Noticias

Un total de 177 empresas participan este ano nas catas de viños e augardentes de Galicia

Un total de 177 adegas e empresas acollidas ás denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas de viños, augardentes e licores tradicionais da nosa comunidade participan nas catas oficiais deste 2025. As precatas dos viños das DO prolongaranse ata este mércores e correrán a cargo de catadores dos propios paneis de cata dos consellos reguladores de Rías Baixas, Ribeiro, Monterrei, Ribeira Sacra e Valdeorras. As precatas do resto de categorías e as catas finais realizaranse do 21 ao 23 deste mes de outubro, por parte de catadores, sumilleres, enólogos e profesionais vinculados ao sector, pero que non pertencen aos paneis das D.O.

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, asistiu hoxe ás precatas (selección previa) que se desenvolven no Pazo de Quián, en Sergude (Boqueixón). Corresponden á XXXVII Cata dos Viños, á XXVII Cata das Augardentes, á XIV Cata dos Licores de Herbas, Licor Café e Augardente Envellecida, e á XII Cata das Augardentes de Herbas. O proceso selectivo iniciouse o pasado día 30 de setembro, coa recollida das 445 mostras de viño (310 de branco e 135 de tinto), correspondentes a 165 adegas; e das 40 de augardentes e licores, correspondentes a 12 empresas, que participan este ano no certame.

As precatas dos viños das DO prolongaranse ata este mércores e correrán a cargo de catadores dos propios paneis de cata dos consellos reguladores de Rías Baixas, Ribeiro, Monterrei, Ribeira Sacra e Valdeorras. As precatas do resto de categorías e as catas finais realizaranse do 21 ao 23 deste mes de outubro, por parte de catadores, sumilleres, enólogos e profesionais vinculados ao sector, pero que non pertencen aos paneis das denominacións de orixe. Pola súa banda, as augardantes e licores tradicionais cataranse o 20 de outubro.

Anonimato das mostras

Para garantir o anonimato das mostras, as botellas de viño introdúcense nunha bolsa opaca negra e sinalízase cun número correspondente á fase da precata. Os 6 viños de cada denominación de orixe seleccionados nesta fase de precata, cataranse na cata final con outra numeración. A correlación entre os dous números permanece en secreto, custodiada pola secretaria do xurado.

As mostras de augardentes e licores de Galicia recóllense nas botellas proporcionadas pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria, de vidro transparente con capacidade para 3/8 de litro, e tamén se catan con distinta numeración na fase de precata e na cata final.

Para a valoración por parte dos catadores, facilítaselles unha tablet cargada cun software especialmente deseñado para esta finalidade, no que se valoran as características das mostras nas diferentes fases visual, olfativa e gustativa, cunha apreciación global ao remate do proceso. No caso dos espumosos, avalíase ademais a efervescencia.

Promoción e recoñecemento

Con estas catas, a Consellería do Medio Rural salienta a importancia de promocionar, identificar e premiar os mellores viños, augardentes e licores elaborados fundamentalmente con uvas de variedades autóctonas, produtos dotados dun carácter único e dunha personalidade recoñecible dentro e fóra da nosa comunidade.

A entrega de premios realizarase no mes de novembro en Santiago de Compostela, nunha gala na que se porán en valor as calidades dos nosos viños, así como a profesionalidade do sector.

R., 2025-10-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES