Notas de prensa

O curso 'Ourense no tempo' percorre a historia, a arte e as tradicións da provincia

Arrancou na Facultade de Historia do campus de Ourense a terceira edición do curso Ourense no Tempo: Historia, Arte e Tradicións. Nel faise divulgación científica das investigacións que leva a cabo a comunidade universitaria do Departamento de Historia, Arte e Xeografía da Universidade de Vigo en temáticas relacionada coa provincia de Ourense así como as de outro persoal investigador externo especializado.

Cunha duración de 35 horas, a iniciativa forma parte da programación de cursos de extensión universitaria, os chamados cursos de verán, que ofrece neste 2025 a Vicerreitoría do campus de Ourense co apoio da Deputación de Ourense. O seu director é o historiador e profesor José Ramón Campos, que destacou na inauguración do evento este mércores xunto a Julio Prada, decano da Facultade de Historia, que este curso celebra a súa terceira edición grazas á boa acollida que ten cada ano, cunha media de 40 persoas matriculadas e unha boa avaliación por parte das e dos asistentes.

O obxectivo deste curso é transmitir o coñecemento científico xerado polo persoal investigador da Universidade Vigo e outros especialistas; proporcionar ferramentas e exemplos na utilización de diferentes tipos de fontes para a investigación histórica e arqueolóxica e aplicar o coñecemento interdisciplinar e xerar espazos de discusión co estudantado. Tamén quere contribuír ao respecto e á conservación dos bens culturais a través do coñecemento dos seus significados e valores e achegar instrumentos e ferramentas para a elaboración de discursos de comunicación e divulgación igualitarios e inclusivos.

Un percorrido multidisciplinar

O curso ten un carácter multidisciplinar e nel faise un percorrido por diferentes aspectos relacionados coa historia, a arte, a arqueoloxía e as tradicións da provincia de Ourense, desde a prehistoria ata a actualidade, analizando tanto feitos históricos como artísticos e etnográficos. A primeira parte da programación celébrase na Facultade de Historia e consiste nunha serie de conferencias que arrancaron este mércores cunha a aproximación á figura de Luis Varela Aldemira (1895-1975) e á arte e psicanálise más aló do surrealismo feita por Jorge Varela e outra á pegada cultural do exilio ourensán en México a través de Florencio Delgado Gurriarán, neste caso a cargo de Xosé Ramón Campus e Tania Pérez.

Ao longo deste mércores e xoves tamén haberá conferencias sobre Bemposta; o Colexio Santo Ángel; a historia da Biblioteca e do Arquivo Histórico Diocesano de Ourense; a tumba do oficial Henenu en Deir el-Bahar (Luxor); a lactación de S. Bernardo en Santa María de Xunqueira de Espadanedo e os castros no val do Salas. Para rematar esta primeira etapa do curso no campus, haberá un obradoiro de iniciación á elaboración de cervexa artesá co mestre cervexeiro José Antonio Gil.

O venres e sábado, a programación sairá das instalacións universitarias e consistirá en visitas guiadas a lugares históricos e arqueolóxicos das comarcas da Allariz e Valdeorras e conferencias nestes enclaves. Así, as persoas inscritas, maioritariamente alumnado da Facultade de Historia e do Programa Universitario para Maiores, visitarán un día Xunqueira de Ambía, Allariz, Santa Mariña de Augas Santas e Armea e outro Proendos, Montefurado, Quiroga, Valencia do Sil, Vilamartín de Valdeorras e A Rúa, para afondar no seu rico patrimonio, xacementos arqueolóxicos e historia.

Universidade de Vigo (UVigo), 2025-06-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES