
As sesións desenvolveranse en horario de mañá e tarde no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra. As persoas que desexen seguilas presencialmente deben inscribirse enviando un correo electrónico, antes do 18 de outubro, a [email protected] cos datos que se indican no programa, dispoñible en academia.gal. O programa poderá seguirse tamén en directo a través de academia.gal e a canle de Youtube da Real Academia Galega.
A través da cultura popular, a cita permitirá profundar na relación da onomástica coa oralidade, explica a académica Luz Méndez, coordinadora da xornada canda a académica de número Ana Boullón. O eixo central, desta volta, é a expresión popular dos nosos nomes, transmitida durante xeracións e significativa para entender a nosa idiosincrasia tamén en canto á comunicación, á complicidade ou aos sobreentendidos que nos unen como pobo, detalla. Coma sempre e, ante todo, a xornada quere abrir novas perspectivas de estudo da ciencia onomástica a aspectos pouco analizados entre nós, xerar debate científico e divulgar e normalizar os nomes propios persoais e de lugar, conclúe.
Os topónimos, os nomes de persoa e os nomes de santos no cancioneiro centrarán os tres primeiros relatorios, a cargo de Domingo Blanco, Xosé Miranda Ruíz e Xosé Ramiro Cuba Rodríguez, respectivamente. A sesión da mañá continuará cunha achega de Antonio Reigosa Carreiras sobre a onomástica no conto galego de tradición oral e a ollada á relación entre a onomástica e a antropoloxía en Galicia de Elena Freire Paz.
A sesión da tarde arrincará cun relatorio de Carlos Baliñas Pérez sobre os usos sociais do cognomentum (alcumes, sobrenomes, nomes familiares...) na Galicia altomedieval e deseguido continuará cunha contribución dende o mundo da didáctica, como é costume nestas xornadas dende os seus comezos. Será da man da cantora, improvisadora e filóloga Alba María, que profundou co seu alumnado de secundaria na relación entre os romances e a onomástica.
A tarde rematará cunha actuación musical de Tralo-Valo, con Carmen da Pontagra na voz e na percusión e Arial Ninas na zanfona.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.