
Foi presentada a XLVII Semana de Cine de Lugo, que se desenvolverá entre os días 22 e 27 de setembro. O Grupo Cinematográfico Fonmiñá presentou un completo cartel que suma arredor de 200 proxeccións e actividades paralelas en cinco sedes.
No acto participaron o delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, que gabaron o traballo realizado polo equipo de Fonmiñá, con Xulio Xiz á cabeza, para seleccionar e programar obras de calidade, moitas das cales nunca chegarían ao público lucense polos circuítos comerciais habituais.
Ao respecto, destacaron que o salón de actos da Delegación Territorial acollerá o ciclo de Cine galego, con trece obras realizadas nos anos 2024 e 2025 que amosan o gran momento que atravesa o audiovisual en Galicia. Nesta liña, lembraron que a Xunta apoia ao sector con axudas para a produción e difusión ou mesmo para atraer rodaxes á Comunidade.
A sede do Edificio Administrativo será tamén o escenario do ciclo de Cine de Nadal en homenaxe ao Belén de Begonte, mentres que na Biblioteca Pública Provincial desenvolveranse o ciclo de Cine español inédito e a homenaxe aos 90 anos de radio en Lugo, ademais de recuperar a exposición sobre o cartel da presente edición.
Esta mostra recolle tanto o resultado final como os quince deseños previos elaborados polo artista Primitivo Marcos para lembrar os 100 anos da estrea da mítica película La quimera del oro, de Charles Chaplin. Fonmiñá sorteará seis dos bocetos entre os asistentes ás proxeccións da sección oficial.
A Semana de Cine tamén servirá para homenaxear á actriz galega María Vázquez e a Enrique Muiño -O gaucho galego-, que terán a súa placa no Paseo do Cine do parque de Frigsa, así como aos fotógrafos Atín Aya e Mercedes Vázquez.
O programa complétase con outras actividades como unha mesa redonda sobre o alzhéimer, unha exposición sobre a Muralla de Lugo, un concurso de escaparates ou cine na sede de Aspnais e nos centros penitenciarios de Bonxe, Teixeiro e Monterroso en colaboración coa Asociación Concepción Arenal.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.