
A Real Academia Galega, a Universidade de Santiago de Compostela e o Concello de Lourenzá colaboran na organización da cita que, baixo o título Francisco Fernández del Riego na cultura galega do século XX, forma parte da oferta de cursos de verán da USC. As xornadas contan co apoio económico da Deputación de Lugo, o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e a Xunta de Galicia.
O prazo de matriculación no curso, dirixido polo académico e catedrático da USC Henrique Monteagudo, permanece aberto ata o 24 de agosto. A inscrición debe formalizarse a través da páxina web da Universidade. A Real Academia Galega publicará posteriormente os traballos presentados neste marco no seu Boletín.
Francisco Fernández del Riego (Lourenzá, 1913 Vigo, 2010) implicouse dende moi novo no movemento galeguista dende unha perspectiva progresista e aberta a Europa e o mundo. Foi, primeiro, un destacado líder estudantil na Compostela universitaria da II República e membro activo do Partido Galeguista, e tras a guerra, actor fundamental da resistencia cultural durante o franquismo, fundador da editorial Galaxia, promotor de numerosas iniciativas a prol da lingua e da cultura galegas. En todos estes perfís profundarase no curso de verán, que será inaugurado polo presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, na tarde do luns 4 de setembro.
O presidente da Academia abrirá o foro cunha conferencia sobre Francisco Fernández del Riego nesta institución. O homenaxeado estivo vinculado a ela dende 1948, primeiro como académico correspondente e logo, a partir de 1960, como numerario. Unha das súas primeiras iniciativas como tal foi propoñer a creación do Día das Letras Galegas que, 60 anos despois da primeira edición dedicada a Rosalía de Castro, agora el mesmo protagoniza. O intelectual foi ademais presidente da RAG entre 1997 e 2001, un período no que a Academia iniciou un notable proceso de modernización.
A xornada inaugural continuará cun relatorio biográfico de María Dolores Villanueva Gesteira, autora de Francisco Fernández del Riego, un loitador pola idea de Galicia (Galaxia, 2023) e colaboradora fundamental de don Paco nos seus últimos tres anos de vida.
Do activismo republicano á resistencia cultural
O programa do martes arrincará cun relatorio do historiador Justo Beramendi sobre os anos de formación política e intelectual de Del Riego e seguirá coa mesa redonda Da República á resistencia, co académico Lourenzo Fernández Prieto, o profesor da Universidade da Coruña Uxío Breogán Diéguez e o investigador do Instituto da Lingua Galega Pablo García Martínez. A mañá rematará cunha conferencia do director da Sección de Historia da RAG e catedrático emérito da USC, Ramón Villares Paz, sobre a relación do homenaxeado coa diáspora galega en América, coa que tendeu constantemente pontes durante a ditadura. Neste terreo afondará na tarde do día 5 o académico Xesús Alonso Montero nunha intervención centrada no epistolario entre Del Riego e o artista e intelectual Luís Seone, exemplo excepcional do diálogo entre o exilio exterior e interior que don Paco sempre procurou.
A xornada do martes rematará cun percorrido didáctico polos lugares de Del Riego en Lourenzá guiado polos seus biógrafos locais, Manuel Román e Xosé López González.
A intensa actividade epistolar de Fernández del Riego será tamén foco de atención na xornada do mércores 6 de setembro, na que se analizará polo miúdo o valor das cartas que intercambiou con Álvaro Cunqueiro, Ricardo Carballo Calero, e o filólogo portugués Manuel Rodrigues Lapa e Ramón Otero Pedrayo. Será nunha mesa que contará coas achegas da profesora da USC Dolores Vilavedra, Henrique Monteagudo e a secretaria da Fundación Otero Pedrayo, Patricia Arias Chachero, encargada da edición do epistolario entre don Paco e o de Trasalba que publicará proximamente a Real Academia Galega.
A relación entre memoria, ensaio e paisaxe na obra de Del Riego será o eixe da seguinte mesa redonda, na que tomarán a palabra a académica de número María López Sández, a catedrática emérita da Universidade de Vigo Camiño Noia, o académico correspondente Ramón Nicolás e o director da Fundación Penzol, Xosé Manuel Soutullo. A xornada de clausura rematará cunha terceira mesa redonda sobre Francisco Fernández del Riego na xeración Galaxia coas contribucións do profesor de Filosofía da USC Xosé Luís Pastoriza, o investigador do ILG e secretario do curso de verán, Álex Alonso Nogueira, e o catedrático da Universidade de Vigo Xosé Manuel Dasilva.
Enviado por José Antonio Sierra
O xurado dos Premios da Cultura Galega 2026 reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Ao remate do acto, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas, resultando galardoados María Solar, en Letras; Almudena Fernández Fariña, en Artes Visuais; a compañía Elefante Elegante, en Artes Escénicas; a Asociación Galega de Empresas Musicais, en Música; Alfonso Zarauza, na categoría Audiovisual; Espazo Lectura, en Lingua; o Obradoiro de Gaitas Seivane, en Patrimonio Cultural; e o Festival EmigraSON, en Proxección Exterior.
O obxectivo desta rede de recursos é acompañar ás persoas con discapacidade ao longo da súa vida, desde os primeiros anos ata que se fan maiores, ofrecendo respostas axeitadas a cada etapa e a cada necesidade. Desde o ano 2016, o número de unidades de atención temperá aumentou ata as 57. Estes servizos públicos e gratuítos dirixidos a nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade son fundamentais para detectar, previr e actuar ante trastornos de desenvolvemento. A Rede galega de atención temperá na actualidade chega a máis de 200 concellos e a 6.000 familias.