Notas de prensa

Creatividade emerxente, reflexión e debate danse a man no Outono Cultural da USC

Música, teatro, danza, exposicións, faladoiros, cursos ou propostas audiovisuais integran a programación do Outono Cultural, unha iniciativa que abrangue a meirande parte da acción da USC en materia de cultura neste primeiro período do ano. Esta nova programación leva aos campus de Santiago e Lugo múltiples propostas dirixidas ao alumnado da USC pero abertas, na súa maioría, ao conxunto da cidadanía.

“Tal e como sucedeu coa Primavera Cultural, este é un programa compacto que concentra a maioría de propostas culturais impulsadas dende a Universidade, integrando baixo un mesmo paraugas as iniciativas que levamos anos desenvolvendo xunto con outras novas a cargo de artistas emerxentes”, explica a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias. Deste xeito, quere dárselle unha maior visibilidade á programación cultural da USC entre o alumnado, conscientes de que “a cultura é ferramenta esencial no proceso de formación transversal”.

Unha das citas máis inmediatas será o concerto de hydn e Mondra o vindeiro 18 de outubro, ás 21.00 horas, na Igrexa da Universidade. Xa no mes de novembro será a quenda das Fillas de Cassandra que ofrecerán un concerto, tamén na Igrexa da Universidade, o día 15.

“Queremos plasmar a través das iniciativas artísticas o que lle preocupa á sociedade de hoxe”, apunta Pilar Murias. “Os e as artistas emerxentes afrontan moitas das cuestións actuais que tamén preocupan ao noso estudantado, cunha linguaxe (musical, plástica, audiovisual…) moi próxima a eles. Por iso queremos aumentar a súa participación na programación cultural da USC. Comezamos hai uns meses coa Primavera Cultural e agora damos un paso máis nesta liña”, engade. Así, entre os nomes máis destacados que participarán neste Outono Cultural atópase o colectivo Landra, Mariana Vilanova, Damián Ucieda ou Diego Vites. Ademais, entre as novidades do eido da formación destacan o curso de videocreación nos dous campus e o de Podcast en Compostela.

Faíscas culturais

Dentro da Outono Cultural enmárcase unha nova edición das Faíscas culturais que botaron a andar o pasado curso e que “resultaron todo un éxito” xa que permitiron introducir na dinámica das aulas diferentes propostas artísticas que serviron de base para “fomentar o debate, a reflexión e o espírito crítico do alumnado”, continúa a relatar a vicerreitora.

As Faíscas deste ano xirarán arredor do centenario da creación do Seminario de Estudos Galegos (SEG) a través dunha exposición divulgativa que viaxará por diversos centros dos campus de Santiago e Lugo, así como en torno a unha mostra de artistas emerxentes de Galicia e do Norte de Portugal que se situará no Colexio de Fonseca. No primeiro dos casos, a mostra servirá de contexto para diversas intervencións nas aulas vinculadas ao nacemento do SEG; mentres que na segunda serán os propios artistas os que interveñan coa vontade de dar a coñecer, entre outros aspectos, o seu propio proceso creativo.

Esta é unha iniciativa que botou a andar a finais do ano pasado e co que a USC introduce, nas clases de diversas materias, proxectos artístico-pedagóxicos que serven de ancoraxe para a reflexión. “Queremos conectar o que facemos no eido cultural e artístico co que se está estudando nas aulas”, explica Pilar Murias á hora de definir este proxecto que se sitúa na intersección entre o coñecemento académico e a expresión artística.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2023-10-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES