Notas de prensa

Unha viaxe pola iconografía artística de José Ángel Valente

O escritor José Ángel Valente foi retratado en diversas ocasións e baixo distintas técnicas artísticas como a pintura, o debuxo, ou mesmo a caricatura. Algúns destes retratos foron feitos por artistas do seu Ourense orixinario nos anos cincuenta, como Manuel Prego de Oliver ou Virxilio, pero máis tarde tamén o representaron o pontevedrés Xosé Freixanes, o vigués Xulio Formoso, o celanovés Baldomero Moreiras, o ferrolán Siro López e, sobre todo, a lucense Sara Lamas.

A mostra ‘Iconografía artística de José Ángel Valente 1955-2024’ que a Facultade de Filoloxía da USC acolleu ata o pasado marzo deu conta de todo este acervo creativo arredor da figura de Valente e que agora cristaliza nun libro homónimo, cuxa autoría corre a cargo do catedrático da USC e director da Cátedra Valente de Poesía e Estética da Universidade de Santiago de Compostela, Claudio Rodríguez Fer, coa colaboración de Laura Paz Fentanes, quen actuou como comisaria deste proxecto expositivo.

De fóra de Galicia salientan os óleos do pintor simbolista Ramón Pérez Carrió e abundan os debuxos e as caricaturas na prensa do Estado español, aínda que Valente foi retratado por artistas de moi diversas procedencias: o histórico cubano David (caricaturista de Fidel Castro e do Che Guevara), o brasileiro Loredano, a rusa Alisa Smirnova e os arxentinos Avallone, Bejer e Sciammarella, “este sen dúbida o que o fixo de xeito máis experimental”, destaca Rodríguez Fer.

En diversas ocasións, Valente foi retratado xunto a amizades ou intelectuais cos que se relacionou moito, como a filósofa María Zambrano, ou con escritores que traduciu —como Celan dende o alemán— ou que coñeceu persoalmente, como os latinoamericanos Lezama Lima e García Márquez, os españois da súa idade Brines e Rodríguez, ou colaboradores xa máis novos ca el, como Gimferrer ou o propio Rodríguez Fer. O material exposto percorreu setenta anos de arte, polo que se puxo de manifesto unha gran variedade de xéneros, estilos e técnicas.

Mais non sorprende que as artes prestaran atención á figura de Valente, tendo en conta que a súa obra se editou en colaboración cun gran número de artistas plásticos —Tàpies, Saura, Chillida, Rebeyrolle, Partenheimer, Forteza, Nóvoa, Carrió, ou Coral, entre outros—e que tratan sobre arte moitos dos seus poemas e dos seus ensaios, como os contidos no libro Elogio del calígrafo. Rodríguez Fer e Paz Fentanes presentarán a obra na Sala VerSus da Fundación Cuña-Casasbellas (rúa Xerardo Álvarez Limeses, nº 12 – Pontevedra), o próximo mércores 11 de xuño ás 19.30 horas.

Universidade de Santiago de Compostela (USC), 2025-06-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES