
Ao longo da súa intervención, a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, amosoulle o seu agradecemento ao profesor da Facultade de Humanidades e Documentación, Manuel-Reyes García, organizador desta XVIII Reunión Científica da Fundación Española de Historia Moderna, destacando as dimensións dun evento que sitúa ao Campus Industrial de Ferrol, e por ende, á cidade departamental, no mapa nacional e internacional. Do mesmo xeito, convidou a todas as persoas presentes a crear lazos, compartir saberes, debater ideas e a construír colectivamente unha historia que sexa máis rica, máis honesta e mais humana.
Pola súa banda, a presidenta da Fundación Española de Historia Moderna, Cristina Borreguero, e a decana da Facultade de Humanidades e Documentación, Manuela del Pilar Santos, loaron tamén o traballo realizado polo catedrático de Historia Moderna da Universidade da Coruña, Manuel-Reyes García, ao tempo que salientaron a calidade das conferencias e das máis de 180 comunicacións que se presentarán ao longo destes días.
O momento máis emotivo do acto de inauguración producise canto o profesor Manuel-Reyes García tomou a palabra para renderlle unha homenaxe á figura de Antonio Eiras Roel, falecido en 2016, e quen foi un dos historiadores máis influentes da historiografía contemporánea en España. Repasou a súa traxectoria intelectual, o seu maxisterio como catedrático e o seu decisivo papel na formación dunha xeración de investigadores e investigadoras que renovaron o estudo da Historia Moderna.
XVIII Reunión Científica da Fundación Española de Historia Moderna
Tal e como recolle o programa destas xornadas, a conferencia inaugural tivo lugar este mércores, ás 09:00 horas, no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol, da man profesora e investigadora da University Of Oxford, Tracey A. Sowerby, quen falou sobre a feminidade e a masculinidade nas relacións anglo-españolas nos séculos XVI e XVII. A maiores, o venres 13 de xuño, ás 13:00 horas, no transcurso do acto de peche do evento, ao que está previsto que asista o alcalde do Concello de Ferrol, José Manuel Rey Varela, intervirá a profesora e investigadora da Sorbonne Université, Béatrice Pérez, cun relatorio titulado Xenoveses por conversos? Modernidade de España e apertura americana ao fío dos descubrimentos.
Xa na Facultade de Humanidades e Documentación e ao longo destes tres días, as máis de 200 persoas expertas inscritas nesta XVIII Reunión Científica da Fundación Española de Historia Moderna e demais público xeral interesado poderán elixir entre dous itinerarios ben diferenciados, o primeiro deles, centrado na realidade das mulleres na Idade Moderna hispánica, e o segundo, na das persoas estranxeiras e a España da Idade Moderna.
No suposto de optaren por afondar na realidade das mulleres na Idade Moderna hispánica, as persoas participantes poderán escoitar á profesora e investigadora da Universidad de Valladolid (UVA), Margarita Torremocha, falando sobre mulleres e embarazos; á profesora e investigadora da Universidad Complutense de Madrid (UCM), Gloria Ángeles Franco, analizando ao detalle a saga das condesas de Baños; á profesora e investigadora do Instituto Universitario Europeo de Florencia, Mónica Bolufer, debullando as normas morais e as estratexias editoriais da época e, por último, á profesora e investigadora da Universidade de La Rioja (UNIR), Ángela Atienza, expoñendo as situación da muller fronte ao claustro e a profesión relixiosa.
Pola súa banda, aquelas persoas que opten polo segundo itinerario poderán escoitar á profesora e investigadora da Universidad de Castilla La Mancha (UCLM), Porfirio Sanz, falando do exercicio da diplomacia nos séculos XVI e XVII; ao profesor e investigador da Universidad Complutense de Madrid (UCM), Óscar Recio, analizando a crise do Antigo Réxime; ao profesor e investigador da Universidad de Murcia (UM), José Javier Ruíz, repasando o papel da Monarquía Hipánica no mundo e, para rematar, ao profesor e investigador da Universidad de Huelva (UHU), David González, afondando nas diferencias relixiosas existentes entre España e América.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.