Noticias

Fallado o III Premio Xurídico de Investigación en lingua galega Xosé Luís Franco

Catro traballos que versan sobre a liberdade vixiada, a crise dos pellets, a ocupación de vivendas e a intelixencia artificial foron galardoados este xoves co III Premio Xurídico de Investigación en lingua galega Xosé Luís Franco. Os catro gañadores, dúas estudantes da Universidade de Vigo, un de Santiago de Compostela e outra da Coruña, déronse a coñecer este xoves na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, impulsora destes premios, no transcurso dun acto co gallo do Día das Letras Galegas.

Na modalidade B, para alumnado da Universidade de Vigo, o xurado optou por entregar o premio ex aequo a Raquel Crespo, estudante do Mestrado da Abogacía da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo e a Lucía Díaz, do grao en Dereito. Crespo gañou co seu traballo A medida de seguridade de liberdade vixiada postpenitenciaria: unha análise dende o garantismo, no que aborda o seu contexto histórico e a súa evolución actual, en ocasións relacionado coa resposta penal da sociedade e o dereito penal do inimigo que se confronta co necesario garantismo dun sistema penal democrático. O traballo de Díaz, pola súa banda, é unha análise xurídica da vertedura de “pellets” na costa galega en decembro de 2023 e céntrase neste suceso que tivo lugar a finais de 2023 para realizar unha análise xurídica dos mecanismos legais que ten o Estado español para reclamar responsabilidades, nos diferentes campos do Dereito.

Mentres, na modalidade A, para alumnado de calquera outra universidade do Estado, o xurado decidiu tamén entregar o premio ex aequo a Diego Suárez, da Universidade da Coruña e Candela Fernández, da USC. O primeiro presentou un traballo sobre a ocupación de inmobles na xurisdición española, analizando este fenómeno dende a súa incardinación na xurisdición penal e que tipos serían de aplicación, así como a súa posible reclamación a través da vía do proceso civil. Ambas perspectivas complementadas dende a xurisprudencia dos tribunais e da propia doutrina do Tribunal Constitucional. No caso da estudante da USC, o traballo analiza os usos da intelixencia artificial no dereito español e afonda nomeadamente no caso español do programa RisCanvi utilizado nos centros penitenciarios de Cataluña para configurar un protocolo de valoración do risco.

Unha vintena de traballos de moi boa calidade e corrección lingüística

O galardón, nado en 2022, ten como obxectivo o fomento do emprego da lingua galega nos traballos científicos no eido do dereito entre o estudantado de grao e mestrado. Nesta edición aumentouse a dotación económica dos galardóns, que acada os 500 euros en cada unha das dúas modalidades: alumnado da propia facultade e alumnado de calquera outra universidades do Estado. Ademais, con este galardón tamén se trata de homenaxear o xurista e escritor Xosé Luis Franco Grande, que foi o persoeiro elixido por votación popular entre outras figuras vencelladas ao dereito e ás letras para bautizar estes premios.

Nesta terceira edición, o xurado destacou o cantidade e alta calidade dos traballos recibidos, case unha vintena de investigacións de temáticas moi diversas e vencelladas con cuestións xurídicas de relevancia actual como a vertedura de pellets na costa galega e a administración electrónico na crise da Covid. “Atopamos traballos de grande impacto social como a ocupación de inmobles, a regulación da prostitución no marco do Dereito, a obxección de conciencia, ou o traballo da muller en prisión”, explican dende o xurado, así como “outras investigacións que afondaron na protección xurídica do patrimonio relixioso, o réxime xurídico da empresa agroalimentaria en Galicia no concurso de acredores ou a tributación das sucesións transfronteirizas”, sen deixar de lado outros sobre eficacia do sistema penal, a suspensión das penas, a liberdade vixiada, a idade do consentimento sexual dos menores ou as novas tecnoloxías como intelixencia artificial, a ciberdelincuencia ou a problemática laboral dos e-sports. Paralelamente, dende o xurado tamén destacan a “calidade e corrección lingüística, así como a metodoloxía e o rigor técnico empregado nos traballos de investigación”.

Ademais do fallo dos premios, o acto comprendeu tamén dous relatorios. Por unha banda, o profesor da facultade e coordinador de Normalización Lingüística, Xosé Manuel Pacho, falou sobre a figura de Luisa Villalta, á que se lle dedican este ano as Letras Galegas, incidindo nas súas diversas facetas como poeta, dramaturga, narradora e a súa condición de activista cultural e feminista. Por outro lado, Clodio González Pérez, historiador e membro da Real Academia Galega abordou noutro relatorio a figura de Fermín Bouza Brey como home de letras e home de lei. Analizou a súa condición de xuíz, avogado e home de letras e tamén expuxo imaxes e documentos de Fermín Bouza Brey, recollidos algúns deles no Tribunal Supremo sobre o expediente de expulsión da carreira xudicial polas súas ideas.

Os premios entregaranse no transcurso do acto de graduación de Dereito, o vindeiro 7 de xuño.

Universidade de Vigo, 2024-05-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (museo_do_pobo_galego_2.jpg) Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

O concerto de Sofía Ros na Casa do Saber do Campus de Lugo este luns, 26 de outubro, ás 20.15 horas, abre unha nova semana ateigada de citas culturais na USC. Música, diversos faladoiros, así como proxeccións audiovisuais integrarán os vindeiros eventos do Outono Cultural. Ese mesmo 26 de outubr,o no Pazo de Montenegro, a partir das 17.30 horas, desenvolverase o primeiro dos encontros 'Memoria democrática'. María Valcárcel, profesora da USC e periodista cultural, é a persoa coidadora deste proxecto. O acceso require inscrición previa.
A música folk será neste 2026 a gran protagonista do ciclo Música para reCREAr, que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración do Concello de Pontevedra, ao abeiro dun convenio de colaboración. Esta programación botará a andar este xoves 29 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, cunha actuación do grupo Caldo, mentres que o 12 de novembro, á mesma hora, poderá coñecerse o proxecto musical do dúo Abril.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES