iniciativa, a metade deles situados nas provincias de Lugo e Ourense.
A característica fundamental de artes gráficas como o gravado é a existencia dunha matriz a partir da que poden xerarse diferentes obras. Partindo dese elemento, a propia evolución da arte contemporánea e os avances tecnolóxicos transformaron nas últimas décadas a noción de arte múltiple, cara o que o grupo dx5 (Digital & Graphic Art Research), da UVigo, denomina 'gráfica de campo expandido', concepto que tamén fai referencia a como a gráfica contemporánea abandona o seu carácter bidimensional para 'conquistar o espazo'. Para afondar nestas ideas, o grupo promove o VIII Foro Internacional de Creación na Fronteira 'O múltiple que ocupa o espazo', con tres exposicións, conferencias e intervencións no espazo público.
A Cidade da Cultura impulsa a transformación artística do patrimonio sonoro galego a través de dúas residencias dos artistas Xoán-Xil López e Matilde Meireles. Faino a través da Fundación Cidade da Cultura en colaboración co festival RESIS de música contemporánea e co Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit-CSIC). No proxecto titulado Sereas, o lugués Xoán-Xil López está a dar forma a un concerto inspirado no levantamento das traballadoras da Fábrica de Tabacos da Coruña en 1857, cando estas se revelaron contra a mecanización da produción arroxando ao mar as máquinas adquiridas pola empresa.
Máis de 3.000 alumnos e alumnas, tras ler as obras finalistas, emitiron as súas valoracións para escoller as obras gañadoras das sete categorías. Os títulos seleccionados na categoría Infantil foron Caderno de cores e cancións, de Magín Blanco e Sonia García, como ilustradora, e está editado por Galaxia. Na de primeiro e segundo curso de Educación primaria foi distinguido Violeta parapluie e outras historias de xente pouco corrente de Ramón D. Veiga, publicada por Edicións Embora. Na segunda categoría distinguiuse A pulga espacial de Xabier Domínguez e Alba de Evan.
De pais galegos, nace en Toledo, aos sete anos volve a Galicia e instálase coa familia en Ferrol. Na súa adolescencia séntese atraído pola pintura e recibe clases do pintor ferrolán Felipe Bello Piñeiro, cursa estudos de maxisterio e exerce como mestre nacional en varias escolas. Máis tarde, en 1947 trasládase a Madrid para estudar belas artes na Escola de San Fernando, e licénciase en 1951. É nesta época cando abandona a pintura realista e entra en contacto coa corrente expresionista europea coa que sente afinidade non só no aspecto formal senón tamén polos seus contidos sociais. É tamén a época en que empeza a escribir as súas primeiras novelas e a interesarse pola filosofía, o ensaio e a literatura.
A Cidade da Cultura súmase en maio á celebración do Día das Letras Galegas, dedicado este ano á música, profesora e poeta Luísa Villalta, cunha variada programación divulgativa destinada a dar a coñecer a súa figura e a súa obra a toda a cidadanía. Ao longo do mes das Letras, o Gaiás organiza propostas como unha lectura participativa de poemas, un encontro con rapazada de centros de ensino, unha exposición bibliográfica ou dúas propostas teatrais para público adulto e público familiar. A primeira destas actividades será o mércores 8 de maio, e consistirá nun encontro entre alumnado de dous dos institutos nos que Luísa Villalta se desempeñou como profesora e activista cultural.
A VIII Xornada de Onomástica Galega explorará o 21 de outubro en Pontevedra o papel dos nomes propios e a súa riqueza na cultura popular. O encontro anual que organiza o Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, coa colaboración coa Deputación de Pontevedra e do Museo de Pontevedra, prestaralle atención especial á presenza da toponimia e a antroponimia no cancioneiro, e terá tamén en conta outros xéneros.
Música, teatro, danza, exposicións, faladoiros, cursos ou propostas audiovisuais integran a programación do Outono Cultural, unha iniciativa que abrangue a meirande parte da acción da USC en materia de cultura neste primeiro período do ano. Esta nova programación leva aos campus de Santiago e Lugo múltiples propostas dirixidas ao alumnado da USC pero abertas, na súa maioría, ao conxunto da cidadanía.
O espazo expositivo do campus de Ourense, a Sala Alterarte, arrancou este xoves a programación do curso 2023/2024 coa exposición Clinamen. Catro propostas de abstracción radical. A mostra, comisariada por Manolo Figueiras, conta con obras dos artistas ourensáns Alejandro Caporale, Antonio Fernández Seoane, María Puertas e Antonio Soria Rocafort.
4.162 espectadores viron algunha das 135 películas proxectadas na Semana de Cine de Lugo 2023, ou das facilitadas a Aspnais e aos centros penitenciarios de Monterroso, Bonxe e Teixeiro. 3.043 destes asistentes foron ás diversas sesións celebradas no Auditorio de Lugo, 769 nas outras salas da capital, e o resto en Aspnais e nos centros penitenciarios.
Kathleen March (Nova York, 1949) é galega por elección e contribúe de forma destacada dende hai décadas á proxección internacional da literatura galega como crítica literaria e tradutora. En recoñecemento ao seu labor, a RAG recibiuna no Balneario de Mondariz como membro de honra. A filóloga reflexionou sobre o carácter global da literatura galega e propuxo novos camiños que cultivar para facela chegar máis alá, como fixeron Rosalía e Manoel Antonio.
O XXI Premio Rafael Dieste de Textos Teatrais da Deputación da Coruña xa ten gañador: o xornalista e escritor Alberto Ramos coa obra Conxo, non restraint", unha peza de texto documento sobre a violencia psiquiátrica no Hospital de Conxo. Alberto Ramos é xornalista e escritor, dedícase á comunicación cultural e durante seis anos traballou na Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG).
Comezando a campaña (Re)Coñecer, promovida pola Rede Museística provincial de Lugo, está aberta na sala de exposicións da Deputación de Lugo a mostra de dúas coñecidas artistas lucenses, Concetta e Luisa Paz Montenegro. Na inauguración da mostra participaron a Deputada de Cultura, Iria Castro; a directora do Museo provincial, Aurelia Balseiro, e a Xerente da Rede, Encaarna Lago.
Vén de publicarse o cartel anunciador da Semana de Cine de Lugo, na súa edición XLV, que se celebrará do 18 ao 23 do próximo mes de setembro. O motivo principal do cartel é unha foto de agosto de 1914, da rodaxe en Lugo do cineasta José Gil, desde un automóbil que circulaba polo adarve da Muralla lucense.
Lourenzá, a vila natal do protagonista do Día das Letras Galegas 2023, acollerá do 4 ao 6 de setembro un encontro de tres días no que se afondará no seu legado dende diversas perspectivas. Preto de vinte especialistas de distintas institucións analizarán a biografía e a obra de Fernández del Riego como activista, intelectual, estudoso e escritor nos sucesivos contextos históricos que percorreu na súa case centenaria vida.
O vindeiro 20 de agosto terá lugar en Teo un acto en homenaxe a Avelino Pousa Antelo, no undécimo aniversario do seu pasamento. Comezará ás 12:00 horas no Auditorio Constante Liste, xunto á Casa do Concello de Teo, na Ramallosa, e continuará no Paseo Avelino Pousa da Urbanización dos Verxeis / Oza. No transcurso do acto, farase entrega do Caxato Avelino Pousa a Carme Varela, escritora, historiadora, autora teatral, e colaboradora por ben anos de Avelino Pousa Antelo como Secretaria Técnica da Fundación Castelao.