
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, avanzou hoxe no Parlamento de Galicia a posta en marcha das tres primeiras medidas do Proxecto Nós, a iniciativa que permite incorporar o galego ás novas linguaxes dixitais e que xa ten rematadas as tres primeiras ferramentas. Trátase de utilidades que estarán dispoñibles en aberto nun breve prazo de tempo para que calquera persoa, empresa ou proxecto as poida usar de xeito gratuíto.
O titular de Cultura da Xunta referiuse, en concreto, ao tradutor de galego con tecnoloxía neuronal que xa está rematado e supera a calquera outro que existira ata agora e tamén avanzou que xa está lista a primeira tecnoloxía que entende o galego oral e o converte a texto e outra que, a partir dun texto, é quen de ler en lingua galega.
Avanzou, ademais, que algunhas das primeiras aplicacións destas tecnoloxías do Proxecto Nós xa se poden ver no spot institucional da Xunta de Galicia das Letras galegas 2023, onde se amosa a primeira locución da historia en lingua galega creada con redes neuronais. A incorporación do galego ás novas linguaxes dixitais é unha realidade cada vez máis presente e estas tres primeiras ferramentas permitirán seguir avanzando para que forme parte nos novos usos tecnolóxicos, ao mesmo nivel que as grandes linguas do mundo, indicou Román Rodríguez.
Uso na mocidade
O Proxecto Nós, impulsado pola Xunta de Galicia, foi incluído no PERTE Nova Economía da Lingua e, como engadiu, supón o salto decidido do galego ao mundo dixital e permitirá, do mesmo xeito, potenciar o seu uso entre a mocidade, indica.
Foi presentada a novena edición de Intersección, Festival Internacional de Cine da Coruña, celebrada nos Cantones Cines. O festival desenvolverase do 13 ao 17 de outubro cunha programación que combina proxeccións, exposicións, formación e encontros profesionais arredor das novas linguaxes cinematográficas. Así, as seccións competitivas Galicia, Internacional e Fulgor achegarán ao público obras afastadas dos circuítos comerciais habituais e novas voces da creación audiovisual contemporánea. En concreto, a sección Internacional reúne 27 filmes procedentes de 22 países, entre os que figuran catro estreas mundiais, 17 en España e cinco en Galicia. As propostas exploran cuestións como a tecnoloxía, a memoria, o territorio e a identidade desde linguaxes e xeografías diversas.
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou en Santiago, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, o acto do Día da Ciencia en Galicia, no que se homenaxeou á oceanógrafa Aida Fernández Ríos (Vigo, 1947 - Moaña, 2015) como Científica Galega 2026. Ademais, entregáronse as Medallas de Investigación a cinco científicas e científicos da nosa comunidade. O presidente da Academia destacou que 'Aida Fernández Ríos foi unha investigadora capaz de identificar problemas relevantes e de situalos nun contexto internacional, converténdose nunha científica respectada moito máis alá de Galicia.