Notas de prensa

Cal é o poder da arte fronte á guerra?

Este sábado 21 de xuño, a 32 Bienal de Arte de Pontevedra celebrará a súa xornada inaugural, na que abrirán as súas portas os diferentes espazos expositivos do evento, entre os que se atopa a Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes. Mais a programación da bienal arrancou xa con actividades como o obradoiro que este xoves e venres imparte na Facultade de Belas Artes a filósofa Elodie Moreau.

“Cal é o poder da arte fronte á guerra?” é a pregunta que articula este seminario de “filosofía práctica”, que busca xerar un diálogo sobre o papel da arte en situacións de conflito, a través de cuestións como se esta é unha vía de escape do mundo ou un xeito de transformalo.

Formada nas universidades de Galatasaray, Sorbona e Rennes 1, na traxectoria de Moreau combínase o seu labor como docente co seu traballo en proxectos centrados na protección de especies en perigo de extinción e na preservación da memoria de poboacións obrigadas a migrar por causas ecolóxicas e sociais. No seu obxectivo de levar a filosofía máis aló do ámbito académico, o seu obxectivo neste obradoiro, explicou, era “xerar un diálogo e compartir ideas”, outorgando o protagonismo ás e aos participantes. “O taller formúlase como unha conversa que comeza coa pregunta de como pode a arte promover a paz en tempos de guerra”, engadiu o vicedecano Ignacio Pérez-Jofre, na apertura dun seminario "directamente relacionado co tema central da bienal”, que leva por título Volver a ser humanos. Ante a dor dos demais.

Tras a primeira sesión, o taller continúa pola tarde coa realización dunha colaxe baseada nas ideas abordadas e complétase este venres 20, ás 12.00 horas, cun coloquio aberto ao público nas ruínas de San Domingos, que terá como eixe a instalación Barricade.

Taller de Violeta Quispe

Tamén no marco da programación de actividades complementarias da bienal, Belas Artes acollerá en xullo un taller da artista peruana Violeta Quispe. Financiado polo Departamento de Pintura, este obradoiro estará centrado na realización dunha táboa sarhua, unha “expresión cultural e artística” do pobo sarhua do Perú, consistente no traballo cunhas táboas en formato vertical nas que se pintaba “a vida cotiá, social e cultural do lugar”. Da man dunha artista que forma parte da exposición que poderá verse no Pazo da Cultura, este obradoiro permitirá afondar no uso desta linguaxe visual “tanto en contextos tradicionais como contemporáneos”, así como achegarse os procesos creativos dunha artista cuxa obra céntrase en “reclamar a igualdade da muller e denunciar a violencia de xénero, sobre todo das mulleres indíxenas”, segundo recolle o texto de presentación deste taller.

Baixo título Sarhua tablaykita pagarichiy / Crea a túa táboa sarhua, o obradoiro desenvolverase entre 7 e o 9 de xullo e está aberto a profesorado, estudantes e graduados e graduadas da facultade. As inscricións poden realizarse ata o 4 de xullo no correo [email protected].

Novos valores na Sala Moldes

A Bienal de Arte de Pontevedra levará a obra de 60 artistas de 28 nacionalidades a doce espazos da cidade, entre os que se atopa a sala de exposicións da Vicerreitoría do campus. Alí poderá verse desde este sábado a mostra que reúne os proxectos de Andrea Davila e Carlos Fer, gañadores do Certame de Residencias Artísticas Novos Valores do Museo de Pontevedra. Investigadores da Facultade de Belas Artes, este galardón levounos a realizar unha estadía na Fundación Nicole & Walter Leblanc de Bruxelas e no Centro de Residencias Artísticas Matadero de Madrid, onde traballaron nos últimos meses nos proxectos artísticos que protagonizarán a exposición da Sala Manuel Moldes.

Concretamente, Andrea Davila presentará O corpo é terra que se converte en xardín en contacto coa auga, “unha instalación en proceso de explora a relación entre materia, corpo e auga”, como sinalan desde a organización. Carlos Fer, pola súa banda, amosará Exercicios para colgar unha pintura, un proxecto no que “investiga de que maneira a disposición física dunha pintura no espazo pode alterar radicalmente o seu sentido” e o xeito no que é percibida.

Ademais, a programación da bienal permitirá tamén coñecer as creacións das artistas e profesoras da facultade Almudena Fernández Fariña, Marina Núñez e Carmen Hermo, cuxas obras poderán verse no Edificio Castelao do Museo e no Convento de Santa Clara.

Universidade de Vigo (UVigo), 2025-06-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES