
A Xunta de Galicia pon o colofón no Instituto Cervantes de París a un ano de reivindicación do legado de Laxeiro, un dos pintores galegos máis relevantes do século XX e figura destacada da vangarda pictórica española. Hoxe finaliza na capital francesa o percorrido da exposición itinerante Foi un home. Laxeiro en América (Buenos Aires, 1950-1970), que sumou nesta última estadía internacional, entre o 27 de xaneiro e o 13 de marzo, máis de 1.000 visitantes.
A iniciativa da Xunta de Galicia organizada a través da Fundación Cidade da Cultura e co apoio do Concello de Lalín xurdiu despois de que a Real Academia Galega de Belas Artes decidira dedicarlle a Laxeiro no 2022 o Día das Artes e viuse reforzada coa implicación do Instituto Cervantes de París e da Embaixada de España en Francia, ademais da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando en Madrid, unha das institucións culturais máis lonxevas de España da que o propio pintor foi alumno.
A mostra inaugurouse simbolicamente na terra natal de Laxeiro, en Lalín, acadando entre abril e xuño de 2022 máis de 2.000 visitantes. Tras esta estadía, permaneceu entre xuño e xullo na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando de Madrid, onde recibiu 1.948 visitas. Entre setembro e decembro pasaron polo Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura para ver a retrospectiva 11.374 persoas.
A escolma de pezas recolleu a evolución de Laxeiro durante os 20 anos nos que se instalou en Buenos Aires, considerada a súa etapa de madurez, na que realizou algunhas das súas obras máis destacadas achegándose ao expresionismo abstracto. A exposición, comisariada polo historiador da arte e ensaísta, Carlos L. Bernárdez, presentou así un fiel reflexo dunha época na que o artista estivo condicionado polo contacto cun mundo cosmopolita e co ambiente intelectual galego do exilio en América.
Foi presentada a novena edición de Intersección, Festival Internacional de Cine da Coruña, celebrada nos Cantones Cines. O festival desenvolverase do 13 ao 17 de outubro cunha programación que combina proxeccións, exposicións, formación e encontros profesionais arredor das novas linguaxes cinematográficas. Así, as seccións competitivas Galicia, Internacional e Fulgor achegarán ao público obras afastadas dos circuítos comerciais habituais e novas voces da creación audiovisual contemporánea. En concreto, a sección Internacional reúne 27 filmes procedentes de 22 países, entre os que figuran catro estreas mundiais, 17 en España e cinco en Galicia. As propostas exploran cuestións como a tecnoloxía, a memoria, o territorio e a identidade desde linguaxes e xeografías diversas.
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou en Santiago, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, o acto do Día da Ciencia en Galicia, no que se homenaxeou á oceanógrafa Aida Fernández Ríos (Vigo, 1947 - Moaña, 2015) como Científica Galega 2026. Ademais, entregáronse as Medallas de Investigación a cinco científicas e científicos da nosa comunidade. O presidente da Academia destacou que 'Aida Fernández Ríos foi unha investigadora capaz de identificar problemas relevantes e de situalos nun contexto internacional, converténdose nunha científica respectada moito máis alá de Galicia.