
Comisariada pola docente, investigadora e crítica de arte Susana Cendán, Outras historias posibles pon o foco nestas seis mulleres pola relevancia de seu que ocuparon no seu día na arte contemporánea, pero tamén pola diversidade da súa obra e dos relatos que a acompañan. Historias nas que os roles de xénero, as estruturas sociais e educativas ou as tendencias e modas que priman determinados tipos de produción artística sobre outros, incidiron na visibilidade das súas traxectorias, ata o punto de chegar a abandonar a creación en favor doutras saídas profesionais, como é o caso da viguesa Laura Terré.
A Cidade da Cultura acolle este proxecto co fin de sumar, a partir do seu exemplo, relatos que engadan novas perspectivas de valor para enriquecer a narrativa dominante dentro da historia da arte. Un discurso onde as mulleres seguen relegadas con frecuencia ás marxes e notas ao pé por motivos alén da súa calidade. Revelar estas realidades acotío desapercibidas e celebrar a pluralidade do talento son os piares sobre os que Susana Cendán constrúe estas Outras historias posibles.
O espazo expositivo incluirá así unha ampla mostra de pinturas, esculturas, xilografías, catálogos e revistas que permiten apreciar a traxectoria destas seis artistas, todas elas nacidas na década dos 50 do pasado século XX. Esta escolma compleméntase con entrevistas gravadas nas que son elas mesmas as que dan conta das súas inquedanzas vitais e profesionais.
A comisaria: Susana Cendán
Susana Cendán é licenciada en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela e doutora en Historia da Arte Moderna e Contemporánea pola Universidade Complutense de Madrid. Na actualidade exerce a docencia na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, no Máster en Deseño e Dirección Creativa de Moda e no Grao en Deseño da Universidade de Vigo.
Xunto coa docencia, a súa traxectoria compleméntase con investigacións e proxectos expositivos relacionados coa construción cultural da identidade, a análise da indumentaria como unha forma de expresión creativa, ou a exposición de narrativas pexorativas ao redor da muller e, concretamente, da muller artista, reivindicando unha maneira plural de entender a arte.
A práctica curatorial enténdea como un instrumento eficaz para incentivar a crítica, dar visibilidade a problemáticas presentes nos debates artísticos, sociais e culturais, e afondar en aspectos relacionados coa creación contemporánea. Entre os seus últimos proxectos destacan Así nos ven. Así somos? A imaxe da muller na arte (Pinacoteca Fernádez del Riego, 2016), Un rolo de papel continuo (Universidade de Vigo, Afundación Vigo e A Coruña. 2017-2018), e Almudena Fernández Fariña. Pisando Charcos (CGAC, 2023).
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.