Notas de prensa

A Aula de teatro universitaria do campus de Pontevedra preséntase en sociedade na Miteu viguesa

A Aula de teatro universitaria do campus de Pontevedra estreouse na XXIV edición da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Vigo. Para a súa primeira posta en escena escolleron a obra Nosa Señora das Nubes, unha dramaturxia dirixida por Salvador del Río na que se abordan principalmente dous temas: a memoria e o exilio.

O Teatro Vidal Bolaño do campus vigués foi así testemuña da primeira actuación da agrupación pontevedresa, que este xoves volverá representar a mesma obra no marco da Miteu de Pontevedra, a partir das 21.00 horas no Pazo da Cultura con entrada de balde.

Cun elenco composto por trece persoas a peza arranca co encontro duns exiliados nun espazo e tempo indeterminado e, a partir de aí, van reconstruíndo o seu pasado lembrando os feitos que aconteceron en Nosa Señora das Nubes, a vila natal de ambos.

Hoxe xoves, Emigrados da man da Aula de teatro do campus de Vigo

A vixésimo cuarta edición da Miteu en Vigo continúa hoxe xoves ás 18.30 h coa actuación da Aula de teatro do campus de Vigo, que representará a obra Emigrados, unha proposta baseada nos textos de Anxos Sumai, Cándido Pazó, Sonia Torre, Suso de Toro e Xosé Manuel Pazos.

Dirixida por Casilda Alfaro e Sonia Rúa, esta é unha historia múltiple que, engarzada, constitúe un mosaico de pezas dos distintos autores e autoras que dende o tratamento específico da migración, do retorno, do desarraigamento, compoñen un cadro xeral que permite apreciar o drama individual e social que supón estoutro xeito de “exilio”.

Como explican dende a propia aula de teatro, “estamos a falar dun drama social (dende a suma de moitos dramas individuais) pero, aínda así, queremos trasladalo dende fóra do laio, dende a axilidade da linguaxe contemporánea, dende a ironía como vehículo de expresión (unha das formas máis sutís de ‘crueldade’) e sobre todo dende a ‘proximidade’, do achegamento a calquera espectador contemporáneo. Porque non se trata de facer un relatorio de sufrimentos e agravios, senón de falar dende hoxe de algo que fai parte da existencia de case todos os galegos e galegas de xeito individual e de todas e todos dende o punto de vista da conciencia colectiva”.

A próxima semana, outra dobre cita co teatro no campus de Vigo

A Miteu viguesa despedirase dos escenarios ata o vindeiro ano a próxima semana, e farao con dúas novas propostas de fóra de Galicia. O día 4 a cita será coa compañía portuguesa Circulo de Iniciaçao Teatral da Academia de Coimbra, que representará a obra CaosTM, mentres que o pano desta edición baixarase o día 5 coa Aula de Teatro da Universidad Pública de Navarra, con Arrabaladas.

Universidade de Vigo, 2022-04-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (fito-2026.jpg) O certame consolídase como un espazo de exhibición para o sector profesional galego e de achegamento da cidadanía ás novas linguaxes escénicas. Teatro de Ningures abrirá a programación o xoves 15 no Teatro Principal coa estrea absoluta de Thelma e Lola. Tamén presentará por primeira vez a súa nova proposta Arun Run, que levará Inorganic ás rúas de Ourense os días 17, 18, 23, 24 e 25. Pola súa banda, a iniciativa 67 Graos Ourense Fervescénica dará a coñecer novas creacións o mércores 21 na Sala Emilia Pardo Bazán do Campus de Ourense. No apartado internacional, a compañía arxentina El Rayo Misterioso regresará ao festival con Todo terminará por Navidad.
Foto de la tercera plana (20261002-xunta.jpg) Galicia comparte coas comunidades autónomas a súa Lei de Educación Dixital, unha normativa pioneira a nivel estatal que regulará por primeira vez o uso da IA no ensino. Faino no I foro europeo EducaIA que se celebrou en Santiago de Compostela coa participación de responsables educativos de dez comunidades autónomas, xunto con docentes e expertos na materia e a intervención por videoconferencia do director de Educación da OCDE, Andreas Schleicher.

Notas

Pasaban 22 minutos das 20.00 horas deste xoves 1 de outubro cando un vehículo de lanzamento Falcon 9 de SpaceX despegaba desde a base da Forza Espacial de Vanderberg (California) levando no seu interior o experimento CORTIS (Camara Observation & Radiation Test in Space), desenvolvido durante un ano polo alumnado da Universidade de Vigo que forma parte da asociación UVigo SpaceLab.
A Universidade da Coruña reuniu hoxe investigadoras e especialistas de referencia para reflexionar sobre os nesgos de xénero, sociais e discriminatorios presentes nos sistemas de intelixencia artificial (IA), así como sobre os retos éticos e tecnolóxicos que suscita o seu desenvolvemento e aplicación en ámbitos cada vez máis diversos da sociedade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES