
Na súa intervención, López Campos agradeceulles a todos eles a súa implicación neste proxecto que lles trasladou o Centro Dramático Galego e que, nas súas palabras, pode considerarse un avance do que será a futura Rede Adival na que traballa xa o Goberno galego co obxectivo de impulsar a dinamización cultural nos concellos menos poboados e máis afastados dos principais núcleos urbanos.
Programación descentralizada
O conselleiro gabou, así mesmo, o labor que neste sentido levan a cabo día a día os departamentos municipais de Cultura. Neste caso, o teatro é o noso vínculo cos concellos para descentralizar a programación cultural e compartila tamén co público do rural, sinalou, ademais de poñer o foco na cultura e na lingua galegas como recursos importantísimos non só a nivel patrimonial, senón tamén económico e social.
De Vilatriste a Vilalegre inicia o seu percorrido este mesmo domingo en Negueira de Muñiz (Lugo) a bordo de A utópica rodante, o camión que funciona ao tempo como escenario para a representación do espectáculo, conferíndolle xa que logo unha gran mobilidade e capacidade de adaptación a todo tipo de espazos.
Na presentación, á que tamén asistiu o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, interviñeron ademais Fran Núñez, director do Centro Dramático Galego, e Sofía Espiñeira, quen codirixe a montaxe con Roberto Casal Mouriño, a partir do texto orixinal de Roi Vidal Ponte.
Teatro sobre rodas
A compañía puxo en escena un pequeno fragmento da montaxe, interpretada por Uxía Algarra e Roberto Casal, con escenografía de Beatriz de Vega, vestiario de Carmen Pichel e música de Brais das Hortas. Con esta coprodución co Centro Dramático Galego, Teatro ó Cubo pon en marcha o proxecto itinerante de A utópica rodante a modo de teatro sobre rodas, pensando para públicos de todas as idades co fin de xerar comunidade arredor das artes escénicas
Co mundo do cómic como referencia e combinando teatro actoral e de monicreques, a primeira proposta desta iniciativa confronta a fantasía coa realidade social do rural galego a partir da historia de Vilatriste, onde se instalan uns novos habitantes que son recibidos con estrañeza e confianza pola veciñanza.
Tras a función deste domingo, o espectáculo poderá verse en máis dun cento de municipios das catro provincias.
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.