Notas de prensa

Expertos europeos e xaponeses explorarán en Pontevedra a evolución do cómic na sociedade dixital

Analizar, poñendo o foco no manga, no cómic xaponés, as transformacións formais, estéticas e narrativas que as tecnoloxías dixitais teñen producido neste medio é o principal obxectivo do proxecto de investigación Estudos transdisciplinares sobre cómic, que o grupo dx5 (digital & graphic art research) da Facultade de Belas Artes da UVigo desenvolve co financiamento do Ministerio de Ciencia e Innovación.

Con ese obxectivo e no marco dun proxecto seleccionado na convocatoria de 2019 de Proxectos de I+D+i Retos de Investigación, expertos e expertas de diferentes universidades europeas e xaponesas reuniranse a vindeira semana na sede da Vicerreitoría, no simposio internacional Manga in a postdigital environment.

Como explica o seu investigador principal, José Andrés Santiago, este simposio, que constitúe tamén a sexta edición do Foro Internacional de Creación na Fronteira do grupo dx5, é o “evento de peche” dun proxecto que buscaba dar resposta á pregunta “de que significa falar de manga neste mundo postdixital”. Indo máis aló do webcómic ou do cómic dixital, a investigación pon o foco nas transformacións vividas polo “manga como medio nunha era completamente dixital”. Tendo como punto de partida o concepto de “ecoloxía dos medios”, que afonda en como a evolución tecnolóxica transforma tanto o propio medio en si como a súa contorna, a principal liña de traballo deste proxecto centráse en explorar os cambios que preto de dúas décadas de convivencia coas tecnoloxías dixitais podían ter producido no manga, tanto desde “un punto de vista estético e formal”, como nos propios procesos produtivos.

Asistencia presencial e virtual

Coa participación como conferenciantes de varios dos expertos e expertas que integran o equipo de traballo do proxecto, este foro internacional desenvolverase o luns 30 e o martes 31 na sede da Vicerreitoría nun “formato híbrido”, que combina as modalidades presencial e virtual. Por unha banda, porque catro dos relatores intervirán a través de videoconferencia e, por outra, porque este foro aberto ao público poderá seguirse a través destas dúas vías. En ambos casos, explica Santiago, será precisa inscrición previa a través do correo [email protected].

Da análise formal á conceptual

Doce conferencias, a cargo de investigadores e investigadoras de seis países, integran o programa dun simposio que será inaugurado polo vicerreitor do campus en funcións, Jorge Soto, e a directora do grupo dx5, Ana Soler. Coa idea de reunir a expertos e expertas que “nos ofrezan unha perspectiva que escape un pouco das liñas de investigación máis abordadas”, o programa deste foro comprende diferentes visións sobre o medio, procedentes tanto de Europa como do propio Xapón, “que abranguen desde os aspectos máis específicos a cuestións máis conceptuais”, como salienta o seu coordinador.

Nese senso, a primeira xornada abrirase co relatorio que Santiago e a tamén investigadora do grupo dx5 e responsable da xestión do simposio, Tatiana Lameiro, centrarán “no uso das tipografías no manga contemporáneo”. A continuación, Lukas R. A. Wilde, da universidade alemá de Tubinga falará da narrativa, mentres que o investigador da Beykoz University turca Selen Çaliz Bedir porá en relación o manga e a realidade virtual. Tamén nesta xornada, Olga Kopylova, da universidade xaponesa de Tohoku, centrará a súa intervención nos modos de publicación destes cómics e Miho Taekuchi, da Seisa Dohto University, porá o foco en como os dispositivos dixitais facilitaron que os autores amateurs puidesen dar a coñecer os seus proxectos. A continuación, a investigadora Dalma Kálovics, do museo do manga Yakote Masuda, analizará como os formatos e deseños estandarizados do cómic xaponés se trasladaron ao ámbito dixital, mentres que Jaquelne Berndt, da Universidade de Estocolmo, proporá na súa conferencia “revisitar os proxenitores do manga desde unha perspectiva postdixital”. Por último, esta primeira xornada pecharase cun relatorio da investigadora da Kyoto Seika University Bon Won Koo sobre “a adaptación do manga ao formato webtoon”.

Xa o martes, Per Israelson, da universidade sueca de Linköping, abordará este medio desde unha perspectiva “poshumansita”, mentres que Stevie Suan, da Hosei University, centrarase na “transnacionalidade” da animación xaponesa. Por último, Nicolle Lamerichs, da Universidade de Ciencias Aplicadas de Ultrecht, abordará o impacto que o desenvolvemento dixital tivo na distribución do manga, e Zoltan Kacsuk dará a coñecer o proxecto de estudo sobre manga e anime a partir de metadatos que levan a cabo na Stuttgart Media University.

Universidade de Vigo, 2022-05-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES