Noticias

Máis de medio cento de actividades arrouparán entre marzo e xuño a exposición 'Picasso branco no recordo azul’ na Coruña'

Máis de medio cento de actividades paralelas arrouparán a grande exposición Picasso branco no recordo azul que se inaugurará este xoves no Museo de Belas Artes da Coruña e coa que reivindica a pegada galega na traxectoria do artista. O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o comisionado da Conmemoración do 50º aniversario da morte de Pablo Picasso, Carlos Alberdi, xunto con Malén Gual en representación dos comisarios, ofreceron hoxe unha rolda de prensa da exposición, a única mostra da Comunidade enmarcada na programación oficial da Celebración Picasso 1973-2023 impulsada polo Musée National Picasso-París e a Comisión Nacional para a Conmemoración do 50º aniversario da morte de Pablo Picasso.

“A mostra é o gran evento cultural do ano en Galicia e queremos darlle un valor engadido e arroupala cunha intensa actividade complementaria dirixida a todos os públicos para divulgar a súa pegada coruñesa e dar a coñecer todo este rico legado”, explicou o titular de Cultura da Xunta, acompañado polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo.

Nana de Xabier Díaz na inauguración

Comisariada por Antón Castro, Malén Gual e Rubén Ventureira, coa coordinación da directora do Museo de Belas Artes da Coruña, Ángeles Penas, e o seu equipo técnico, inaugurarase este mesmo xoves 23 coa presenza de distintas autoridades. A partir do día seguinte, o venres 24, abrirá ao público. Como se avanzou, o acto de inauguración contará coa actuación de Xabier Díaz, que interpretará o Alalá do Cebreiro, a nana en galego que Picasso lle cantaba á súa filla Maya durante a ocupación dos nazis en París, e que ela aínda recordaba nos últimos anos da súa vida tal e como se conta na exposición.

Durante o acto, o comisionado da Conmemoración do 50º aniversario da morte de Pablo Picasso, Carlos Alberdi, salientou que “as actividades do Ano Picasso, o conxunto da conmemoración, son un evento franco español. Sen o decidido impulso das autoridades francesas e a capacidade de préstamo do Museo Nacional Picasso París a celebración, tal como está deseñada, non sería posible”.

Os cimentos estéticos

Pola súa banda, Malén Gual, que interveu no acto en representación dos comisarios, salientou a importancia da mostra para “reivindicar o papel da Coruña na formación artística de Picasso e como os cimentos estéticos dese período transcenderon ao seu futuro en elementos tan importantes como os temas, a iconográfica ou o concepto”. Recordou, ademais, que esta reivindicación do período coruñés súmase ao interese dos comisarios por contribuír a establecer “unha cronoloxía clara dos anos pasados en España e a riqueza dos cambios nos estilos do artista”. Agradeceu o “fermoso exemplo de colaboración” co equipo técnico do Museo “sen cuxo entusiasmo, dedicación e profesionalidade non sería posible unha mostra de tal envergadura”.

Como explicou o conselleiro durante a rolda de prensa, Picasso branco no recordo azul reivindica a pegada galega na traxectoria do artista a través dunha escolma de 120 pezas, 68 delas da autoría de Picasso. Analiza desde diferentes miradas ata que punto transcendeu a súa época coruñesa na súa obra de madurez e para iso estrutúrase a través de 10 capítulos temáticos nos que se reflexiona sobre os aspectos que distinguiron a obra do artista como o gran pintor do século XX e cales delas naceron da súa aprendizaxe na Coruña, onde viviu entre 1891 e 1895.

Para cada un destes capítulos seleccionouse, polo menos, unha peza mestra, que se relaciona cunha ou outras do seu período de formación en Galicia. Deste xeito, poderán verse, entre outros, un debuxo preparatorio de Guernica, un óleo que representa a súa filla Maya cunha boneca ou o bodegón cubista no que aparecen elementos como unha gaita. En total, a mostra conta coa colaboración de 35 institucións nacionais e internacionais, así como coleccionistas privados, que ceden pezas como o Museo Picasso de Barcelona, a Fundación Almine y Bernard Ruiz-Picasso para el Arte (FABA), Musée National Picasso-París, Museo Picasso de Antibes, Museo Reina Sofía, Museo Picasso de Málaga, Museo Casa Natal de Picasso de Málaga, ABANCA, Concello da Coruña, Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso da Coruña, Deputación da Coruña, Fundación Camilo José Cela, Fundación Museo do Gravado e a estampa de Artes de Ribeira, Real Academia de Bellas Artes de San Fernando e Museo da Universidade de Navarra.

Única exposición aberta na data do aniversario

Román Rodríguez avanzou que a programación arredor da mostra terá lugar nos meses de marzo, abril, maio e xuño. De feito, as propostas arrancarán ao día seguinte da súa inauguración coas Xornadas Picassianas, que contarán coa presenza de responsables de museos picassianos de España e Francia. Estarán, entre outros, o director artístico do Museo Picasso de Málaga, a responsable de dixitalización das coleccións do Musée National Picasso-París, o director de restauración do Museu Picasso de Barcelona e un dos seus biógrafos. En conxunto, ofrecerán novas perspectivas da obra e traxectoria do pintor, como os seus vínculos coa arte alemá, o proceso creativo da súa etapa de mocidade, a súa formación literaria ou o seu paso pola Escola de Belas Artes da Coruña.

Picasso branco no recordo azul é a única exposición da programación oficial que estará aberta ao público coincidindo coa data do aniversario da morte de Picasso, o 8 de abril, e ao seu redor están previstas numerosas actividades. Precisamente nese mes arrancará o ciclo de conferencias A Coruña, primeiros trazos de Picasso, con especialistas de recoñecido prestixio dedicados ao análise e estudo da súa traxectoria artística e vital.

Tamén en abril celebrarase un concerto extraordinario en homenaxe á iconografía picassiana e, en maio e xuño, o ciclo de música Arredor de Picasso e as súas cidades, con cinco recitais dedicados ao propio ao artista e ás cidades coas que tivo algún vínculo persoal e profesional como Málaga, Barcelona, París e A Coruña.

Outra das propostas para esta primavera será o ciclo Picasso a través do cine, no que se proxectará unha selección de filmes e documentais que permitirán coñecer ao artista. A programación completarase coas visitas guiadas á exposición, así como obradoiros en familia e xuvenís. Neste momento, un total de 197 grupos xa fixeron reserva. Tamén haberá actividades especiais para público escolar en distintos niveis educativos. E para público adulto tamén se programarán visitas especiais dirixidas a distintos colectivos e asociacións, así como individuais, sempre previa reserva. Toda a programación poderá consultarse na páxina web do Museo de Belas Artes da Coruña.

Conmemoracións oficiais

O 8 de abril de 2023 cúmprese o 50 aniversario do pasamento do artista español Pablo Picasso, evento que marcará a celebración da súa obra e a súa herdanza artística en Francia, España e internacionalmente.

Os gobernos de Francia e España acordaron traballar conxuntamente nun programa internacional a través dunha comisión binacional que reúne ás administracións culturais e diplomáticas dos dous países.

A Celebración Picasso 1973-2023 xira en torno a unhas 50 exposicións e eventos que se celebrarán en institucións culturais de renome en Europa e América do Norte que, xuntas, abordan unha análise historiográfica da súa obra. A celebración, acompañada de celebracións oficiais en Francia e España, permitirá facer un balance das investigacións e interpretacións sobre a obra de Picasso, especialmente durante a importante simposio internacional en outono de 2023 que, ademais, coincide coa apertura do Centre d’Etudes Picasso de París.

O Musée National Picasso-París e a Comisión Nacional española para a conmemoración do 50 aniversario da morte de Pablo Picasso comprácense en apoiar este programa excepcional.

R., 2023-03-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (reciclaxe_vidro.jpg) Cada galego reciclou o ano pasado unha media de 30,3 quilos de envases domésticos lixeiros e de papel-cartón, case un 3% respecto máis que o ano anterior. Estes datos enmárcanse no traballo desenvolvido pola Xunta e Ecoembes (organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país) para mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos no conxunto da comunidade galega. En 2023 en Galicia recuperáronse 73.687 toneladas (Tn) de envases de orixe doméstica (37.640 Tn de envases plásticos, 23.781 Tn de papel-cartón, 11.566 Tn de envases metálicos e 700 Tn de recipientes de madeira).
Foto de la tercera plana (doazons.jpg) A directora da Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos, ADOS, Marisa López, salientou que o pasado ano se rexistraron en Galicia 103.525 doazóns de sangue, das que 9.564 se corresponden a persoas que doaron por primeira vez. Estes bos resultados, que foron expostos pola directora na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, sitúan Galicia entre as comunidades máis solidarias. Este número de doazóns permitiu dar resposta e garantir o abastecemento de hemoderivados de todos os centros hospitalarios de Galicia, en todo momento, e de xeito ininterrompido.

Notas

A Asociación de amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo que preside Ángel Trabada, ven de celebrar o Día das Letras Galegas en Vietnam, sendo posiblemente os primeiros galegos que celebraron o día 17 esta efeméride. Eran as 5,30 da mañá en España (10,30 en Vietnam), estando o grupo lucense percorrendo a Bahía de Halong a bordo do Amanda Cruise, cando se xuntaron para contemplar a mensaxe audiovisual enviada desde Galicia polo xornalista Xulio Xiz, membro da Asociación.
Creada para impulsar a visibilidade dos creadores máis novos, o Festival de Cans seleccionou dez curtas para a súa sección Novas Camadas, das que cinco tiveron a súa orixe na UVigo. As curtas dos estudantes Juan Ares, Anxo González, Miguel Romero e Rebeca Tella e Daniel F. Filloy, xunto co traballo de fin de grao de Manu Sacoga optarán ao premio dunha sección dirixida a cineastas menores de 25 anos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES