//if ($dataid['id'] == 2){ ?>
Noticias tecnologia
A Xunta de Galicia convida ás entidades europeas responsables da seguridade da navegación aérea a establecer colaboracións para acelerar o desenvolvemento tecnolóxico e regulamentario das operacións con vehículos aéreos non tripulados e así potenciar o desenvolvemento da industria europea no mercado mundial. Representantes institucionais e técnicos de Eurocontrol (organización europea para a seguridade da navegación aérea), da Axencia Europea de Seguridade Aérea (European Union Aviation Safety Agency, EASA), e da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) participaron hoxe nunha demostración de casos de uso dos simuladores U-Space do Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR), unha infraestrutura única na contorna europea.
A Business Factory Aero (BFAero), programa de incubación, aceleración e consolidación de empresas especializado no sector aeroespacial e no segmento dos vehículos non tripulados da Xunta de Galicia, abre hoxe oficialmente o prazo de inscrición na súa quinta edición. A Administración autonómica reforza así a súa aposta pola retención e captación de talento innovador na busca de propostas de alto impacto para o ecosistema aeroespacial e para a sociedade.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia participou hoxe en Bruxelas no acto de sinatura do acordo de asociación que pon en marcha o consorcio Govtech4all para experimentar novas formas para proporcionar innovación ao sector público a través da colaboración público-privada. O proxecto permitirá a elaboración de entre catro e seis proxectos piloto conxuntos nos que se aplique un amplo conxunto de metodoloxías de goberno intelixente. Segundo explican os promotores da iniciativa, as incubadoras, os laboratorios de innovación e os equipos dixitais de Govtech deseñarán os desafíos a través dun enfoque de creación conxunta.
Investigadores do CiMUS da USC e da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica identifican novos xenes responsables da severidade da COVID, segundo se recolle no estudo de enfermos críticos coordinado en parte polo catedrático de Medicina Legal da USC e investigador do CiMUS e do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), cuxos resultados veñen de ser publicados na revista Nature. O estudo mostrou 49 rexións xenómicas asociadas nas que se estudaron as posibilidades de novas terapias con novos modelos de análises e atopáronse dianas terapéuticas de moito interese sobre as que se poderían usar fármacos de reposicionamento.
A simulación é unha metodoloxía de aprendizaxe que reproduce experiencias reais de pacientes mediante escenarios guiados e controlados que imitan algún aspecto da realidade. Isto establece situacións ou problemas similares aos que enfronta o persoal profesional durante as diferentes prácticas clínicas ou cirúrxicas. A formación baseada na simulación é unha ferramenta docente cada vez máis importante que permite incrementar os niveis de capacitación e competencias, especialmente nas habilidades clínicas, dos profesionais sanitarios nun ambiente seguro.
Galiciencia, a maior feira científica de Galicia, bate este ano récord de asistencia, con máis de 4.800 persoas participantes nas diferentes actividades, tanto presenciais como en liña. Nesta edición seleccionáronse un total de 106 proxectos promovidos por 243 alumnos e alumnas de 34 centros educativos de toda a comunidade. O reto desta edición está no sector aeroespacial e aeronáutico, un ámbito no que Galicia conta con grandes empresas do sector colaborando xunto con 70 pemes galegas e centros tecnolóxicos no marco do Polo Aeroespacial de Galicia.
Os consorcios galegos participados pola USC que desenvolveron os proxectos de I+D+i Nanofluidetec (Detección rápida e automatizable para SARS-Cov-2 baseada en PCR, nanotecnoloxía y microfluídica) e Digital Biocov (Predición temperá de actividade anti-COVID-19 sobre biomoléculas presentes en fungos e microalgas mediante a aplicación de técnicas de Machine Learning integrando datos biolóxicos e químicos), presentaron este xoves na Facultade de Ciencias do Campus Terra da USC un prototipo que permite a detección do ARN do virus SARS-COV-2 e un sistema deseñado para alertar de actividade anticovid a partir de produtos naturais, unha ferramenta de Intelixencia Artificial (IA) con capacidade para acelerar os procesos de desenvolvemento de fármacos.
En breve botará a andar nas oficinas de emprego a nova ferramenta tecnolóxica EMI (Emprego Intelixente), que entre outras funcionalidades contará cun navegador competencial, cun emulador de ocupacións e cun recomendador de formacións, que comezará a implantarse nas próximas semanas, e a modo de proxecto piloto en tres destas dependencias (Ordes, Pontevedra e Cambados). Coa forza laboral formada e as empresas coidando das súas traballadoras e traballadores, parece que o reto de vencellar oferta e demanda está xa máis próximo.
