
Desde hoxe o festival pon á venda as entradas para as catro longametraxes protagonistas desta edición: The Rocky Horror Picture Show, Young Frankenstein, Bride of Re-Animator e X: The Man with the X-Ray Eyes. Tamén están xa dispoñibles os abonos VIF (Very Important Freak) que dan acceso a todas as proxeccións do festival, así como ao GFFF online.
A sesión inaugural, o venres 19 de setembro, virá marcada por unha dobre sesión que conxugará comedia e gore coa proxección de dúas xoias de cine freak. O GFFF celebra o 50º aniversario de Young Frankenstein (estreada en España como El jovencito Fankenstein), obra mestra de Mel Brooks que parodia os clásicos do terror, e os 35 anos de Bride of Re-Animator (La novia de Re-Animator), secuela de culto da icónica Re-Animator, onde os límites da ciencia e da moral explotan en carne e vísceras a mans do inesquecible doutor Herbert West.
O domingo 21, o público terá a oportunidade de gozar da proxección de X: The Man with the X-Ray Eyes (El hombre con rayos X en los ojos), filme do que celebra o 60º aniversario e que simboliza a fusión entre ciencia ficción e crítica social con baixo orzamento e imaxinación desbordante. A sesión servirá para render homenaxe ao seu director, Roger Corman, falecido en 2024 e unha das figuras máis influíntes do cinema independente e de serie B.
A clausura do festival, o sábado 27, será unha gran festa freak coa proxección da xa anunciada The Rocky Horror Picture Show, que tamén celebra o seu 50 aniversario. O provocador musical, que protagoniza o cartel, servirá como broche de ouro logo da entrega de premios da novena edición. A proxección contará coas habituais sorpresas escénicas e co ambiente desinhibido que o GFFF leva anos alimentando.
- Young Frankestein, Mel Brooks, 1974 - Venres, 19 de setembro, ás 19:00 h (VOSE)
- Bride of Re-Animator, Brian Yuzna, 1990 - Venres, 19 de setembro, ás 22:30 h (VOSE)
- X: The Man with the X-Ray Eyes, Roger Corman, 1965 - Domingo, 21 de setembro, ás 21:00 h (VOSE)
- The Rocky Horror Picture Show, Jim Sharman, 1975 - Sábado, 27 de setembro ás 21:00 h
9 ANOS DE ABSOLUTO FREAKISMO
O Galician Freaky Film Festival é o evento de cinema e cultura freak definitivo. Desde 2017 trae á cidade olívica unha coidada selección nacional e internacional de curtametraxes de xénero. Pezas moitas veces inéditas en Galicia e España, só desfrutables nalgúns dos mellores festivais do mundo.
Unha abraiante selección de obras, unha coidada programación de actividades paralelas e un ambiente único fan que cada ano aumente o exército de freaks que se achegan a Vigo para gozar do GFFF, unha experiencia que vai alén do cinematográfico e que se converte nunha auténtica experiencia de comunidade freak.
Un festival único na nosa contorna, que cada ano gaña máis adeptos e que por méritos propios xa falan del como o festival de cinema máis divertido de Galicia, e un dos festivais de xénero da península ibérica que non te podes perder.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.