Actualidad de Cultura

Noticias cultura

A Cidade da Cultura apoia a creación contemporánea internacional ligada ao Camiño de Santiago coa estrea de Horizontes Errantes, un proxecto de danza e peregrinación artística da coreógrafa española Laura Aris e o bailarín alemán Jakob Jautz. A peza nútrese dos relatos da terra e dos seus habitantes, recollidos ao longo de 15 días de travesía entre Asturias e Santiago de Compostela seguindo o Camiño Primitivo. Así, durante desta semana, ambos os dous artistas estarán a traballar co músico portugués Jorge da Rocha no Gaiás, como parte do programa de residencias artísticas co que a Consellería de Cultura ofrece financiamento, espazos e recursos técnicos da Cidade da Cultura para facer realidade propostas de investigación e creación no ámbito da cultura contemporánea.
Gabriel Romero de Ávila, resultou gañador do I Premio Xosé Neira Vilas de Literatura Xuvenil coa súa obra Odio. Dotado con 6.000 €, o certame púxose en marcha este ano por vez primeira, co obxectivo de pór en valor a importante contribución de Xosé Neira Vilas como precursor deste xénero no sistema literario galego. Romero de Ávila presentouse ao certame co pseudónimo 'Balboa' e acadou o premio tras a decisión unánime do xurado, conformado por Juan Andrés Fernández Castro, en calidade de presidente, Rosalía Morlán, Marcos Calveiro e Armando Requeixo, como vogais, e Marta Neira actuando como secretaria. O xurado destacou en Odio 'a solidez na construción dun thriller futurista de acción trepidante'. Concibida como novela negra distópica, a historia convida a lerse como unha parábola crítica da insolidariedade social.
O cine galego consolida a súa presenza no London Spanish Film Festival, onde por terceiro ano consecutivo conta coa sección específica Letters from Galicia para a difusión do noso audiovisual. A produción audiovisual de Galicia conta así cun escaparate propio neste festival, que en 2025 celebra a súa 21ª edición confirmándose como un dos certames de cine español máis importantes de Gran Bretaña. O Ciné Lumière da capital británica acollerá a estrea da comedia de Portocabo +Cuñados, tras a que o seu director, Luis Avilés, manterá un coloquio co público asistente. A continuación será a quenda da sesión de curtametraxes, que conforman Resonancias, de Diana Gonçalves; Abellón, de Fon Cortizo; Eu vou conmigo, de Chelo Loureiro, e Curman, de Alejandro Jato.
O festival Internacional Intersección da Coruña presentou hoxe a programación completa da súa oitava edición que se desenvolverá do 26 de setembro ao 4 de outubro para ofrecer máis de 100 de películas independentes de 17 países e situarse como punto de encontro do cinema contemporáneo. Na Sección Galicia competirán este ano 11 filmes que viaxan da memoria íntima á mitoloxía, u da exploración ecolóxica ás identidades disidentes. Destacan, neste sentido, as proxeccións de Deuses de pedra, de Iván Castiñeiras, Maldito Espírito, de Carlos Martínez-Peñalver e Alboroque, de Sabrina Fernández Casas.
Foi presentada a XLVII Semana de Cine de Lugo, que se desenvolverá entre os días 22 e 27 de setembro. O Grupo Cinematográfico Fonmiñá presentou un completo cartel que suma arredor de 200 proxeccións e actividades paralelas en cinco sedes. A Semana de Cine tamén servirá para homenaxear á actriz galega María Vázquez e a Enrique Muiño, 'O gaucho galego', que terán a súa placa no Paseo do Cine do parque de Frigsa, así como aos fotógrafos Atín Aya e Mercedes Vázquez. O programa complétase con outras actividades como unha mesa redonda sobre o alzhéimer, unha exposición sobre a Muralla de Lugo ou un concurso de escaparates.
O 8 de setembro, en Outeiro de Rei - Penas de Rodas, Cemiterio e Campa de Santa Sabela - , desde 2005, celébrase a "Memoria da Chaira enteira" na lembranza de Manuel María, no cabodano do seu pasamento, organizada pola Asociación Xermolos, de Guitiriz e a Irmandade Manuel María. Os actos comezarán ás 14,30 cun xantar de irmandade no Restaurante Río Ladra, para seguir ás 17,00 cun recital nas Penas de Rodas, a cargo de voces amigas do Manuel que len anacos da súa poesía ou creacións propias na súa lembranza.
O Encontro de Artistas Novos ofrece tamén a posibilidade aos novos talentos participantes de propoñer unha intervención artística non convencional para ser exhibida na Cidade da Cultura. Como novidade, esta convocatoria —que normalmente se restrinxía ás Torres Hejduk do Gaiás— ábrese a novos espazos e propostas creativas, que inclúen as zonas verdes e espazos exteriores ao carón do Museo Gaiás. O programa do EAN15 inclúe cinco relatorios de destacados creadores do panorama nacional como a artista plástica Ana de Alvear (Madrid, 1962), encargada da conferencia inaugural do encontro.
As dúas obras vencedoras na última convocatoria do Premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques, nas súas modalidades para público infantil e adulto, acaban de ver a luz na colección que a Xunta de Galicia mantén con Baía Edicións para incorporar ao sistema literario galego os textos recoñecidos con este galardón da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Manchea, co que Andrea Freire se alzou co devandito premio na categoría de monicreques para a rapazada, e O Faro, polo que Carlos Labraña gañou na modalidade para adultos, están xa dispoñibles tanto na Libraría Institucional da Xunta como en puntos físicos de venda.
A Fundación Artesanía de Galicia organiza por quinto ano consecutivo o encontro Artesanía de Galicia na Ribeira Sacra co obxectivo de divulgar os oficios tradicionais, impulsar a comercialización do produto artesán galego e consolidar a marca Artesanía de Galicia. O evento celébrase no Santuario de Nosa Señora de Cadeiras, no concello de Sober. A edición deste ano conta coa participación de 19 obradoiros da marca Artesanía de Galicia especializados en oficios como a olería tradicional, a xoiería, a cerámica, os xoguetes, a bixutería, o manipulado de papel ou os complementos de moda. Os obradoiros da Ribeira Sacra que asisten como expositores son a Alfarería Elías de Gundivós (Sober), Enxógate (Quiroga) e Mimacuir (Castelo, Taboada). Os demais proceden do resto de Galicia.
Foi presentado o Festival de Arte Rupestre de Campo Lameiro 'Laeros0 organizado polo Concello de Campo Lameiro en colaboración co Parque Arqueolóxico do Arte Rupestre (PAAR) coa intención de fomentar unha actividade turística diversificada polo territorio e un destino diferenciado e auténtico. Na súa cuarta edición, esta cita organízase arredor do tradicional xantar rupestre, preparado pola Asociación Costillar A Estaca de San Clemente, onde se poderá degustar un asado de costelar en grupos de 10 ou 20 persoas. O programa complétase con obradoiros e mostras en vivo de fundición e metalurxia, agricultura e cociña na Idade de Bronce.
« Anterior | 12  de  290 | Siguiente »

