Con ela arranca tamén a coordinación desta sala a cargo do artista e profesor da Facultade de Educación e Traballo Social Javier Blanco Sierra, que desenvolverá ao longo deste curso académico o ciclo expositivo Recipro-Edadic. Na presentación da mostra, á que tamén asistiu Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do campus de Ourense, subliñouse que nesta nova etapa de Alterarte buscarase potenciar a súa permeabilidade coa contorna.
Clinamen, explican desde a súa organización, foi o nome que o filósofo Lucrecio, seguindo as teorías de Epicuro, propuxo para nomear a impredicible desviación que experimentan os átomos e que constitúe unha moi temperá achega ao problema do libre albedrío, asunto capital na filosofía moderna e contemporánea. Xogando con este significado, é tamén a palabra escollida como título para esta mostra que, apuntan, reúne a catro artistas nacidos ou vencellados a Ourense e que veñen desenvolvendo a súa actividade desde as últimas décadas do século XX e as primeiras do XXI. Ademais os catro comparten na súa traxectoria creativa o feito de "ver na pintura unha vía de expresión prioritaria e compaxinar ou alternar as linguaxes abstractas coas figurativas", cada un cun estilo diferenciado. Todos e cada un deles, engaden, teñen levado a cabo nalgún momento da súa traxectoria "propostas de abstracción radical que esta mostra pretende someramente rexistrar".
Propostas diversas
As obras expostas están en sintonía coa traxectoria de cada un dos seus creadores. Alejandro Caporale (La Plata, 1972) comezou a súa andaina artística explorando as posibilidades do gravado e a estampación calcográfica (en estreita conexión co campo da fotografía no que posteriormente centrou a súa actividade), traendo a Alterarte obras realizadas con diferentes materiais, como redes e listóns. Pola súa banda, Antonio Fernández Seoane (Ourense, 1973) ten formación académica no campo da filosofía e para el, xunto coa pintura, a escritura constitúe unha vía de expresión e comunicación esencial. Como pintor, é autor fundamentalmente de cadros figurativos de gran formato, grandes frescos alegóricos nos que a linguaxe realista deriva en fortes efectos de irrealidade ou estrañeza. María Puertas (Ourense, 1973) é unha artista fundamentalmente centrada na práctica da pintura, o debuxo e o gravado e tamén ten realizado ocasionais incursións no campo da ilustración, traballando gran parte da súa obra a idea de casa. Por último, Antonio Soria Rocafort (Alcalá de Henares, 1953) é, dos catro, o de máis longa traxectoria no tempo e o que quizá con maior reiteración ten practicado a alternancia figuración-abstracción. Na súa obra figurativa, sinalan desde a mostra, hai sempre unha fonda intencionalidade simbólica que con frecuencia se materializa en forma de alegorías nas que queda de manifesto o seu interese pola mitoloxía, a historia antiga e a psicoanálise".
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.