
Saias do mar, a nova coprodución do Centro Coreográfico Galego xunto a ArtístiKa Producciones, terá a súa estrea este domingo 26 de abril, ás 18,00 h., no auditorio da Casa da Cultura de Vimianzo, onde representará por vez primeira diante do público unha peza inspirada no Camiño da Traslatio e que homenaxea a muller galega como forza ancestral. A proposta foi a elixida na modalidade de compañías emerxentes na última convocatoria para coproducións de danza da Xunta de Galicia, co obxectivo de facilitar a incorporación á escena galega de novos colectivos con potencial creativo.
Así o explicou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, quen interveu hoxe na rolda de prensa celebrada en Vimianzo xunto a Nerea Andrés e Juan Miguel Hernández, codirectores de Artístika. Tamén participaron na presentación representantes da administración local, así como todo o elenco, que interpretou un breve fragmento da obra como remate do acto.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salientou o frutífero momento creativo que está a vivir a danza en Galicia, tal como se reflicte na cantidade e variedade de espectáculos actuais en repertorio que recolle o catálogo dixital publicado a pasada semana, coas referencias de 137 títulos de 55 formacións.
Tamén fixo referencia á importancia da liña de coproducións de danza para favorecer a entrada de novos nomes e estilos na creación coreográfica profesional en Galicia e subliñou o valor de propostas como Saias do mar á hora de poñer en diálogo a danza contemporánea coa identidade cultural galega desde unha mirada nova e con vocación de conexión co público, nunha proposta que xa ofreceu un adianto público en Pontevedra como parte do acto de inauguración da pasada edición de Culturgal, a feira das culturas galegas.
Puxo, ademais, o foco no papel do Centro Coreográfico Galego como plataforma para acompañar o talento emerxente e contribuír á visibilidade da creación de danza feita na Comunidade.
Memoria, mar e identidade
Inspirada no Camiño da Traslatio, Saias do mar é un espectáculo de danza contemporánea que homenaxea a muller galega como forza ancestral ligada ao mar. A peza transforma o corpo nun territorio fluído e propón unha lectura coreográfica do feminino como memoria viva e indómita, depositaria dunha herdanza espiritual e simbólica, vencellada á ruta sagrada que trouxo o corpo do apóstolo Santiago por vía marítima ata estas terras.
Juan Miguel Hernández é o autor da coreografía desta montaxe dirixida por Nerea Andrés, e ambos forman tamén parte do elenco xunto a Dayron Rodríguez, Irene Lorenzo, Laura Pereiras, Lucía Fontenla, Alba Fariña e Zoe Amor. A proposta, de 40 minutos de duración e pensada para poder executarse en todo tipo de espazos, complétase cunha selección musical de Rosa Cedrón, Daniel Minimalia e Luar na Lubre, vestiario de Santos Salgado e atrezzo de Elva Bernat.
As localidades para asistir á estrea de Saias do mar en Vimianzo están xa á venda a través da plataforma woutick.es. Ademais da función do domingo, a compañía levará a cabo un segundo o luns 27 pase para alumnado de centros de ensino.
Linguaxe clásica e contemporánea
Artístika Producciones naceu en 2025 baixo a dirección de Nerea Andrés e Juan Miguel Hernández como compañía centrada na creación, produción e profesionalización da danza a través de pezas en linguaxe clásica e contemporánea. Ademais da súa actividade escénica, impulsa proxectos orientados a facilitar a transición entre a formación académica e a práctica profesional, xerando experiencia real de escenario e conexión co sector cultural galego.
Saias do mar forma conforma, xunto con Alén, de Colectivo Glovo, e 52-Blau, de IXA Danza, a relación de coproducións seleccionadas polo Centro Coreográfico Galego para a temporada 2025/2026. No marco desta iniciativa, a liña concreta de apoio a compañías emerxentes creouse en 2023 e tivo como anteriores beneficiarias a Elvi Balboa con Anöa (2023/2024) e Daniel Rodríguez con Transeúnte (2024/2025).
Foi presentada a novena edición de Intersección, Festival Internacional de Cine da Coruña, celebrada nos Cantones Cines. O festival desenvolverase do 13 ao 17 de outubro cunha programación que combina proxeccións, exposicións, formación e encontros profesionais arredor das novas linguaxes cinematográficas. Así, as seccións competitivas Galicia, Internacional e Fulgor achegarán ao público obras afastadas dos circuítos comerciais habituais e novas voces da creación audiovisual contemporánea. En concreto, a sección Internacional reúne 27 filmes procedentes de 22 países, entre os que figuran catro estreas mundiais, 17 en España e cinco en Galicia. As propostas exploran cuestións como a tecnoloxía, a memoria, o territorio e a identidade desde linguaxes e xeografías diversas.
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou en Santiago, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, o acto do Día da Ciencia en Galicia, no que se homenaxeou á oceanógrafa Aida Fernández Ríos (Vigo, 1947 - Moaña, 2015) como Científica Galega 2026. Ademais, entregáronse as Medallas de Investigación a cinco científicas e científicos da nosa comunidade. O presidente da Academia destacou que 'Aida Fernández Ríos foi unha investigadora capaz de identificar problemas relevantes e de situalos nun contexto internacional, converténdose nunha científica respectada moito máis alá de Galicia.