
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou hoxe na presentación da popular competición La Vuelta que, co apoio da Xunta, este 2025 se desenvolverá do 23 de agosto ao 14 de setembro e que estará composta en total por 21 etapas que cubrirán unha distancia de 3.151 quilómetros.
Durante a presentación, o director de Turismo de Galicia salientou o potencial dos eventos deportivos como escaparates para achegar os recursos turísticos da terra a un novo público, tal e como recolle a Estratexia 2030.
Xosé Merelles lembrou tamén a achega do turismo deportivo ou turismo activo á comunidade, destacando que se trata dunha modalidade que moi frecuentemente se integra con outras propostas, como o turismo de natureza, o rural ou o enogastronómico. Ademais, incidiu na modalidade do cicloturismo, unha oportunidade estratéxica para a aposta de Turismo de Galicia pola diversificación e sostibilidade na oferta.
Ademais, o director de Turismo salientou o importante impacto mediático de eventos deportivos desta magnitude subliñando que contribúen a reforzar nacional e internacionalmente Galicia como destino. Así, salientou os máis de 17 millóns de espectadores que viron a proba nalgún momento por televisión e os 23 millóns de visitas á web oficial. É unha proba que se sigue en máis de 180 países, dixo.
Etapas en solo galego
Do total das 21 etapas que compoñen esta edición de La Vuelta , tres desenvolveranse por solo galego. En concreto, o paso por Galicia deste certame será entre o 7 e o 10 de setembro. O día 7, na etapa 15, o grupo de competidores entrará na comunidade desde Asturias, no tramo A Veiga/Vegadeo-Monforte de Lemos.
Tras dunha xornada de descanso, a competición retómase o día 9 coa etapa 16, que vai de Poio a Mos -rematando en concreto no Castro de Herville-. O día 10 de setembro, La Vuelta despídese da comunidade galega coa etapa 17, que por primeira vez sairá desde O Barco de Valdeorras para chegar, 143 quilómetros despois, ao Alto de El Morredero, xa en Ponferrada.
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, avanzou hoxe que as contas da Xunta para o ano 2027 continuarán a reforzar o gasto social, cunha suba por riba da media do crecemento do orzamento e con melloras no acceso á vivenda, a máxima prioridade desta lexislatura. Así mesmo, o Goberno galego seguirá comprometido coa transformación do modelo produtivo cunha aposta polo investimento en I+D+i e pola mellora da formación para impulsar o crecemento empresarial. Ademais de aproveitar a riqueza dun Xacobeo 2027, 'que queremos que sexa o mellor da historia'.
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, compareceu hoxe a petición propia no Pleno do Parlamento de Galicia para dar conta das preto de 700 medidas recollidas no novo Plan xeral de normalización da lingua galega. Fíxoo despois de que a maioría das formacións políticas con representación na Cámara galega chegasen a un acordo para enriquecer este texto froito do traballo de preto de dous anos feito por expertos con achegas de entidades, institucións e particulares. Neste senso, o responsable autonómico de Lingua agradeceu a colaboración e implicación de todos os profesionais que participaron, baixo a coordinación do académico Manuel González, na elaboración deste documento.