O Proxecto Nós, a iniciativa que permite incorporar o galego ás novas linguaxes dixitais e que xa ten rematadas as tres primeiras ferramentas, presenta tres utilidades que estarán dispoñibles en aberto nun breve prazo de tempo para que calquera persoa, empresa ou proxecto as poida usar de xeito gratuíto: o tradutor de galego con tecnoloxía neuronal que xa está rematado e supera a calquera outro que existira ata agora, a primeira tecnoloxía que entende o galego oral e o converte a texto, e outra que, a partir dun texto, é quen de ler en lingua galega.
A RIS3 constitúe unha oportunidade para seguir afondando na especialización intelixente de Galicia, iniciada no ano 2014 coa primeira Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (2014-2020). Para iso, a Estratexia identifica os retos e prioridades nos que concentrar as capacidades, esforzos e investimentos en coordinación co tecido produtivo co obxectivo de crear vantaxes competitivas mediante o desenvolvemento das fortalezas de investigación e innovación. Isto é, identificar os ámbitos nos que Galicia é excelente para especializarse naqueles que poida ser competitiva a nivel estatal e internacional.
A Universidade da Coruña (UDC) organiza, do 27 ao 31 de xaneiro, un workshop internacional centrado na computación aplicada ao experimento LHCb (Large Hadron Collider beauty) do Centro Europeo de Investigación Nuclear (CERN), con sede en Xenebra (Suíza). Este evento reunirá a preto de cincuenta científicos de diversas nacionalidades.
O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña acolleu, do 21 ao 23 de xaneiro, a terceira reunión do Iberian White Dwarf Working Group, coordinado pola investigadora da UDC Minia Manteiga. Este evento reuniu a expertos en astrofísica para debater e compartir os últimos avances na investigación sobre as ananas brancas.
A RAGC e a UIE celebraron o acto de entrega dos Premios para investigadoras e investigadores xoves, galardóns que nacen co obxectivo de impulsar a investigación científica en Galicia, dando recoñecemento e potenciando as traxectorias de investigadores novos que desenvolven a súa carreira en centros da nosa comunidade, e contribuíndo ao impulso do coñecemento científico como motor de progreso.
Un traballo liderado por persoal investigador do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), a Universidade Carlos III de Madrid (UC3M) e a Universidade de Valencia (UV) estuda a posible existencia de asimetrías no universo a través da análise do sentido de xiro das fusións de buracos negros. O artigo acaba de publicarse na revista Physical Review Letters, unha das máis prestixiosas do mundo no ámbito da física.
O Centro de Investigación en Tecnoloxías Industriais da UVigo, Cintecx, deu a coñecer as tres propostas gañadoras de Cintecx Challenge25, unha convocatoria de axudas dirixida a financiar o desenvolvemento de proxectos de I+D colaborativos entre os diferentes grupos adscritos ao centro, pensando sobre todo, en impulsar as propostas das investigadoras e investigadores máis novos.
O próximo mes de febreiro as JAI, Jornadas sobre Tecnologías y Soluciones para la Automatización Industrial, celebrarán a súa décima edición e farano co programa de conferencias e mesas redondas máis extenso da súa historia, con 70 relatores, o que se traduce en máis de 40 horas de ponencias. Entre os convidados, algúns tan coñecidos como o doutor Diego González.
O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e a Xunta de Galicia, contribuirá nos vindeiros anos á rede MicroNanoSpain, un proxecto para fortalecer o deseño e fabricación de chips e semicondutores no ámbito español e europeo. O instituto compostelán achegará os seus coñecementos e recursos no campo do deseño microelectrónico, sistemas de adquisición de datos, cálculo e computación.
O campus de Ourense acolle esta semana a xornada de lanzamento do proxecto europeo 5G: Stop Forest Fire For 5Green. Coordinado desde a Universidade de Vigo, o seu obxectivo é crear unha plataforma dixital de alfabetización ambiental na que se amosará a conexión entre o cambio climático e os incendios forestais e se porá de relevo a riqueza dos ecosistemas forestais e o seu impacto ambiental.
A implantación clínica da impresión 3D para a preparación de medicamentos personalizados nunha contorna clínica é o eixo sobre o que se asenta o estudo desenvolvido pola investigadora da USC Lucía Rodríguez Pombo. En concreto, o traballo aborda a tecnoloxía de extrusión de semisólidos que permite a preparación de formas farmacéuticas mastigables de forma sinxela e rápida, así como o desenvolvemento dunha nova técnica de impresión 3D de fotopolimerización en cubeta, a impresión volumétrica.
O proxecto Gaia da Axencia Espacial Europea, que se centra en cartografíar a Vía Láctea, entra nunha nova fase logo que a ESA confirmase hoxe mércores a finalización das observacións científicas da nave espacial Gaia, lanzada o 19 de decembro de 2013. Dende entón e ata a actualidade, a sonda Gaia acumulou máis de 3 billóns de observacións duns 2000 millóns de estrelas e outros obxectos, construíndo o mapa máis grande e preciso da Vía Láctea.