
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, asinou hoxe un memorando de cooperación coa Empresa Común Sesar JU, Andreas Boschen, que vai permitir a Galicia converterse no primeiro banco de probas en España do programa para impulsar o Ceo Dixital Europeo.
A Empresa Común Sesar JU (Single European Sky ATM Research Joint Undertaking) é unha asociación público-privada europea que ten como obxectivo modernizar a xestión do tráfico aéreo en Europa, impulsando o concepto de "Ceo Dixital Europeo. O seu obxectivo é acelerar a transformación dixital do sector, unificar o espazo aéreo europeo e aumentar a súa capacidade para manexar o tráfico futuro.
Forman parte dela a UE, Eurocontrol (Organización Europea para a Seguridade da Navegación Aérea) e máis de 50 organizacións que abranguen toda a cadea de valor do sector da aviación: aeroportos, provedores de servizos, operadores de drons, industria e comunidade científica.
Segundo explicou a conselleira, este memorando asínase no marco da Estratexia de Seguridade, Defensa e Aerospazo 2025-2030 para reforzar a colaboración en materia de investigación e innovación orientada a modernizar a xestión do tráfico aéreo. O acordo, que é o segundo deste tipo que asina Sesar cunha rexión europea despois de Campania (Italia), ten por obxectivo a coordinación de actividades de I+D que contribúan a configurar o Ceo Dixital Europeo; é dicir, unha aviación máis segura, intelixente e sustentable.
Lorenzana avanzou que, en virtude deste memorando, Galicia vai servir como banco de probas rexional para solucións innovadoras de tráfico aéreo, aproveitando a sólida base industrial e de investigación que temos.
Sen dúbida, engadiu, é un novo fito que vén reafirmar as capacidades industriais e de investigación que Galicia ten no ámbito do aeroespazo e que queremos seguir impulsado coa nova estratexia. E é un verdadeiro orgullo saber que todo ese coñecemento vai contribuír ao liderado tecnolóxico de Europa no eido da aviación, concluíu.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.