Notas cultura

Estes galardóns acadan este ano a súa novena edición, e fano con grandes cambios. Os Premios Youtubeiras+ abren a participación á creación de contidos en galego en calquera rede social e en todos os formatos. O concurso, que ata agora só permitía concorrer ás creacións en YouTube e TikTok, amplía o seu campo de acción e permite competir ás persoas que teñan canles autoproducidas nas redes.
O Galician Freaky Film Festival continúa a desvelar os ingredientes da súa novena edición, que terá lugar entre o 19 e o 27 de setembro no C.C. Plaza Elíptica de Vigo. Logo de anunciar que a temática central deste ano xirará arredor dos Mad Doctors, os científicos tolos máis lendarios do cinema, o festival confirma agora a distribución das longametraxes principais da súa programación, coincidindo cos aniversarios dalgúns títulos icónicos do xénero.
Nacido o pasado ano, no marco dos traballos para acadar a acreditación do proxecto de especialización do campus de Pontevedra, o Congreso Internacional de Creatividade desenvolverá os días 2 e 3 de outubro a súa segunda edición. Nela, buscará promover unha reflexión teórico-práctica que conecte a creatividade coa arte, o deseño, a educación e a comunicación, os catro eixes do proxecto de especialización Campus Crea.
No contexto do Ano Castelao 2025, o proxecto expositivo 'Traxes e cores de Galiza. A identidade nacional na plástica de Castelao' que dende este luns e ata o 30 de agosto se pode visitar no Colexio de Fonseca propón amosar a rica e importante presenza da indumentaria tradicional na obra pictórica e gráfica de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.
Arrancou na Facultade de Historia do campus de Ourense a terceira edición do curso Ourense no Tempo: Historia, Arte e Tradicións. Nel faise divulgación científica das investigacións que leva a cabo a comunidade universitaria do Departamento de Historia, Arte e Xeografía da Universidade de Vigo en temáticas relacionada coa provincia de Ourense así como as de outro persoal investigador externo especializado.
Este sábado 21 de xuño, a 32 Bienal de Arte de Pontevedra celebrará a súa xornada inaugural, na que abrirán as súas portas os diferentes espazos expositivos do evento, entre os que se atopa a Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes. Mais a programación da bienal arrancou xa con actividades como o obradoiro que este xoves e venres imparte na Facultade de Belas Artes a filósofa Elodie Moreau.
O escritor José Ángel Valente foi retratado en diversas ocasións e baixo distintas técnicas artísticas como a pintura, o debuxo, ou mesmo a caricatura. Algúns destes retratos foron feitos por artistas do seu Ourense orixinario nos anos cincuenta, como Manuel Prego de Oliver ou Virxilio, pero máis tarde tamén o representaron o pontevedrés Xosé Freixanes, o vigués Xulio Formoso, o celanovés Baldomero Moreiras, o ferrolán Siro López e, sobre todo, a lucense Sara Lamas.
Camilo José Cela aseguraba en 1962 nunha entrevista no diario Arriba: 'Me proclamo feminista y me gustaría verlas sublevadas', en alusión ás mulleres escritoras coetáneas. Desta declaración DE hai máis de sesenta anos xurde a exposición 'Me proclamo feminista'. A relación de Cela coas escritoras e artistas do seu tempo', aberta ata o 4 de xullo no Claustro Alto do Colexio de Fonseca de luns a venres, de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas.
Poucas figuras teñen deixado tanta pegada no imaxinario colectivo galego como a de Isaac Díaz Pardo (1920-2012). As súas múltiples facetas como deseñador, ceramista, pintor, empresario e intelectual convertérono nun emblema da identidade cultural galega. Precisamente neste 2025, no que se lle dedica o Día das Artes Galegas, a Universidade de Vigo quere renderlle homenaxe e contribuír a difundir o seu traballo e legado. Para facelo, este venres inaugurouse a mostra Isaac Díaz Pardo.
Co obxectivo de achegar á cidadanía os resultados do labor formativo que se desenvolve na Aula de Música Tradicional Galega do campus, a Vicerreitoría promove, coa colaboración do Concello de Pontevedra, unha serie de actuacións en diferentes prazas da cidade. Estas terán lugar nas tardes dos luns ao longo do mes de xuño e permitirán tamén dar a coñecer as diferentes aulas e grupos inseridos na programación cultural da Vicerreitoría, que acompañarán á aula en varias dos concertos.


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES